A xoia do urbanismo salvaxe que enfronta os veciños de Sada co seu concello

Unha ducia de veciños do concello de Sada pecháronse durante case dez días no interior dunha vella cafetería para resistir a orde de derribo que a ameaza. O goberno local asegura que o edificio é ilegal, pero os implicados no encerro aluden a intereses políticos.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Celso Carreira saca un pequeno coitelo do peto e achégase ao Náutico de Sada. O home, de 72 anos, comeza a serrar as bridas que pechan a estrutura. Celso é unha das persoas que, dende hai semanas, custodia o edificio para protexelo da orde de derribo que pende sobre el. Cortados os plásticos, queda o cancelo. Entón abre a carteira e procura a chave que abre as portas a un pequeno anaco do pasado sadense, 400 metros cadrados onde o aire segue conxelado en 1987.

Os veciños que custodian o Náutico demandan unha consulta pública para decidir 'democraticamente' o futuro do edificio, demanda non atendida polo Concello. Nunha recollida informal de votos, sumaron 5.040 sufraxios a favor da conservación e 208 polo derrubamento. Sada conta 16.000 habitantes.
Os veciños que custodian o Náutico demandan unha consulta pública para decidir 'democraticamente' o futuro do edificio, demanda non atendida polo Concello. Nunha recollida informal de votos, sumaron 5.040 sufraxios a favor da conservación e 208 polo derrubamento. Sada conta 16.000 habitantes.

Sada é unha desas vilas que foi gañada ao mar. Lugar de pasado mariñeiro, reconverteuse ao turismo logo dunha etapa de decadencia económica coincidente cos anos do Franquismo. O Náutico é a seña e bandeira desa turistificación: unha cafetería de pasado luxoso que hoxe esmorece tras case 20 anos de abandono. Todo ao pesar do seu privilexiado enclave: a menos de dez metros está o mar, e os seus cristais coñecen o sabor salgado da ría de Betanzos, que en días de treboada bate como se de augas abertas se tratara.

Ao pouco de entrar no edificio chega ao lugar Manolo Cotos. Celso e Manolo fan parte da asociación veciñal que, dende hai varias semanas, custodia o edificio para impedir o seu derrubamento. “Primeiro recollemos firmas, pero cando vimos que a cousa avanzaba viñemos aquí e acampamos”, explica Manolo, voceiro da asociación. En total, pasaron nove noites ao pé do edificio, unha conta que logo podería ampliarse se o goberno local segue adiante coa decisión de reducilo a pó.

30 ANOS DE BATALLA LEGAL

O Náutico de Sada foi declarado ilegal en 1991, tan só catro anos despois de ser cedido ao primeiro adxudicatario. No momento da súa construción, pouco antes da Lei de Costas, o seu emprazamento non supoñía problema. As complicacións chegaron porque, segundo o TSXG, a obra excedeu os metros concedidos na licencia orixinal. De aí que o alto tribunal mandara a súa demolición parcial, orde que logo sería repetida polo Supremo en 1999.

O emprazamento do Náutico, a escasos metros da Ría de Betanzos, convérteo nun dos edificios máis representativos --e polémicos-- da vila. Dende o seu interior, hoxe desmantalado, podía contemplarse a praia de Sada.
O emprazamento do Náutico, a escasos metros da Ría de Betanzos, convérteo nun dos edificios máis representativos --e polémicos-- da vila. Dende o seu interior, hoxe desmantalado, podía contemplarse a praia de Sada.

Pero os anos pasaron, e os alcaldes que detentaron o mando en Sada decidiron deixar o edificio onde estaba. En 2015 o PP optou por rescindir a concesión e a estrutura pasou a ser propiedade do Concello. Agora, o goberno local --un tripartito da marea Sadamaioría, Alternativa dos Veciños e o BNG-- vén de recuperar a vella promesa do derrubamento amparándose na sentenza do Tribunal Supremo. Pero tanto Vecinos Unidos como a oposición asegura que esta caducou, e que detrás das piquetas que ameazan o Náutico hai intereses doutra clase. 

UNHA SENTENZA "CADUCADA"

As tentativas do goberno de Sadamaioría para botar abaixo o Náutico comezaron en 2017. Un ano despois, o TSXG notifica ao consistorio que o derrubamento do edificio fora arquivado. A luz verde para este trámite, concedido en 1999, tería caducado unha década despois sen que o goberno sadense chegara a mover ficha.  

Con todo, o Concello seguiría tendo na súa man o futuro da vella cafetería. Á parte de ser pública, esta resultou excluída do PXOM, elaborado polo goberno de Sadamaioría na lexislatura anterior. Os veciños implicados consideran que o edificio podería volver a funcionar se o goberno o devolvera ao ordenamento urbanístico, pero o alcalde Benito Portela (Sadamaioría) xa apuntou as dificultades deste trámite. A ollos do rexedor, o edificio produce un apantallamento das vistas que o faría incompatible coa regularización, de acordo coa Lei do Solo galega de 2016.

"UN ANACO DA NOSA MEMORIA"

No interior, o Náutico parécese pouco a esa vella cafetería que, nos 80 e 90, viu pasar os sadenses dende a súa atalaia de luxo e postín. “Moita xente celebrou aquí as súas vodas, as súas comuñóns... é como un anaco da nosa memoria”, apunta Celso entre paredes pintadas e baixo un teito con bloques de formigón ao aire. Ao comprobar que os plans do Concello ían en serio, os veciños implicados deixaron a un lado a recollida de sinaturas para instalarse dentro do edificio. Atopárono desfeito, vítima de case 20 anos de abandono nos que moitos senteito fixeron noite. “Así que o limpamos todo”, continúa o home. “A unha muller saíronlle chagas na man de varrer”, asegura.

Aínda que a carátula do edificio estea demacrada, os veciños aseguran que a estrutura segue enteira. “Non hai fendas que poidan indicar un deterioro, fíxose con materiais de moi boa calidade”, explica Manolo Cotos. De aí que suxiran darlle unha nova vida como cafetería, lugar de ocio para a terceira idade ou mesmo gardaría. Outra idea é a de crear un museo do mar, alternativa que podería cos fondos da UE para rehabilitar ao completo o edificio. O BNG local levou a proposta ás eleccións do 2019 pero, tras o ofrecemento de Sadamaioría para entrar no goberno, decidiu deixar caer as demandas sobre a continuidade do Náutico. 

A alternativa da UE poñería fin a outra pata da disputa, a económica. Os veciños lamenta a perda patrimonial do edificio, actualmente taxado en 400.000€, aos que habería que sumar os máis de 100.000 do derrubamento. Dende a alcaldía, pola contra, sosteñen que a rehabilitación carrexaría cifras estratosféricas, dado que xa por 2009 --cando estaba en moito mellor estado-- o orzamento acadaba o medio millón de euros. 

A problemática do Náutico vén de abrir unha fronte aberta entre a plataforma de Cotos e Carreira e o goberno local, ao que os veciños acusan de xogar sucio impedíndolles recoller firmas no Feirón ou acampar fronte ao edificio. Pero a historia desta cafetería é, sobre todo, a da memoria que esmorece, e de como o paso do tempo fai incomprensible o que antes era obvio, enfrontando sentires e xeracións --algúns dos mobilizados que durmiron no Náutico este verán son xubilados--.

Actualmente, as concentracións están paralizadas, á espera dunha resolución xudicial que, en poucos días, podería volver poñer en marcha as escavadoras. “Entón viremos e pecharémonos dentro, faremos o que faga falla”, sentencia Carreira, xa no interior do edificio.

- E vostede acórdase de cando se facían festas aquí?

- Si, si, eu acórdome...

E deixa que se lle perda a mirada nun punto, entre os escombros e cristais, onde quizais fai moitos anos houbo unha cara, e soaba unha canción, e os tempos eran outros.

Manolo Cotos (esquerda) e Celso Carreira camiñan polo interior do Náutico de Sada. 'Cando entramos aquí había moito que limpar, había xiringas e cartóns de viño', destaca o segundo. Decidiron adecentalo para desenvolver visitas 'guiadas' cos veciños que se interesaran. 'Moitos quedan sorprendidos do ben que se conserva por dentro', destaca Cotos.
Manolo Cotos (esquerda) e Celso Carreira camiñan polo interior do Náutico de Sada. 'Cando entramos aquí había moito que limpar, había xiringas e cartóns de viño', destaca o segundo. Decidiron adecentalo para desenvolver visitas 'guiadas' cos veciños que se interesaran. 'Moitos quedan sorprendidos do ben que se conserva por dentro', destaca Cotos.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Mariñán

Os veciños ben conocemos quén é Cotos e non lle facemos caso. Vecinos Unidos é él só, publica en todos os grupos que haxa, auto megustase e autorrespóndese él só cos seus perfiles verdadeiros e falsos. Só hai que facer un pequeno seguemento para velo.

2 Gamela

Quen sabe o motivo da bandeira SUIZA á porta do Náutico de Sada ?

1 Arteixá

Que o derruben xa, a metade de Sada sobra. Que horror tanto destrozo en todas e cada unha das vilas galegas, pailanismo caciquil.

1 Huang ho

Toda a razón. Iso é un adefesio. Algún día aínda haberá quen pretenda conservar un deses galpóns con peche con un metálico de cama.