Rajoy contra os autónomos

2014 trouxo malas novas para os autónomos. Principiou a vixencia do réxime de caixa do IVE para aqueles que o escollan, que supostamente cumpriría a promesa electoral do 2011 de que os autónomos e pemes só pagarían o IVE cando o desen cobrado. E non hai tal, porque o sistema é impracticábel, ao vencellar tamén ás empresas que pagan as facturas. Aturan de bo grao as grandes empresas que a súa peme provedora lles vincule en todas as súas relacións coa mesma? Xa saben a resposta. A opción polo réxime de caixa conleva na práctica o carimbo de “empresa problemática”. Velaí a inutilidade deste sistema, cando pola Europa adiante había exemplos abondo de sistemas operativos. Das resultas desta mentira, menos dun 8% dos 2,3 millóns de autónomos e pemes que poderían optar por este sistema ( restrinxido aos que facturan menos de 2M€ /ano) poderán usalo.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 26/01/2014

Comparte esta noticia
As pemes (considerando nesta categoría ás empresas de menos de 25 traballadores) tamén sofriron a supresión da norma que lle atribuía ao Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) o  pagamento do 40% das indemnizacións por despedimento obxectivo. E viron como sobía un 22% a cota mínima de cotización á Seguridade Social dos autónomos que operan a medio de sociedades mercantís (case sempre S.L. unipersonais ou de moi poucos socios), penalizando deste xeito a decisión xurídica máis acaída para garantir a separación entre patrimonio empresarial e persoal. Separación imprescindíbel para emprender con mínimas garantías. Ao tempo, os salarios reais minguaban e os impostos empresariais medraban coa implantación da cotización dos bonos para xantar de empresa e outros pagamentos “en especie”.
 
Rajoy e Montoro, outravolta, deixan en papel mollado as súas supostas medidas pro emprendemento  e ratifican a súa fin de seguir a se financiar con cargo ás pemes e autónomos, canda os asalariados. Mentres, arrumban a precisa reforma do Imposto de Sociedades para suprimirmos as deducións que privilexian á grande empresa (que foi quén de introducir cadansúa dedución por “lobby”). Xusto o grande burato da recadación fiscal que está a pexar o Estado do Benestar.
 
O PP segue a lle dar as custas aos autónomos e pemes e a  privilexiar ás corporacións do IBEX 35 e demáis beneficiaros do capitalismo castizo do BOE. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.