Os hostaleiros acollen con "dúbidas" o novo protocolo covid

Federacións do sector miran cara a Madrid para relaxar as medidas e apostan por reimplantar o certificado covid no lecer nocturno.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/09/2021 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Representantes da hostalaría de Galicia recoñecen que o novo protocolo para bares, restaurantes e cafetarías, que acaba de superar a súa primeira fin de semana en vigor, aínda xera "dúbidas" no sector, que "tampouco está entusiasmado" coas medidas porque "non facilita o traballo".

Varias persoas na terraza dun bar, a 18 de setembro de 2021, na Coruñ
Varias persoas na terraza dun bar, a 18 de setembro de 2021, na Coruñ | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

O plan de 'hostalaría segura' que se implantou o pasado mércores permite, como principal novidade, a apertura dos locais en toda Galicia con independencia da situación epidemiolóxica de cada concello. Agora, os establecementos divídense en dous tipos --máis un terceiro, de seguridade, que activan as autoridades sanitarias se se agrava a situación epidemiolóxica-- en función das medidas que cumpran.

Así, os locais de tipo un teñen as seguintes condicións e requisitos: interior ao 50%, exterior ao 75% de capacidade; distancia de 1,5 metros entre mesas, exposición pública de capacidade, medidor de CO2 con notificacións como máximo cada 4 horas; máscaras cirúrxicas para o persoal; e dúas horas de formación de protocolos covid para o persoal.

Mentres, os locais do tipo dous, con maiores esixencias, poden abrir ao 75% o interior e ao 100% as terrazas, pero deben contar cun medidor de CO2 que faga anotacións constantes. Tamén dispoñen de máscaras FFP2 para o persoal que o requira, ofrecen aos traballadores probas diagnósticas cada sete ou oito días e os restaurantes fan un rexistro de clientes. Nesta tipoloxía, ademais, as barras dos bares poden empregarse de forma individual ou cun máximo de dúas persoas por grupo sempre que sexan conviventes; e a distancia de 1,5 metros debe ser non só entre mesas, senón tamén clientes.

"A impresión é de que seguimos facendo vida normal, entre comiñas", asegura o presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos), César Ballesteros, quen explica, tras a primeira fin de semana en vigor do protocolo, que a súa organización recibe "moitas chamadas" de asociados "consultando dúbidas".

O sector aínda se está "adaptando aos poucos" a unhas directrices "tampouco está entusiasmado", advirte Ballesteros. E é que estas normas "obrigan a ter uns procedementos a maiores" que antes non había, como a formación dos traballadores e a realización de probas, a pesar de que a pandemia "está á baixa".

Neste sentido, o presidente da federación de Pontevedra pon de exemplo a Comunidade de Madrid, onde "se están facendo aperturas sen ningún tipo de limitacións".

"NON IMPLICA UN AUMENTO REAL DE CLIENTES"

Por parte da Asociación Hostalaría Compostela, un dos seus directivos, Avelino Martínez, critica que o protocolo "nin facilita máis capacidade" nin "facilita o traballo": "Non implica un aumento real do número de clientes que collen no local".

Segundo afirma, "a maioría" dos establecementos, "a pesar de poder utilizar a barra", poden atender agora "menos comensais" debido ás esixencias de distancia. Iso si, Martínez, que rexenta o restaurante O Dezaseis en Santiago, recoñece que si facilitou "pequenos detalles" como a ampliación a oito persoas de máximo por mesa.

"A capacidade real do local non me variou, pero si teño un maior aproveitamento do espazo e agora estamos máis preto de poder alcanzar o 50 por cento real", explica.

Con todo, o directivo da Asociación Hostalaría Compostela considera que se debería seguir avanzando na relaxación de medidas, "sobre todo co nivel de vacinación que hai". Tamén Martínez se fixa en Madrid e lamenta que "cada autonomía ten as súas restricións", porque hai responsables de locais que "están a ter enfrontamentos" con algúns clientes que chegan a Galicia desde outras comunidades con medidas máis laxas.

UN PLAN "MENOS MALO"

Fronte ás certas críticas ao plan de 'hostalaría segura' que entrou en vigor a semana pasada, o presidente da Federación de Empresarios de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández, destaca que se trata dun sistema "máis viable" e "menos malo", aínda que si recoñece que traballar con el "non é excesivamente satisfactorio".

"Son as medidas un pouco máis esixentes? Si, no aspecto sanitario si o son, pero temos que comprender que o que queremos é que a epidemia nos abandone e nos deixe traballar", explica.

Ovidio Fernández aposta por que o sector vaia "escalando posicións" cara á normalidade, aínda que admite que, mentres continúe a pandemia, "seguirá habendo un problema de saúde" e unhas directrices que non todos os empresarios acollerán "co mesmo grao de satisfacción".

CERTIFICADO COVID

Outro dos asuntos que ocupa aos hostaleiros é a posible reimplantación do certificado covid para acceder aos locais, unha vez o Tribunal Supremo ratificou a obrigatoriedade desta medida a pesar da negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Respecto diso, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, volve apremar á Xunta a que o implante: "Desde un principio apostamos polo certificado covid, porque é o máis sinxelo nestes momentos".

"É unha cuestión de sentido común", subliña, á vez que acusa o TSXG de "sentenciar contra criterios científicos, médicos e contra os criterios dos epidemiólogos". "Estaba a ver o de Canarias --a erupción do volcán na Palma-- e estaba a pensar que sería surrealista se tamén para desaloxar á xente hai que pedirlle permiso ao Supremo", apostila.

Real insiste en que o certificado covid é máis "práctico" agora que "máis do 80 por cento da xente está vacinada". "Non sei o que decidirá finalmente a Xunta, pero isto xa se está implantando en todas as comunidades autónomas e no mundo. Practicamente toda Europa traballa xa co certificado covid", conclúe.

UN "REVULSIVO" PARA O LECER NOCTURNO

Sobre esta mesma medida, que será estudada de novo polo comité clínico de Sanidade, o presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra considera que sería "o revulsivo que necesita o lecer nocturno" para poder abrir, porque garante que quen entran nos locais "non estean contaxiados ou é moi difícil que estean contaxiados".

Iso si, César Ballesteros avoga por que, se se implanta, o lecer nocturno non debería ter "ningún inconveniente" en operar "sen limitacións" nin de horarios nin de capacidade.

Por parte da Asociación Hostalaría Compostela, Avelino Martínez tamén avoga por implantar o certificado covid para que os negocios --tamén restaurantes-- se poidan certificar como "sitios seguros" e tendan "case a unha total normalidade". E, aínda que se mostra a prol, advirte que "non todo o mundo ten a predisposición" a ensinalo, polo que xera no persoal "unha situación pouco agradable".

Así mesmo, o presidente da federación ourensá, Ovidio Fernández, valora que a implantación desta ferramenta xeraría "un grao de confianza moi grande" para que a xente entre nos negocios, sobre todo no lecer nocturno. E é que, durante o pouco tempo que operou en agosto, estivo "a funcionar moi ben".

Así, tras a resolución do Supremo, confía en que "a vontade da Administración" sexa volver implantalo pronto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José Manuel Souto Lamas

Esta xente alucina. Certificado e anticonstitucional, un atentado as garantías individuais ademáis de inconsistente epidemiolóxicamente. Descoñecen o que está a suceder socialmente en Europa.