Xa hai menos de 2.000 casos activos de Covid en Galicia

Hai menos de medio cento de novos contaxios. Os pacientes hospitalizados descenden a 87 e a taxa de positividade aumenta a un 2,7%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2021 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

Os casos activos de Covid-19 en Galicia descenden por baixo dos 2.000 por primeira vez desde finais de xuño e sitúanse en 1.926, mentres que os novos contaxios caen a 48 --13 menos que a xornada anterior-- e os pacientes hospitalizados por este corononavirus baixan a 87 --seis menos--. Pola súa banda, a taxa de positividade aumenta a un 2,7 por cento.

Segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade este martes, con rexistros ata as 18,00 do luns, descenden a 24 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid --unha menos-- e a 63 as que se atopan noutras unidades --cinco menos--. Polo seu lado, hai 1.839 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

A presión hospitalaria redúcese en catro das sete áreas sanitarias: A Coruña e Cee, Ourense, Lugo e Vigo; mentres que se mantén nas de Santiago e Barbanza, Ferrol e Pontevedra e O Salnés.

En concreto, a área de Vigo segue con seis pacientes Covid en UCI e rexistra catro noutras unidades de hospitalización --tres menos--; mentres que a da Coruña e Cee mantén oito en críticos e baixan a 17 os doutras unidades --un menos--.

Tamén na de Ourense seguen catro ingresados en UCI pola Covid e decenden a oito os hospitalizados noutras unidades --un menos--, mentres que na de Lugo continúan catro en críticos e baixan a 15 os doutras unidades --un menos--. Pola súa banda, a de Ferrol queda sen pacientes Covid en UCI --a única das sete ata a data, a xornada pasada tiña un-- e conta con tres ingresados noutras unidades --un máis--.

A de Santiago e Barbanza segue cun paciente Covid en críticos e nove noutras unidades; e a de Pontevedra e O Salnés cun en UCI e sete noutras unidades.

MENOS DE 2.000 CASOS

Os casos activos manteñen a tendencia descendente e caen por baixo dos 2.000 ata os 1.926, que supoñen 145 menos que no arranque desta semana, ao haber máis altas (190) que contaxios (48), ao que se engaden tres falecementos.

Deste xeito, a Comunidade galega sitúase en niveis de finais de xuño --o día 30 dese mes había 1.930 casos activos de Covid e o 1 de xullo aumentaron a 2.083--. As infeccións activas volven descender nas sete áreas sanitarias, coa de Lugo á cabeza (-62), seguida da da Coruña e Cee (-31), Santiago e Barbanza (-29), Ourense (-20), Ferrol (-2) e Pontevedra e O Salnés (-1), mentres que a de Vigo mantense como a xornada anterior.

Así, con máis casos activos de Covid-19 mantense a da Coruña e Cee, con 505; seguida da de Vigo, con 372; Lugo, con 356; Santiago e Barbanza, con 272; Ourense, con 223; Pontevedra e O Salnés, con 139; e á cola continúa Ferrol por baixo do centenar, con 59.

MENOS CONTAXIOS

Os contaxios de Covid-19 seguen en descenso e caen a 48 no conxunto de Galicia, que supoñen 13 menos que os 61 cos que comezou a semana na que empezará o outono --este mércores--.

En concreto, dos novos casos detectados con probas de diagnóstico de infección activa nas últimas 24 horas, que ascenderon a 48 --trece menos que a xornada pasada--, nove corresponden á área de Vigo; oito á de Santiago e Barbanza; e outros oito, á de Pontevedra e O Salnés; seis, á da Coruña e Cee; seis, á de Ourense; seis á de Ferrol; e cinco, á de Lugo.

En canto á taxa de positividade das probas PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test-- aumenta a un 2,7 por cento, tras comezar a semana nun 1,5 por cento. No entanto, mantense por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

Un autobús onde realizan test de antígenos na Mariña (Lugo), en xullo de 2021.. Carlos Castro - Europa Press
Un autobús onde realizan test de antígenos na Mariña (Lugo), en xullo de 2021.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta