A exquisita carne de boi, un reclamo outonal para visitar Allariz

A vila do Arnoia acollerá do 24 de setembro ao 12 de outubro unha nova edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz. Este ano chegan ao seu 10º ano de celebración con 23 establecementos locais participantes.

Por X.M. Fernández | Allariz | 24/09/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A hostalería alaricana ofertará tapas e menús cuxo ingrediente principal é a exquisita carne de boi de Allariz. Pinchos preparados de diferentes e saborosos estilos, menús e pratos para todos os petos será o que as persoas se atopen nas 10ª Xornadas de Carne de Boi de Allariz.

Presentación das Xornadas de Carne de Boi. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Presentación das Xornadas de Carne de Boi. Foto: Prensa Concello de Allariz.

Volve tamén o concurso de tapas, no que 18 petiscos competirán por ser a tapa elixida dos comensais como a Mellor Tapa desta edición. Entre as propostas presentadas, algunhas ben suxestivas como, por exemplo, os 'callos de Boi', 'Cornos de boi', 'Boimendoado', 'Boiciño quente de Allariz', 'Boi estufado, bica de castaña e queixo do rexo'... O prezo da tapa será de 2 euros e na modalidade de menús haberá para todos os petos, para que todas as persoas que se acheguen podan degustar este prato en Allariz.

Este ano sacrificaranse 6 bois de raza limiá para as xornadas, ao redor de 2.200 quilos de carne.

Aproveitando as xornadas e as sinerxías que xorden no Mercado da Reserva, o sábado 25 de setembro e o sábado 2 de outubro haberá, en formato reducido, a oportunidade de degustar Carne de Boi de Allariz de 12:30 h ás 13:30 h.

PREMIOS POR PARTICIPAR

Este ano, como novidade, vaise conceder un premio local para premiar a gran participación e fidelidade de todas as veciñas e veciños que ano tras ano participan nestas xornadas. “Papando no Boi” será a recompensa que recibirá a primeira persoa, con tarxeta cidadá, que consuma as 18 tapas que compiten no concurso de 2021, cun premio directo de 100 euros para gastar no comercio local.

Boi. Foto: Concello de Allariz
Boi. Foto: Concello de Allariz

Ademais, como en edicións anteriores, haberá un premio de 250 euros entre todas as cartillas que acumulen todas as tapas participantes, e unha cea para dúas persoas para aquelas cartillas que degusten 9 tapas.

O sorteo realizarse o sábado 23 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 12:00 h., no que se darán a coñecer os gañadores ou gañadoras dos premios así como a tapa máis votada nesta edición.

Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, fixo fincapé na importancia que ten o proxecto de Carne de Boi de Allariz para a economía local, así como o aproveitamento dos recursos cos que conta o territorio. E referíndose a estas xornadas dixo tamén que "son un evento dinamizador moi importante para o comercio e a hostalería".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Unhas interesantes xornadas que recomendo. Parabéns ao concello.