Montes en man común máis produtivos e sostibles, claves para protexer Galicia dos incendios

"Se o terreo forestal representa unha importante fonte de ingresos para o seu titular, a incidencia de incendios forestais reducirase moito", defenden investigadores galegos en dous estudos nos que evidencian a importancia das comunidades de montes para reducir os lumes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/10/2021 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

Os Montes Veciñais en Man Común son claves para protexer o territorio galego dos incendios. Así o constatan dous novos estudos do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra, na Universidade de Santiago de Compostela (USC), nos que se analizaron a influencia deste tipo de xestión dos montes sobre a incidencia de incendios forestais.

Comunidade de montes de Lousada, en Xermade (Lugo)
Comunidade de montes de Lousada, en Xermade (Lugo) | Fonte: Remitida.

Ambos os estudos foron publicados este ano na revista científica internacional Sustainability. O máis recente céntrase en analizar a influencia e o peso da produtividade forestal e o valor económico potencial das áreas boscosas sobre a incidencia de incendios forestais nos montes veciñais en man común (MVMC).

Os resultados indican que esas zonas arboradas destinadas á produción “determinan unha menor incidencia, tanto no número de incendios forestais como na superficie afectada” polos lumes. Os autores explican que “nas zonas onde houbo unha perda de produtividade, a taxa de lumes aumentou case un 36%”.

Os investigadores tamén destacan que “nos MVMC con aumento de produtividade, a incidencia de incendios nas áreas de matogueira foi un 46,26% maior que nas áreas arboradas, mentres que nos MVMC con perda de produtividade, a aparición de incendios nas zonas de matogueira foi un 18,95% superior á observada nas áreas arboradas”.

“Segundo o que observamos, unha maior produtividade nos MVMC da rexión de estudo parece determinar unha menor aparición de incendios forestais, mentres que a perda de produtividade levou a un aumento da taxa de lume de ata case o 36%”, resumen os científicos.

Isto explícase, segundo os expertos, “polo alto grao de intencionalidade dos incendios” no territorio galego, de xeito que “o aspecto probablemente máis decisivo da aparición de incendios forestais en Galicia sexa a remuneración (ou retorno económico) que o terreo forestal representa para o propietario”.

“Noutras palabras, se o terreo forestal representa unha importante fonte de ingresos para o seu titular, a incidencia de incendios forestais reducirase moito, xa que o mesmo propietario se asegurará diso; se, por outra banda, o terreo non representa unha fonte de ingresos, o interese do propietario será menor e, en consecuencia, o incendio forestal non será un problema para o propietario”, argúen os autores do estudo.

A análise da produtividade forestal en Galicia para obter unha avaliación da masa forestal en cada MVMC, partiu dos diferentes traballos realizados polo grupo de investigación PROePLA entre os anos 1999 e 2009. Neste caso, o período de análise ampliouse de 2009 a 2014.

Segundo os datos que manexa este grupo, a produtividade forestal en Galicia no período 1999-2009 rexistrou un aumento do 7,61%, independentemente do tipo de propiedade. Pero tendo en conta os MVMC na análise, a produtividade da superficie forestal global foi un 6,16% superior á obtida especificamente para os MVMC. Tamén se apreciou que a produtividade dos MVMC que non sufriron incendios a partir de 2009 foi moito maior que en ningún outro grupo.

Despois de analizar a produtividade obtida, comprobouse que nun total de 1.706 MVMC (56,23% do total rexistrados en Galicia), houbo un aumento da produtividade entre 1999 e 2009, mentres que en 1.327 MVMC, a produtividade diminuíu.

Estes aumentos ou diminucións da produtividade estarían asociadas, segundo os investigadores, a cambios no uso durante a década de estudo, principalmente relacionados coa perda de superficie arborada e o aumento da de matogueira.

Nos dous casos, de perda e aumento da produtividade, a porcentaxe de MVMC nos que se produciron incendios foi moi similar, aínda que lixeiramente inferior nos que gañaron produtividade no período 1999-2009 (31,71% fronte ao 35,27%, respectivamente).

En termos porcentuais, observando a taxa de incendios por 100 hectáreas de superficie en ambos os grupos, comprobouse que a aparición de lumes durante o período 2009-2014 foi un 35,99% maior nos MVMC que perderan produtividade na década anterior.

Ao considerar por separado os MVMC nos que houbo incendios entre 2009 e 2014, tamén se atopou que a aparición de incendios provocados foi lixeiramente superior en áreas que mantiveron ou perderon produtividade entre 1999 e 2009, en comparación con aquelas onde este parámetro aumentou (50,05% fronte ao 49,95%), cando a porcentaxe de superficie representada por eles é significativamente menor (45,22% fronte ao 54,78%).

“Estes datos apoiarían a opinión de que unha menor produtividade estaría asociada cun aumento da actividade incendiaria, xa que o número de lumes foi un 22,59% maior naqueles MVMC que perderon ou mantiveron a produtividade en comparación con aqueles con maior produtividade”, destacan os científicos.

Para o período 2009-2014, constataron que a porcentaxe de superficie arbustiva afectada por incendios foi moi superior á da superficie arbórea queimada en ambas as categorías de estudo (aumento ou perda de produtividade).

En termos porcentuais, a aparición de incendios en zonas de matogueira foi un 46,26% maior que en zonas boscosas. Nos MVMC con perda de produtividade, aínda que a proporción non foi tan pronunciada, tamén houbo unha maior aparición de incendios nas zonas de matogueira, un 18,95%.

Finalmente, o exame detallado dos 100 MVMC con maior incidencia de incendios forestais entre 2009-2014, en comparación cos 100 MVMC con menor ocorrencia de lumes, ratificou o observado, verificáronse grandes diferenzas. Así, a porcentaxe de superficie arborada en 2009 foi moito maior naqueles MVMC con menor número de incendios nos anos seguintes (2009 a 2014), en comparación con outros MVMC con maior incidencia de incendios provocados (65,60% vs. 35,98%). Esta tendencia tamén se apreciou para as áreas de MVMC dedicadas a usos agrícola e gandeiro (7,73% fronte a 2,50%). Pola contra, as porcentaxes de superficie forestal con taxas estruturais de menor valor en 2009, como a matogueira, foron visiblemente moito maiores nas MVMC que máis incendios sufriron entre 2009-2014 (58,51% fronte a 25,15%).

“Os resultados obtidos mostran que os MVMC con maior superficie forestal arborada ou maior valor económico tiveron unha menor incidencia de incendios forestais entre 2009 e 2014, tanto en número de lumes como de superficie afectada. Polo tanto, está demostrado que o aumento do valor económico das terras agrícolas ou forestais reduciría a aparición de incendios forestais. O que vale diñeiro quéimase menos, porque non hai ningún beneficio na ocorrencia de incendios", conclúen os investigadores.

Aínda que recoñecen que a produtividade non é o único factor a ter en conta na aparición de incendios forestais, consideran que en áreas de alta intencionalidade de lumes, a prevención e loita deberían basearse fundamentalmente na recuperación do territorio forestal e os seus recursos ou valores asociados, especialmente sobre a mellora e aumento sostible da súa produtividade.

INTEGRACIÓN DO LUME PARA A XESTIÓN DA PAISAXE

Previamente a este estudo, o grupo PROePLA publicou tamén este ano outro traballo paralelo no que analizaron as estratexias de resistencia ao lume dun grupo seleccionado de comunidades de montes do noroeste de España. Máis concretamente, compararon o risco percibido de incendios forestais co rexistro real de lumes nestas comunidades e a presenza ou ausencia de cambios adaptativos nas prácticas de xestión para reducir o risco e mellorar a capacidade de recuperación.

“Os resultados”, din, “suxiren que, aínda que non existe unha única forma de xestión exitosa, unha característica clave das comunidades resilientes é a integración do lume como ferramenta de xestión”.

Nesta liña, engaden que “o éxito non está relacionado co tamaño, a orientación á produción ou a situación, aínda que prevalece a produción forestal”, como apuntan no anterior estudo citado.

Nas comunidades analizadas neste traballo, a porcentaxe de superficie queimada foi inferior á media galega (0,6% da superficie total ao ano fronte ao 1,4%). Neste sentido, destacan que algunhas das comunidades incluídas neste estudo non só resolveron o risco de incendios, senón que integraron e xestionaron de tal xeito o lume, que este “parece ser un factor clave na súa capacidade de resiliencia”.

Por iso consideran que “a estratexia de xestión do territorio mediante o uso do lume por parte das comunidades con actividade gandeira pode proporcionar solucións para a resiliencia tanto da actividade como da propia comunidade”, e “poden ser unha referencia para outras comunidades similares”.

Con todo, salientan que o uso do lume como ferramenta de xestión da paisaxe requirirá “unha maior experiencia técnica e a necesidade dunha colaboración máis estreita entre as comunidades”.

Para a selección das MVMC contaron co apoio de técnicos da Asociación Forestal de Galicia (AFG), os cales proporcionaron aos investigadores unha lista con comunidades de montes coñecidas por adoptar prácticas de xestión forestal destinadas a reducir a frecuencia ou intensidade de incendios forestais, especialmente cando esas prácticas son relativamente pouco comúns. Unha vez preseleccionadas, convidouse os comuneiros a responder un cuestionario sobre a estrutura da comunidade (número de membros, nivel educativo) e as características da área xestionada (superficie total, número de parcelas, etc.), o modelo produtivo (obxectivos de xestión, principais produtos, fontes de ingresos adicionais), a xestión forestal, o solo e a auga (cantidade e calidade), fixación de CO2, control de riscos de incendios forestais, control de pragas e enfermidades, conservación da biodiversidade, xestión da paisaxe, economía e emprego, gobernanza, entre outros asuntos.

A información adicional sobre a aparición de incendios forestais nas comunidades estudadas completouse cos rexistros da base de datos de lumes do grupo de investigación PROePLA.

Algo que pode sorprender das respostas dos comuneiros, destacado por estes investigadores, foi que “ningunha das comunidades estudadas pensou que era necesario cambiar o modelo de xestión, unha resposta típica cando a produción de madeira é o principal obxectivo”, salientan os autores.

Neste sentido, subliñan que “mellorar a asistencia técnica e a educación dos propietarios sobre o risco de incendios forestais e a redución de combustible poderían reducir substancialmente as perdas económicas e sociais futuras”.

E ven necesario “construír un sentido de comunidade” para que “as relacións sociais en áreas propensas aos incendios poidan facilitar o intercambio de información e mellorar a planificación da paisaxe”.

ALGÚNS DATOS DESTACADOS

En ambos os dous traballos destácanse algúns datos que describen a dramática realidade forestal galega. Por exemplo, os autores destacan que Galicia é unha das rexións con maior produción forestal en Europa, sendo unha quinta parte do seu territorio de propiedade colectiva; pero tamén destaca por ser unha das rexións europeas con maior número de incendios forestais. E os lumes causados ​​polo ser humano representan o 95% do total de incendios anuais.

Os investigadores achegan máis datos que son alarmantes: nos últimos 25 anos, queimáronse máis de 8.000 km2 en Galicia, aproximadamente a cuarta parte da superficie total do país (29.574 km2).

Galicia rexistrou, ademais o 44,82% dos incendios forestais en España e o 22,72% da superficie forestal queimada a nivel estatal, entre 1989 e 2014. Os datos oficiais indican que aquí houbo 200.000 incendios forestais nos últimos 25 anos, cunha media de case 8.000 incendios ao ano e máis de 26.500 hectáreas de superficie forestal queimadas anualmente.

E con máis de 1,4 millóns de hectáreas arborizadas e un crecemento medio de 12,3 millóns de metros cúbicos ao ano de madeira, Galicia achegou algo máis de 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira en 2019 (case a metade das curtas de madeira anuais en España), unha taxa de uso anual que os investigadores consideran “claramente incrementable, baixo criterios de sustentabilidade, segundo as estatísticas oficiais”. Na actualidade, aportan estes investigadores, Galicia representa aproximadamente o 50% da produción estatal de madeira.

Tamén destacan que o territorio galego se caracteriza por unha alta porcentaxe de superficie forestal, que representa máis do 60% da superficie total do territorio e o 11% da área forestal total en España.

Outro dato interesante é que as comunidades de montes xestionan terras forestais de entre 95 e 1.800 hectáreas, cunha alta fragmentación da propiedade que “adoita percibirse como un obstáculo considerable para a xestión sostible e rendible dos bosques e dos terreos”, sinalan.

As fontes que manexan estes investigadores estiman que hai case 1,7 millóns de propietarios en Galicia (dunha poboación total de aproximadamente 2,7 millóns de persoas) e uns 11 millóns de parcelas cun tamaño medio de 0,25 hectáreas. E a maior parte da terra está en mans de propietarios privados, que posúen máis de dous terzos da superficie forestal, pero o tamaño medio dunha explotación privada individual adoita roldar as 1,5-2 hectáreas/propietario. As terras comúns representan o terzo restante (as propiedades públicas son case insignificantes), con 656.000 hectáreas, e están xestionadas por máis de 3.300 comunidades locais, o que dá unha superficie media de 200 hectáreas/comunidade de montes.

As provincias do interior (Lugo e Ourense) son as que abarcan a maior superficie de MVMC (algo máis do 72%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta