Temas: PSDEG PSOE

O PSOE suspende de militancia a un avalista de Noela Blanco por publicar en redes contido "inxurioso" contra Sánchez

A dirección do partido en Ourense saúda a decisión e alerta dunha "estratexia de inflar o censo" para os procesos internos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2021 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A dirección do PSOE suspendeu preventivamente de voto e militancia a un afiliado ourensán, avalista da candidatura de Noela Blanco para o Congreso Federal, por publicar nas súas redes sociais insultos ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

Noela Blanco
Noela Blanco | Fonte: PSdeG.

En concreto, a través dunha resolución asinada polo secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, Ferraz decide suspender preventivamente a súa afiliación porque o contido emitido "podería resultar desleal, irresponsable e inxurioso" respecto doutros militantes e a órganos de dirección do partido "contrario aos principios que rexen" a organización.

De forma paralela, outro escrito asinado polo responsable do Departamento de Atención ao Militante e a Cidadanía (DAMYC), Óscar Santos, informa que este militante queda excluído do censo de votación das primarias para elixir os oito socialistas que conformarán a delegación de Ourense no Congreso Federal do PSOE dos días 15, 16 e 17 de outubro.

Ambos os escritos foron emitidos este sábado, a véspera desta votación na que se enfrontan, precisamente, a candidatura do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que ten o apoio das direccións galega e ourensá do partido; e a da ex deputada autonómica Noela Blanco, de quen é avalista a persoa cuxa militancia acaba de ser suspendida.

Son unhas votacións ás que chega a formación despois de varios cruces de acusacións mentres tentaban atopar unha posición común para formar unha lista de consenso. Ourense é a única das catro provincias galegas que finalmente non o conseguiu.

Ferraz adoptou a decisión de suspender preventivamente a afiliación desta persoa despois de que a dirección do PSdeG remarcase --recolle a resolución de Santos Cerdán-- que os seus insultos en redes sociais estaban "a causar unha grave repercusión na militancia e nos medios de comunicación" por mor "dos procesos internos" que se desenvolven nestas semanas.

"ESTRATEXIA DE INFLAR O CENSO"

En declaracións a Europa Press, o secretario de Organización do PSOE de Ourense, Juan Carlos Francisco, valora "positivamente" a apertura deste expediente porque unha persoa que "o único que fai é insultar e vexar" a Sánchez e "ao conxunto da acción política" do Goberno central "non pode estar dentro do partido".

Pero é máis, Francisco advirte que esta persoa "se dedicou no último mes e medio a afiliar a persoas da súa contorna familiar co único fin de poder votar" nos procesos internos: "Son xente que nada teñen que ver co Partido Socialista".

Aínda que non apunta á candidatura de Noela Blanco, o secretario de Organización do PSOE ourensán si considera que detrás destas afiliacións "hai unha estratexia de inflar o censo" de cara á celebración de votacións como a deste domingo.

"Esperamos que a organización tome nota e, ademais, impida a afiliación de persoas que veñen da man desta persoa (o militante suspendido) e doutros", conclúe Francisco, posto que a denuncia trasladada a Ferraz tamén incluía a outros afiliados.

NOELA BLANCO DEFENDE OS SEUS AVAIS

En días pasados, Noela Branco defendía a través das redes sociais que presentara "o máximo de avais permitidos", un total de 82, e que todos eles foran "validados pola Comisión Nacional de Ética".

Ademais, a mesma candidata preguntábase "como é posible que a candidatura da Executiva Provincial de Ourense" tivese acceso aos datos persoais dos avalistas se "só os coñece a Comisión Nacional de Ética do PSdeG e ademais están suxeitos á Lei de Protección de Datos".

Temas: PSDEG PSOE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta