Por GCAgro | Santiago de Compostela | 12/02/2014 | Actualizada ás 11:00
A Consellaría do Medio Rural ven de declarar a presenza da praga da pulguiña da pataca, ( Epitrix spp. ) na maior parte de Galicia. O insecto, orixinario de Norteamérica, introduciuse accidentalmente en Europa a través de Portugal e no ano 2009 detéctase a súa primeira presenza en territorio galego na comarca da Limia. A partir de entón, e malia as medidas para loitar contra ela, estendeuse á maior parte de Galicia.
Este insecto aliméntase da pataca e aínda que os efectos que provoca na pataca non son moi graves si reducen o seu valor e debilitan a planta favorecendo o ataque doutros patóxenos. Sobre as follas a presenza dos exemplares adultos da pulguiña obsérvase nos múltiples orificios que provoca e en decoloracións. E sobre o tubérculo, as larvas da pulguiña perforan a superficie da pataca en múltiples galerías.
As zonas afectadas pola praga e declaradas en corentena pola Xunta son:
– Todo o territorio incluído nas provincias da Coruña e Pontevedra.
– A área incluída nun raio de 500 metros arredor das seguintes parcelas localizadas na provincia de Ourense:
• Concello: 62; polígono: 65; parcela: 11; recinto: 1. En Asneiros, Piñor de Cea.
• Concello: 26; polígono: 11; parcela: 356; recinto: 1. En Laias, Cenlle.
• Concello: 900; polígono: 8; parcela: 9000; recinto: 124. En Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense.
Medidas a levar a cabo dentro das zonas afectadas:
A Consellaría de Medio Rural estableceu as seguintes medidas para loitar contra a praga da pulguiña da pataca:
– Vixilancia continua do cultivo para a detección precoz da presenza da praga.
– Desinfección da maquinaria despois de traballar nunha parcela posiblemente afectada.
– En caso de detección de síntomas da praga, aplicación de tratamentos fitosanitarios autorizados para o seu control.
– Retirada e destrución dos restos de cultivo despois da colleita.
– Eliminación das renacenzas de pataca de anos anteriores.
– Control das malas herbas que poidan ser hospedeiras da praga, tanto dentro da parcela de cultivo como nas beiras.
– Prohibición dos movementos de tubérculos de pataca fóra da zona demarcada.
– Os tubérculos destinados á comercialización deberán ir a un almacén rexistrado dentro da zona demarcada, no cal serán lavados ou cepillados e comercializaranse acompañados de pasaporte fitosanitario.
– Recoméndase que nos casos en que se detecten síntomas da praga se realice rotación de cultivos, de forma que non se cultiven plantas sensibles nesa parcela durante dous ou tres anos.
Controis nos almacéns de pataca
Todos os almacéns de pataca que queiran comercializar tubérculos procedentes de parcelas localizadas dentro das zonas demarcadas deberán estar inscritos no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais, e para a súa comercialización os tubérculos deberan ir acompañados dun pasaporte fitosanitario.
Para poder emitir pasaporte fitosanitario, antes da comercialización, deberán someter os tubérculos a un proceso de lavado ou cepilladura de forma que non quede máis dun 0,1 % de terra.
Por último, recomendamos a lectura deste monográfico do Ministerio de Agricultura sobre a pulguiña da pataca onde se pode observar unha descrición máis detallada da súa bioloxia
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.