Alertan de que o eólico proxectado no Monte Grande danaría á contorna da emblemática fonte do Vieiro

A plataforma Stop Eólicos Xurés- Celanova denuncia que o vial de acceso á central eólica atravesaría un bidueiral de rexeneración natural e mesmo podería desecar os mananciais que alimentan á fonte.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/10/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova vén de denunciar os danos que causaría na fonte emblemática da N-540 a apertura dun vial de acceso á central eólica que Greenalia pretende instalar no Monte Grande, en Bande. Así, a plataforma convoca para o sábado 23 de outubro a primeira marcha en defensa do Monte Grande, que defenderá precisamente esta fonte do Alto do Vieiro: "un espazo singular, emblemático para toda a comarca onde se abren as primeiras vistas do Xurés".

Fonte do Vieiro.
Fonte do Vieiro. | Fonte: remitida

A agrupación de veciños das comarcas de Celanova e do Xurés e do Couto Mixto sinala que a fonte supón, dende os anos oitenta, "un lugar de visita e tamén de abastecemento de auga para moitas veciñas e veciños de Bande e Verea, e mesmo para visitantes de paso". E denuncian que a pista de 10 metros de ancho que abriría Greenalia e serviría para que circularan os vehículos pesados e materiais de obra, singularmente as enormes pás das máquinas aeroxeradoras, non só danaría a contorna da fonte, "senón que ademais atravesaría un bidueiral de rexeneración natural de 14 hectáreas, entre a fonte e a mámoa do Vieiro, e poñería en perigo serio os mananciais que alimentan á fonte".

Asimesmo, a plataforma apunta que malia que a empresa aínda non iniciou a tramitación do proxecto diante da Administración Pública, Greenalia está negociando desde hai unhas semanas cos comuneiros de Bande e tamén se reuniu coa alcaldesa, Sandra Quintas (PP). Por isto, piden unha xuntanza coa alcaldesa para reclamar que o Concello de Bande informe á veciñanza dos impactos do complexo eólico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta