Seguramente aquel San Agustín era un mercado menos perfecto, preparado e rematado que o de agora, pero o que está claro era que o seu protagonismo no día a día do que se mercaba para terminar na mesa da veciñanza era entón moito maior. E aínda máis se sumamos o propio no mercado da Praza de Lugo, sempre fantástico, e dos outros existentes na cidade.
Aqueles foron tempos onde a xente mercaba directamente ao comerciante no que confiaba. Logo comezaron, ao principio timidamente, os supermercados. Recordo perfectamente aquel primeiro que se instalou na miña zona, na rúa do Parque, tomando pouco a pouco o relevo das tendas de sempre e mesmo dos poucos supermercados familiares de tipo “autoservizo” -a máxima modernidade ata entón-, presentes no barrio. Xa saben onde foi parar toda esa progresiva concentración da creación de riqueza na cadea de valor. De tales supermercados o seguinte salto foi o do “hipermercado”, cos dous xigantes franceses xa presentes na cidade. Logo a volta á proximidade, pero xa nun formato moito maior que o do primeiro supermercado de barrio, con cadeas de enorme volume, pero que apostaron por diseminar a súa oferta moito máis, acercándoa ao consumidor. Daquela, a partir dos “hiper” a cadea de valor xa confluía en corporacións moi potentes, e ás veces incluso cotizadas en Bolsa. O papel do tendeiro ou tendeira de toda a vida, que che vendía confianza e co que moitas veces había amizade, xa estaba tocado e case morto.
Hoxe esas mesmas industrias da concentración do valor, en alimentación e en todos os campos, están facéndose a competencia a elas mesmas, vía internet. Pechan ou alixeiran as súas tendas físicas, para se converter en xigantescos centros de distribución, moitas veces sen presencia real, ou sendo esta moito máis escasa. Hai xente que lle merca directamente os plátanos a unha multinacional do outro lado do planeta, na que é imposible ter de referente a unha faciana próxima, e coa que todo se fala a través de dispositivos electrónicos. E “la plaza”, a de sempre, estase a converter nunha mala caricatura de si mesma, da que foi naqueles tempos de plenitude... De feito, moitos encargan comida xa feita que lles levan a casa – pura
precariedade - desde cociñas pantasma, ben diferentes das casas de xantar ou dos restaurantes de sempre.
Pero todo isto ten consecuencias. O declive do pequeno comercio trae aparellado, como sabemos por experiencias noutras latitudes, o deterioro dos centros das cidades, que se converten en algo moito máis escuro, máis triste, inseguro e baleiro. Estas, no límite dese proceso, deixan de ser vivibles, e mudan cara lugares anódinos, impersoais e nos que a soidade fai estragos. Porque o pequeno comercio de proximidade, aparte de ser un punto de venda, articula a convivencia na urbe. E o rexeitamento deste, convertido nunha reminiscencia do que foi, desbarata tal valor colectivo.
Ben, esta é a reflexión -mirando ao mar- que hoxe lles traio, desde o convencemento de que é mellor espallar a creación de riqueza ao máximo, e apostar por Carmiña, Manolo, Pepe e Estrela, cos seus postos de froita, peixe, panadería e carne, que concentrar toda esa riqueza nun so empresario, que á súa vez contrata a Carmiña e aos demais. Nas escolas de negocios estudei ben e moito as economías de escala, pero esas funcionan para crear valor e concentrar e medrar o beneficio, pero non para facer cidade, traballar a convivencia, e facer unha sociedade un anaco máis feliz, en termos de máis personalizada, con maior sociabilidade e que coide a confianza da veciñanza. E non crean que é unha cousa teórica: eu decidín hai moito tempo que quería mercar, en todos os aspectos, en lugares o máis parecidos posible ao do modelo que recordaba ao principio do artigo. E fuxo, e case sempre o consigo (excepto en moi, moi contadas ocasións) deses lugares comúns, cheos de solucións impersoais, que triunfan ao calor da nova onda, de mercar polo “maquinillo” en sitios con moita mercadotecnia, pero moito máis tristes e case sempre con moito peor xénero. Fágoo, en cambio, nos sitios de Carmiña, Manolo, Pepe e Estrela, sendo consciente de que eles son os donos e administradores, “alma máter” e senlleiros gardiáns das súas traxectorias laborais e dos produtos que me ofrecen. E o máis incrible, ademais, é que en cada cidade e en cada barrio teñen persoeiros así, diferenciados, diferentes, orixinais e que dan a cara polo seu xénero, que coa súa luz fomentan a convivencia e o coidado das rúas nas que están, e contribúen a formar unha paisaxe urbana máis humana.
Ah, e non... Non teñan dúbida. Non vaian á cuestión crematística, porque non terán razón. Non é máis caro mercar no comercio local e pequeno. Hoxe, asegúrollelo por experiencia moi propia, o volume da factura non é inversamente proporcional ao tamaño do comercio. E en moitos casos, se me apuran, a relación entre estas dúas variables é mesmo... a contraria.
jl_quintela_j@telefonica.net