O negocio da corta de madeira... así son as condicións dun traballo case invisible

O sector da madeira, sobre todo o de corta no monte, é un dos máis descoñecidos en canto quen, onde e como traballan. Por unha parte os sindicatos din que se trata dun sector difícil de seguir debido á mobilidade dos grupos de traballo. A isto engádese a confusión legal; son traballos agrarios?, son traballos forestais?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A corta de madeira é considerado un dos labores máis perigosos no eido laboral xunto á construción. Non son moitos os datos existentes sobre sinistralidade e accidentes mortais dentro da corta. Os empresarios recoñecen a perigosidade das condicións laborais por traballar dependendo das condicións climáticas e da orografía do terreo. Os sindicatos apuntan á precariedade laboral ligada moitas veces á falta de formación sobre o uso de maquinaria de corte, de transportes e a falta de EPIs específicos.

Madeira lista para ser procesada
Madeira lista para ser procesada

Outro punto para sumar é o da orixe inmigrante da maioría de empregados na corta: romaneses, latinoamericanos e subsaharianos. En moitos casos con descoñecemento da lingua e tamén sen formación específica. En canto aos salarios e xornadas laborais, segundo fontes sindicais, os traballos en verán poden prolongarse até que chega a noite e no inverno aprovéitase ao máximo as horas de luz.


RISCOS E PREVENCIÓN

A Consellería de Emprego sinala a datos de 2020 para destacar que "existen na comunidade 4.575 traballadores en Galicia que se dedican á silvicultura e explotación forestal ("Tesorería General de la Seguridad Social)". Sobre seguridade e formación no sector, na actualidade, "a Consellería de Emprego e Igualdade, mantén activas campañas, por medio do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), como Cortar polo pé, que fan especial incidencia no sector forestal".

“É un dos peores traballos en canto condicións de seguridade laboral” di Jesús Fernández de CC.OO., “hai unha semana houbo un accidente mortal e os accidentes coas motoserras son frecuentes ademais de envorcamentos de vehículos que transportan madeira”. Segundo Fernández, CCOO detectou maquinaria vella que non cumpre con requisitos mínimos como a barra anti-envorcamento.

Sinistralidade no sector da madeira, ISSGA, cortesía de ASEFOGA
Sinistralidade no sector da madeira, ISSGA, cortesía de ASEFOGA

“Estamos diante dun sector onde a maioría do empresariado se esconde debido á mobilidade dos lugares de traballo” di Plácido Valencia da CIG. O desprazamento dun lugar a outro nun breve período de tempo débese aos contratos de corta que faga o empresario. Así poden percorrer quilómetros desde o último lugar ao seguinte. “O perigo está en xornadas laborais extensas, falta de formación no uso da ferramenta”.

Desde a Federación empresarial de aserraderos y rematantes de madera de Galicia (FEARMAGA), confirman as dificultades de traballar no sector da corta de madeira. “As empresas son coñecedoras dos riscos que ten esta actividade, non é o mesmo derrubar unha árbore que tronzala”. Engaden que existe certa dificultade en coñecer que accidentes están relacionados coa madeira. “Moitos deses accidentes veñen misturados con sinistros agrarios”.

“Ao  non podermos chegar a eles con facilidade, impartir cursos ou formación en prevención é moi difícil” sinala Valencia, que engade “mesmo  hai traballadores que non son deste colectivo” cortando madeira. “Tamén é un sector onde se subcontrata moito e onde hai moito autónomo cunha ou dúas persoas ao seu cargo” di Jesús Fernández. A subcontratación, segundo os sindicatos consultados, é unha vía de precarización laboral tanto en seguridade como en salarios.

FEARMAGA sinala que en colaboración co ISSGA, estanse creando cursos de formación e prevención de riscos laborais cada ano. “Mesmo conseguimos que se apoiara unha iniciativa de adestramento para uso de vehículos cargadores e transporte mediante un simulador” para a mellora no manexo destes vehículos. Sobre as inspeccións laborais “colaboramos co ISSGA para facer charlas e creamos convenios de visitas para realizar recomendacións de prevención de riscos laborais”. Finalmente, segundo o informe  SINISTRALIDADE LABORAL GALICIA 2020 do ISSGA, proporcionado por ASEFOGA, durante o ano 2020 houbo un total de 530 accidentes no sector, 510 leves, 15 graves e 5 mortais.O número de accidentes por provincias A Coruña 2521, Lugo 2282, Ourense 2663 e Pontevedra 2648.

"A maioría das empresas traballan con menos de 6 persoas, sen representación sindical, con escasa ou nula formación e non se cumpre na súa gran maioría nin un mínimo en materia de prevención de riscos" din de CCOO. Segundo os datos deste sindicato, en 2019 había 20.300 persoas traballando no sector en 3.000 empresas, dato que revela o tamaño das empresas da nosa comunidade. Recordar como dato que o 47% da madeira que se corta no estado córtase en Galicia.

SALARIOS, CONVENIOS E PROCEDENCIA

Ante presuntas irregularidades cos salarios, desde a Consellería de Emprego declaran que "tanto a Inspección de traballo como os xulgados do social teñen competencia para facer comprobacións".  Segundo o departamento de María Jesús Lorenzana, "as actividades comprobatorias son fundamentais para reforzar o control público no cumprimento de obrigas preventivas en materia de seguridade e saúde laboral".

Os salarios “subiron” logo de que o Goberno decretase o aumento do Salario Mínimo Interprofesional. Jesús Fernández apunta que “son 965€ por mes en xornadas laborais moitas veces de sol a sol”. Segundo CCOO tampouco se contan pluses como “o desprazamento dos traballadores, que moitas veces o fai a empresa” e que supoñen horas engadidas á xornada laboral. “Por non falar que moitos non teñen unha hora para comer”.

Outro tema é o encadramento destes traballadores nun marco laboral ou convenio. “Nalgúns casos, como na provincia da Coruña e na de Pontevedra puidose encadralos dentro do convenio de aserradoiros e rematantes” di Plácido Valencia da CIG. “En Ourense e Lugo non foi posible e ademais, está a dificultade de encontrar a esta xente traballando pola mobilidade dos mesmos, pois hoxe están nun lugar e mañá están noutro”.

FEARMAGA sinala que hai un convenio estatal para o sector da madeira. “En Galicia cada provincia ten un convenio da madeira, serras e rematantes”. Sobre salarios, a Federación estima difícil facer cálculos sobre este punto. “Debemos ter en conta que sempre hai pluses engadidos como desprazamentos ou combustible polo que un bo profesional pode gañar 2.000 euros de media”.

Doutra banda está a procedencia de moitos dos traballadores da corta de madeira. “Maioritariamente son nacionais aínda que se formou unha comunidade importante de peruanos, logo hai romaneses e tamén persoas procedentes de África, sobre todo de Senegal” di a Federación de empresarios da madeira. Os sindicatos confirman a presenza de romaneses, portugueses e outras nacionalidades. Por outra parte engaden que ao seren estranxeiros, son os máis submisos ás condicións laborais e salariais impostas.

O pasado mes de xuño "CC.OO mantivemos unha reunión co responsable en Galicia da inspección de traballo onde anunciamos unha campaña de denuncias que imos poñer en marcha". A intención é baixar as cifras de sinistros "xa que nestes momentos son máis que preocupantes".

O traballo de corta de madeira é unha das actividades máis perigosas dentro do mundo laboral. Os sindicatos falan de condicións laborais cuestionables, mentres que o empresariado defende a mellora desas condicións durante os últimos anos. Alén diso, o coñecemento sobre este eido é moi escaso.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta