As decisións dos gobernos poden influír máis na transmisión da covid que a meteoroloxía

Un estudo, no que participa o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé, sinala que o rol xogado polos gobernos é seis veces máis relevante que o da temperatura nas cidades obxecto de estudo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2021 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Un estudo, no que participa o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé, conclúe que as decisións de gobernos e o comportamento da poboación inflúen máis na transmisión da covid-19 que a meteoroloxía.

O artigo titulado 'A cros-sectional analysis of meteorological factors and SARS-CoV-2 transmission in 409 cities across 26 countries', que acaba de ver a luz en Nature Communications, evidencia que a medida que a temperatura ascende nun intervalo comprendido entre os 10 e os 20 graos, prodúcese un modesto descenso na transmisión do virus.

Con todo, os autores do estudo subliñan que á hora de identificar os factores cruciais no proceso de transmisión, o rol xogado polos gobernos é seis veces máis relevante que o da temperatura nas cidades obxecto de estudo. En concreto, no caso español, analizáronse un total de 52 núcleos poboacionais.

"Este é o primeiro estudo que usa unha base de datos global relativa a casos da covid-19 que toma como referencia as cidades", sinala Dominic Royé. "A nosa intención era avaliar o rol potencial da meteoroloxía nas dinámicas de transmisión local da covid-19 durante a primeira onda da pandemia", continúa o profesor da USC.

En concreto, o equipo de investigadores botou man dunha base de datos composta por tres millóns de casos de persoas infectadas polo coronavirus ata o 31 de maio de 2020. "Analizamos a reprodución efectiva do virus en cada cidade ao longo dun período de 20 días, así como as condicións meteorolóxicas observadas durante a mesma franxa de tempo", engade o profesor Royé, quen matiza que á hora de profundar na reprodución do virus, tomáronse en consideración as intervencións dos gobernos, a calidade do aire, así como indicadores socioeconómicos.

"A investigación achega unha pequena evidencia de que as condicións meteorolóxicas teñen certa influencia nas etapas temperás das epidemias locais", sinala Royé. Así, o estudo constata, por exemplo, que das 136 cidades que posuían un nivel alto de transmisión do virus, 35 posuían temperaturas baixas; 64, temperaturas medias; e 34, altas temperaturas. De face a futuras investigacións, os autores subliñan que os estudos que avalíen o papel dos factores meteorolóxicos na covid-19 tamén deberán ter en consideración a cobertura da vacinación mundial.

Proceso de vacinación contra o Covid no Recinto Feiral de Pontevedra.. SERGAS
Proceso de vacinación contra o Covid no Recinto Feiral de Pontevedra.. SERGAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta