Abrindo a caixa dos papeis de Pandora

Para as persoas amantes do cinema, o filme “Casablanca” figura, sen dúbida, no catálogo das ficcións imprescindíbeis. Por iso, resultará doado que lembren a escena no que o experimentado e cínico capitán de policía Louis Renault, presente habitualmente no “Café de Rick” afirma escandalizado, e antes de ordenar o peche do local, que alí se está xogando. A metáfora desta sorpresa impostada podería ser trasladada a certas reaccións rexistradas ante o coñecemento dos chamados “papeis de Pandora”, un conxunto de documentos demostrativos de contas opacas en paraísos fiscais para agachar as obrigas tributarias asociadas a diversos persoeiros das elites económicas, políticas, artísticas e deportivas de distintos países do mundo.

Por Xesús Veiga | Compostela | 17/10/2021

Comparte esta noticia
As novas relatadas por ese conxunto de medios e xornalistas dedicados a esta caste de enguedellos fiscais revelan un primeiro síntoma preocupante: as pescudas agora coñecidas non derivan da acción coordenada de gobernos e institucións internacionais senón do traballo de distintos profesionais da información. Era ben sabido que os paraísos fiscais manteñen a súa presenza no universo económico e tamén era previsíbel imaxinar o funcionamento de despachos e asesorías especializadas no labor de aproveitar as carencias ou os buratos da lexislación tributaria vixente nos mais importantes territorios do planeta. O que provoca desacougo e indignación é a pasividade dos poderes políticos constituídos ante unha asignatura pendente desta envergadura. A dimensión transnacional deste fenómeno interpela directamente -dende hai tempo- ás distintas organizacións multilaterais que poderían adoptar iniciativas concretas para reducir os efectos negativos asociados á vixencia deses “paraísos”, singularmente no que atinxe ao mantemento da desigualdade nas condicións de vida das persoas que habitan nos distintos territorios do mundo.
 
Existe, ademais, outro plano analítico que merece ser considerado. A relación de persoas que se vai coñecendo nestes “papeis de Pandora” é un bo indicio da súa catadura ética, nomeadamente naqueles casos nos que están desempeñando responsabilidades políticas de primeiro nivel. A presenza dos actuais presidentes de Ecuador e Chile e do ministro de Finanzas de Brasil deixa en evidencia aos dirixentes do PP e de Vox que loubaron a chegada ao goberno de semellantes dirixentes e apoiaron unha sorte de reconquista das supostas gadoupas “populistas e bolivarianas” nas que ficaban os seus respectivos países. A “cruzada” de Casado e de Abascal continuou -aínda que sen éxito- por Bolivia e Perú. Neste último caso, non faltou o apoio de Mario Vargas Llosa para denunciar un fraude nos recentes comicios que ningún observador internacional foi quen de acreditar. O azar quixo que o escritor -reconvertido en seguidor do PP de Casado- tamén figure na lista dos fuxidos das súas obrigas coa Facenda pública. Todo un exemplo da distancia que media entre as “virtudes” públicas que reclama e os “vicios” privados que practica.
 
Mais alá das eventuais consecuencias xurídicas que padezan os seus protagonistas, non se atoparán reaccións de apoio ou comprensión por parte dos voceiros da dereita política ou polos creadores de opinión que se moven nese mesmo circuíto ideolóxico. Poren, estas condutas que agora se denuncian teñen algunha relación lóxica coa corrente de pensamento que defende a pertinencia dunha redución xeralizada dos impostos e que descualifica aquelas políticas que pretendan fortalecer a capacidade de gasto das Administracións públicas. Cando determinadas medidas fiscais son catalogadas de “expropiatorias” (ou como din agora no tema da vivenda: atentatorias contra a propiedade privada), estase lexitimando a procura do camiño mais eficaz para fuxir desa presión, utilizando as carencias e/ou ambigüidades das normativas estatais e internacionais vixentes.

O Rei emérito Juan Carlos I, nunha imaxe de arquivo. EUROPA PRESS - Arquivo
O Rei emérito Juan Carlos I, nunha imaxe de arquivo. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.