O Goberno central non quere demorar máis o pago por circular por autovías

"Ou afrontamos un cambio ou seguiremos cativos dun sistema tan inxusto como lucrativo para algúns", sinala a secretaria de Estado de Infraestruturas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/10/2021 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

A secretaria de Estado de Infraestruturas, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, asegurou este luns que é "imperativo" o pago de taxa de uso nas autovías españolas e apelou a "non aprazalo máis". Así o trasladou durante a inauguración do 25º Simposio Nacional de Vías e Obras da Administración Local (VYODEAL), que acolle a Deputación de Pontevedra.

Autovía entre Santiago e A Estrada
Autovía entre Santiago e A Estrada | Fonte: Adega.

A secretaria de Estado defendeu que este modelo de "pago por uso" ofrecerá unha solución ao "crecente déficit" en materia de conservación de estradas permitindo obter así unha fonte de ingresos extra e directa.

Ao seu xuízo, os 1.400 millóns de euros que destinarán no ano 2022 os Orzamentos Xerais do Estado para o mantemento destas infraestruturas son "insuficientes", polo que considera que España debe dar un "paso máis" cara aos cambios que demandan as autoridades europeas.

"Ou afrontamos un cambio ou seguiremos cativos dun sistema tan inxusto como lucrativo para algúns", sentenciou a secretaria de Estado de Infraestruturas.

Non aprobar esta taxa, indicou Isabel Pardo de Vera, "detrae recursos" para o mantemento de estradas "en detrimento dos que deberían ser destinados a reforzar o aseguramento da sanidade, a educación ou a xustiza". Ese prexuízo agrávase coa recadación de peaxes "desequilibradas" no territorio, "xerando profundas brechas de oportunidade".

Pardo de Vera apuntou que o modelo imposto en Europa "é un 60% de taxa de uso e un 40% de peaxes" e preguntou se "alguén pode entender" que os camioneiros españois "paguen por usar as estradas de toda Europa" e os estranxeiros "usen gratis" as estatais.

"Alongouse demasiado a toma de decisións", insistiu Pardo de Vera, que destacou o "grande esforzo" realizado polo Goberno para "minimizar" os "enormes desequilibrios territoriais" en materia de mobilidade.

Así, lembrou que entre 2018 e 2026 liberáronse ou se liberarán 1.244 quilómetros da rede estatal de autoestradas e aprobáronse descontos "históricos" naquelas que seguen con concesión debido a decisións "que nos deixaron reféns da súa xestión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta