Temas: FRASEOLOXíA

“Entre asas e cabazas”, equivalente, entre outras, á castelá “entre pitos y flautas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 25/10/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Para darmos conta de que pasou algo, ou de que se chegou a algunha situación, por mor de diferentes causas, circunstancias ou motivos que se foron xuntando un detrás doutro –e normalmente dando a entender que estes motivos, circunstancias ou causas se foron dando sen contar con eles ou coma quen non quere a cousa–, é moi habitual botar man da locución entre pitos e frautas, calcada directamente do castelán (lingua na cal, ademais, parece que non está moi clara a orixe da mesma).

Unha das gaitas do Obradoiro JR
Unha das gaitas do Obradoiro JR | Fonte: turismocarballo.com

Sen, como é o noso costume e proceder, entrarmos a valorar se o calco do castelán debe formar parte ou non do noso elenco normativo, xa que é algo que lles corresponde ás instancias que gozan da potestade correspondente, o que si podemos facer é fornecer algunha outra locución que cobre exactamente eses mesmos contextos de uso, como deseguido imos ver:

Entre pitos y flautas

{= Por mor de diferentes causas, circunstancias ou motivos que se xuntan –ou se foron xuntando– un detrás doutro, e que normalmente se dan sen a priori contar con eles ou coma quen non quere a cousa.}

Entre asas e cabazas

Ex.: Ayer nos fuimos de compras, y entre pitos y flautas nos gastamos casi doscientos euros.

Onte fomos de compras, e entre asas e cabazas gastamos case douscentos euros.

● Tamén:

Entre unas cosas y otras

Entre unhas cousas e outras

● E mais tamén:

Entre trapos e farrapos && Fritas non fritas

Ex.: Onte fomos de compras, e entre unhas cousas e outras e entre trapos e farrapos e fritas non fritas, gastamos máis de douscentos euros.

NOTAS:

1. A expresión entre asas e cabazas, que quen isto escribe ten de seu, está rexistrada en zona de seseo (entre asas e cabasas), co cal a rima, no canto de asonante (que sería a de entre asas e cabazas), é consonante.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario gallego-castellano. Publicado en 1884. Imp. Seminario Conciliar. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta