Por E.P. | PONTEVEDRA | 23/10/2021 | Actualizada ás 19:12
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou que presentará emendas aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2022 para demandar melloras na accesibilidade e a seguridade viaria da N-541 ao seu paso por Calvelo, en Cerdedo-Cotobade. Así o avanzou o representante nacionalista na Cámara Baixa durante a súa participación nunha concentración veciñal tras un encontro que mantivo co portavoz municipal do Bloque en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueiro.
"É preciso consignar unha dotación orzamentaria para esta actuación. A falta de seguridade para os viandantes, a carencia de sinalización e iluminación pon en risco os peóns e vehículos", explicou Rego. Entre as prioridades que mencionou para este tramo, mencionou a construción dunha rotonda en Ventoxo, carrís de cruzamento e incorporación e a mellora da sinalización horizontal no asfalto.
EMENDAS AOS ORZAMENTOS DE GALICIA
Por outra banda, a viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, denuncia que os orzamentos da Xunta para 2022 inclúen "moito po e pouco gran". "Continúan a saga de facer pequeno este país e non xerar novas oportunidades e profundar nos grandes retos que nos veñen por diante", asevera nun comunicado.
No tocante a Lugo, Rodil sinala que o próximo exercicio seguirá sendo "esa eterna promesa que o PP de Feijóo proclama, pero non ten nada que ofrecer novo á veciñanza desta terra". Por iso, adiantou que o BNG impulsará emendas na Cámara autonómica para "poñer no debate político os dereitos, os intereses e as necesidades" dos lucenses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.