O investimento da Xunta para o Ano Santo ascende aos 85,8 millóns de euros

As contas da Vicepresidencia 1ª soben un 2,6%.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

Os orzamentos da Vicepresidencia 1ª subirán o próximo ano un 2,6 por cento respecto ao exercicio anterior e superarán os 402 millóns de euros. Un documento no que as partidas destinadas ao Xacobeo terán unha importancia especial e que se plasma a través do incremento da dotación da Axencia de Turismo de Galicia, que aumentará preto dun 12 por cento.

Así o trasladou o titular do departamento autonómico, Alfonso Rueda, durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria, na que destacou que o investimento do Goberno galego para o Ano Santo (entre as diferentes Consellerías) ascenderá a ata 85,8 millóns de euros co fin de seguir na senda de recuperación do turismo e para celebrar esta efeméride. Deste montante, Turismo de Galicia consignará 65,8 millóns (5 máis que este ano, cun incremento do 8,3%) dentro dun orzamento que aumenta ata os 126 millóns.

Entre os principais investimentos atópanse accións de conservación das rutas xacobeas (16 millóns de euros) ou a ampliación da Rede Pública de Albergues do Camiño, con catro novos hospedaxes en Piñor (1,1 millóns de euros), Ferrol (467.000 euros), Riós (262.000) e o primeiro albergue de peregrinos na cidade da Coruña (1,1 millóns), pendente este último da cesión da parcela por parte do Concello.

Rueda reiterou as súas críticas á falta de implicación do Goberno central, ao non dedicar "nin un só euro" de fondos propios ao Xacobeo. Do mesmo xeito censurou o cambio de criterios a piques de finalizar o prazo para presentar propostas ao proxecto de rehabilitación dos Bens de Interese Cultural (BIC).

A Xunta poñerá en marcha, á súa vez, o 'Plan Camiña' dotado con máis de 46,6 millóns para reforzar a calidade e a seguridade de Galicia como destino, impulsar a innovación no sector e apostar pola sustentabilidade. O plan destinará 21,6 millóns ás empresas, 21,7 millóns ás entidades locais e 3,3 millóns máis a familias, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

DIXITALIZACIÓN DE XULGADOS

En materia de Xustiza, Rueda asegurou que se vai manter o nivel investidor en infraestruturas coa posta en marcha das obras da sede central do Imelga en Santiago (2,7 millóns no 2022) e dos novos xulgados da Estrada (1,4 millóns).

Tamén se poñerá en marcha o Plan Senda 21-25 para seguir dixitalizando a xustiza da man da Amtega, cun investimento total de 50 millóns de euros; a catalogación e dixitalización dos arquivos xudiciais (987.000 euros) ou a inclusión de dous millóns do plan plurianual para a renovación de equipamento e mobiliario dos arquivos e oficinas xudiciais. O orzamento da Xunta no apartado de Xustiza superará os 169 millóns de euros no próximo exercicio.

A Xunta seguirá atendendo as necesidades dos edificios administrativos de titularidade autonómica e levarán a cabo traballos de eficiencia enerxética nos inmobles da Coruña, Ferrol e Lugo. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior reserva unha partida de 1,5 millóns para incrementar o persoal dos GES, actualizar os salarios dos efectivos e pór en marcha un 'subGES' no Grove. As contas tamén dedican contías a parques de bombeiros (10,1 millóns), Protección Civil (360.000 euros) e ao Grupo de Apoio Loxístico á Intervención da Axega (266.000).

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, informa as contas do seu departamento para 2022. XUNTA
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, informa as contas do seu departamento para 2022. XUNTA | Fonte: Europa Press

MUNICIPIOS E EXTERIOR

O vicepresidente primeiro destacou ademais que o Fondo de Cooperación Local terá unha dotación de 135,7 millóns de euros, cunha subida de 8,6 millóns, o 6,8%. Sumando as transferencias (352,8 millóns), os concellos galegos recibirán preto de 488,5 millóns de euros, un 20% máis que no 2021. Ademais incorpora unha nova liña de 1,8 millóns para axudar os concellos na compra de camións de recollida de residuos e contraincendios. Os municipios de menos de 50.000 habitantes contarán cun millón de euros en subvencións para adquirir vehículos eco ou híbridos para os seus policías locais.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

A deputada socialista Leticia Galego lamentou o compromiso "insuficiente" da Xunta para atender a crise provocada pola pandemia, e instou ao Goberno a abordar o futuro do sector "con coraxe". Asegurou que debe ser "estratéxico", tendo en conta o peso na porcentaxe do PIB de Galicia.

Desde o BNG, Iago Tabarés ve as contas "un fiel reflexo da xestión global" do Goberno, con "escaso rigor" e fomento da "arbitrariedade" e pensados "no benestar" da Xunta "e non na cidadanía", o que evidencia "o pouco respecto institucional".

Finalmente, Paula Prado (PP) agradeceu unhas contas que "crecen en investimento" e reprochou o papel do PSOE como "delegado do Goberno" e ironizado con que o BNG utilice o seu "armario de performance" dependendo de se vai a unha manifestación ou a unha comparecencia parlamentaria, referíndose ao "travestismo político" de Ana Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta