Por Galicia Confidencial | Santiago | 04/03/2014 | Actualizada ás 18:27
A galega Lidia Senra é a proposta da Coordinadora de ANOVA para ser cabeza de cartel nas eleccións europeas, segundo confirmou hoxe o líder desta formación, Xosé Manuel Beiras, tras as noticias aparecidas en varios medios. Agora, será a militancia quen votará a aceptación ou o rexeitamento desta candidatura mediante un método que aínda está por determinar. O voceiro nacional destacou que Senra non é parte da dirección de ANOVA e "representa a loita obreira".
Senrá ocupará con toda probabilidade o posto número cinco da candidatura que ANOVA compartirá canda Izquierda Unida e outras forzas como ICV ou a Chunta . Izquierda Unida escolleu a Willy Meyer para encabezar esta lista.
A activista é escollida por ANOVA, pero a súa selección obtivo luz verde tanto de IU como de Ecosocialistas, segundo informa El Correo. Nacida en Pobra do Brollón (Lugo) en 1958, Senra foi a cabeza visíbel do Sindicato Labrego Galego (SLG) durante case 20 anos, a central agraria máis importante no nacionalismo.
Con todo, a falta de entendemento do grupo liderado por Senra e a UPG dentro do SLG desenvocou na división da central e no nacemento da Federación Rural Galega (FRUGA).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.