Pontón sobre Villares: "É moi duro poñer unha denuncia contra un amigo persoal do presidente da Xunta"

"Cáusame horror e preocupación ver como a Xunta pecha filas cun presunto agresor", di que critica a Rueda por "cuestionar" que poida ser unha denuncia real.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2025 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que lle "causa horror e preocupación" ver como a Xunta "pecha filas" co que ata o mércores foi conselleiro do Mar, Alfonso Villares, tras dimitir ao estar investigado como presunto autor dun delito de agresión sexual.

Así o fixo nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, na que trasladou "toda a súa solidariedade e apoio" á vítima. "Imaxínome o difícil que é pasar por esa situación, tamén o duro que é ter que ir pór unha denuncia a un xulgado, e máxime, cando a persoa á que denuncias é un conselleiro, que é amigo persoal do presidente da Xunta", apuntou Pontón.

A líder de filas dos nacionalistas mostrouse "impactada" ante o "feito gravísimo" de que un membro do Goberno galego, "que ten a obrigación de protexer ás mulleres", estea actualmente acusado de cometer unha suposta agresión sexual contra unha muller. "Pero o que me causa, non se se horror ou maior preocupación, é ver como a Xunta, que ten a obrigación de protexer ás mulleres ante a violencia machista, o que está é pechando filas cun presunto agresor e, ademais, anuncia que espera poder recuperalo canto antes para a política", subliñou.

Ademais, Pontón cualificou como "moi preocupante" a mensaxe que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lanza ás mulleres xa que "o que está indirectamente cuestionando é que esta poida ser unha denuncia real". Por todo iso, o BNG pediu que Rueda compareza "canto antes" no Parlamento de Galicia para explicar "por que cuestiona esa denuncia e por que coñecía os feitos desde febreiro e non fixo absolutamente nada".

VIVENDA: "O PRINCIPAL PROBLEMA PARA MILES DE PERSOAS"

Noutra orde de asuntos, cuestionada sobre as fórmulas do BNG para mellorar o acceso a vivenda Pontón remarcou o feito de que a vivenda "se está convertendo no principal problema para miles de persoas". "Isto non pasa por casualidade, este é o resultado de 16 anos dunha política do PP que, claramente, o que fixo foi desmantelar a vivenda pública", esgrimiu.

Neste sentido, criticou que nos últimos anos vese que o PPdeG "fai moita propaganda" no ámbito de políticas de vivenda, pero logo o feito é que "cada día que pasa é máis difícil acceder a unha vivenda". Pontón asegurou que en 2024 a Xunta "deixou de executar 127 millóns de euros" dos orzamentos e por iso o BNG pide a Rueda "menos anuncios e máis feitos".

Para facer fronte a esta problemática, a portavoz nacional do BNG propón aumentar a demanda de vivenda social, a declaración de zonas tensionadas e un "programa real" para mobilizar as 90.000 vivendas baleiras que hai en Galicia. "O máis urxente neste momento, é que se tomen medidas para que deixen de subir os prezos dos alugueres, porque están en niveis que son imposibles. Hai alugueres que subiron máis do 50% nos últimos anos", advertiu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén durante o debate sobre o Estado da Autonomía
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén durante o debate sobre o Estado da Autonomía | Fonte: César Martínez - Europa Press

"MOMENTO MOI DIFÍCIL" NA POLÍTICA ESPAÑOLA

Finalmente, Pontón consultada sobre o caso de Leire Díez, apuntou que actualmente se vive "un momento moi difícil" na política, en concreto, na que se fai a nivel de Estado, na que "non sente nada reflectida". "Esa forma de facer política onde vemos como se eleva a crispación, a descualificación e eu creo que se está actuando dunha forma que o único que se fai é afastar a cidadanía", esgrimiu.

Neste contexto, Pontón considerou que o PP "ten moito responsabilidade" ao "promover" esa política de "crispación e de ruído" que o que fai é que se "deixe de falar dos problemas reais". Un exemplo diso, apuntou Pontón, é a manifestación convocada polo PP para este domingo. "Non me deixa de parecer un exercicio de hipocrisía política por parte do PP, que é o único partido de todo o Estado español e da UE condenado por corrupción", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta