Independencia e liberdade

Nesta cuadraxésimo sétima entrega de Viaxes sen Lee, o navegante emocional Gabriel Rei-Doval escruta os vieiros diversos da independencia e a liberdade

Por Gabriel Rei-Doval | Eugene (Oregon, USA) | 10/11/2021 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

A independencia é un ben maltratado, en Galicia e en Norteamérica. Ó sur dos Pirineos demonízana os gardiáns da legalidade de embude, os perversos xuíces do libro de Daniel que amolan a casta Susana se non adora o seu blasón cuartelado, floróns de pedrería e columnas de Hércules. Norteamérica porén é moderna na súa independencia de inspiración gabacha e ecos latinoamericanos e no catro de xullo o día da patria celébrase radiotelevisado urbi et orbe. 

Accedendo á biblioteca da Universidade de Oregón
Accedendo á biblioteca da Universidade de Oregón

De novo no corazón de Oregón, cheguei a Independence disposto a gozar do mellor bluegrass comarcal; a música sempre eleva o espírito e aliña o cerne do ser. Mentres agardaba por Patricia no aparcadoiro onda o Willamette soaba ó lonxe naquela tarde de outono a máis emblemática canción do Boss. Para min a omnipresente lírica estadounidense sempre entra desde a peneira auditiva da miña terra galegaonde acaba o mar. Por iso a independencia que me late é a de Breogán, sempre inspirada no dereito de vivir en paz, sexa en Lhasa, Barcelona, Montreal, Compostela, Edimburgo, Hong Kong ou o Sáhara. Porque independencia e liberdade son valores humanos absolutos que ningunha lei humana pode coutar. 

A independencia é canto universal tamén nas universidades do mundo. Alí ningún canón debería borra-los regos do arrozal do intelecto, mais a artillería do canon académico é ás veces voraz e invisible. 

A liberdade do mariñeiro en terra levoume o día seguinte ata a coqueta vila de Eugene. Nun café de terraza pintada de ocres outonais reuninme con Brandon, profesor convidado naqueles días pola principal universidade de Oregón. Coñecerámonos no congreso de linguas modernas de Lexington anos atrás e fascinárame a súa visión sarcástica e desenfadada da profesión universitaria. Propúxome participar nun volume colectivo sobre a liberdade de cátedra na academia norteamericana, mais a miña lealdade á lingüística e ás Viaxes sen Lee obrigoume a desbotar tan apetecible oferta. 

Brandon é un académico demasiado brillante para a pequena universidade en que ensinaba escritura creativa nun Departamento de Linguas Románicas, hogano integrado no Departamento de Estudos Culturais e Globais; de aí que procurase unha institución onde o interese pola dimensión creativa do individuo gozase de recoñecemento abondo. Así chegou o seu traslado a outra institución, cuxo nome non quero lembrar, habitada polo máis hilarante cadro de profesores debaixo das estrelas e as barras. A Decana do College of Letters and Science e Catedrática de Bioloxía Animal investiga a relación entre as migrañas dos paxaros carpinteiros e os seus índices de fertilidade, mentres o Decano Asociado de Humanidades e catedrático de metafísica pescuda a posible existencia dos unicornios nos universos paralelos da Vía Láctea. 

En Oregón, na difícil procura da independencia
En Oregón, na difícil procura da independencia

Brandon, instalado na súa dinámica institución, comentaba a sensación de liberdade que se vivía naquel diminuto campus da América profunda onde se instalara. O convite da Universidade de Oregón déralle a oportunidade adicional de contrastar o seu sistema académico co de tan pituca institución.

A conversa volveuse fascinante tras compartirmos infusións hipervitaminantes e mineralizantes no Cornbread Cafe. Mentres gozabamos do xeitoso campus oregoniano, o seu ollar verdoso destilaba a vividez e deleite con que ensinaba naquela nova etapa da súa carreira docente. Admiraba a independencia que Brandon chegara a adquirir e a liberdade que revelaban os seus comentarios sobre colegas de profesión. As longas horas de conversa compartida non fixeron máis ca alimenta-las ansias de reencontrármonos nun futuro próximo e debullarmos mellor como independencia e liberdade, alén de lexítimos sentimentos políticos e ideoloxías do intelecto, son asemade vieiros xustos, necesarios -e ás veces asoballados- na vida universitaria, mentres verdade e liberdade operan en ocasións como valores mutuamente excluíntes. En Oregón, a porta da nosa amizade mudara o punto de encaixe e prometía novos e suxestivos encontros académicos.

A Universidade de Oregón sobre dúas rodas
A Universidade de Oregón sobre dúas rodas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA