Abanca subscribe a petición aos líderes do G20 de maior compromiso contra o cambio climático

Apoia a carta aberta impulsada por We Mean Business Coalition.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/11/2021 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Abanca subscribiu a carta aberta impulsada por We Mean Business Coalition para reclamar aos líderes do G20 unha acción decidida fronte ao cambio climático que evite que o quecemento global supere os 1,5ºC.

Contaminación por gases
Contaminación por gases | Fonte: DUVI.

Con motivo da COP26 de Glasgow, a entidade mostra o seu apoio a esta iniciativa empresarial global, que asinaron xa máis de 600 compañías e organizacións de todo o mundo.

"É un paso máis na vontade do banco de contribuír a promover unha economía máis verde e neutra en carbono, como parte da súa adhesión a Net Zero Banking Alliance, proxecto impulsado pola Iniciativa Financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP-FI)", explica a entidade.

Abanca forma parte desta alianza do sector financeiro para avanzar na descarbonización da economía, integrada na Alianza Financeira de Glasgow para Net Zero (GFANZ), desde o seu lanzamento o pasado mes de maio.

Como membro desta iniciativa, comprométese a canalizar recursos cara a proxectos que impulsen a descarbonización da economía ata alcanzar o obxectivo de cero emisións atribuíbles á súa carteira crediticia e de investimentos en 2050.

Ademais, de acordo co seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sustentable 21-24, o banco fixouse como meta para 2024 ser neutro en carbono na súa actividade directa.

Entre as primeiras medidas adoptadas destaca un acordo con Endesa que lle permitirá cubrir con enerxía renovable de orixe galega a maior parte da demanda de electricidade do próximos dez anos e o desenvolvemento dun plan de redución e compensación das súas emisións directas.

Entre outras medidas, nos últimos anos adheriuse ás principais alianzas sectoriais a nivel internacional para impulsar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e o Acordo de París sobre o cambio climático.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta