Galicia xa supera os 900 casos activos de Covid-19, 320 máis que hai unha semana

Rexístranse máis de 100 novos contaxios e a taxa de positividade aumenta a un 2,9%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/11/2021 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

Galicia supera os 900 casos activos de Covid-19 ao ascender a 907, que supoñen 326 máis que hai unha semana, tras rexistrarse 104 novos contaxios --catro máis que a xornada anterior--. Os pacientes ingresados por este coronavirus aumentan a 46 --catro máis-- e a taxa de positividade sobe a un 2,9 por cento na Comunidade galega.

Segundo os datos publicados na mañá deste xoves pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste mércores, descenden a 11 as persoas ingresadas en UCI pola Covid --unha menos--, mentres que aumentan a 35 as hospitalizadas noutras unidades --cinco máis-- e 861 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en dúas das sete --Ourense e Ferrol--, alíviase lixeiramente na de Santiago e Barbanza e mantense nas da Coruña e Cee, Vigo, Lugo e Pontevedra e O Salnés --esta é a única de toda Galicia sen ingresados pola Covid--.

En concreto, na área de Ourense continúan dous pacientes Covid ingresados en UCI e aumentan a 13 os doutras unidades --catro máis--; mentres que na de Ferrol seguen tres en críticos e ascenden a catro os doutras unidades --un máis--.

Por contra, na área de Santiago e Barbanza continúa un paciente ingresado por este coronavirus en UCI e descenden a tres os doutras unidades --un menos--; mentres que na de Vigo aínda que queda un en críticos --un menos que o día anterior--, aumentan a tres os hospitalizados en planta --un máis--.

Sen cambios mantéñense as áreas da Coruña e Cee, con tres en UCI e 10 noutras unidades; e a de Lugo, cun en críticos e dous en planta; mentres que a de Pontevedra e O Salnés segue por segundo día sen pacientes Covid.

MÁIS DE 900 CASOS

Por undécima xornada consecutiva aumentan os casos activos no conxunto da Comunidade galega, que se sitúan en 907, o que constitúe 63 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (104) que altas (41). Con respecto a hai unha semana hai 326 máis que os 581 rexistrados o xoves 4 de novembro.

As infeccións activas ascenden nas seis das sete áreas sanitarias galegas, coa de Ourense á cabeza (+27), seguida da da Coruña e Cee (+24), Vigo (+7), Lugo (+4), Santiago e Barbanza (+3) e Ferrol (+1); mentres que descenden na de Pontevedra e O Salnés (-3).

Deste xeito, a área da Coruña e Cee mantense á cabeza con 248 casos activos; seguida de Ourense con 229; Vigo, con 126; Santiago e Barbanza, con 78; Ferrol, con 78; Pontevedra e O Salnés, con 76; e á cola continúa a de Lugo, con 72.

Segundo os datos actualizados na tarde deste pasado mércores polo Ministerio de Sanidade, Galicia conta cunha taxa a 14 días de 31,57 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media de España ascende a 62,67.

MÁIS CONTAXIOS

Os novos contaxios de Covid aumentan a 104 no conxunto de Galicia, que supoñen catro máis que os 100 deste mércores pasado; tras situarse no martes despois de comezar esta semana con 54. O xoves anterior rexistráronse 77 no conxunto da Comunidade galega. Ata o momento, o luns 11 de outubro houbo 14, a cifra máis baixa desde que Galicia entrou en niveis de 'nova normalidade'.

Galicia confirmou 106 positivos por probas diagnóstica de infección activa nas últimas 24 horas --algúns corresponden a persoas xa contaxiadas que voltan dar positivo--, dos cales 41 corresponden á área de Ourense; 26, á da Corña e Cee; 12, á de Vigo; 11, á de Lugo; seis, á de Pontevedra e O Salnés; cinco, á de Ferrol; e outro cinco, á de Santiago e Barbanza.

Así, as persoas contaxiadas en Galicia desde o inicio desta pandemia aumentan a 183.973, das que 43.484 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.882, á de Vigo; 27.166, á de Santiago e Barbanza; 22.059, á de Ourense; 21.572, á de Pontevedra e O Salnés; 20.072, á de Lugo; e 11.738 á de Ferrol.

Desde o comezo desta crise sanitaria, segundo os datos actualizados por Sanidade, realizáronse 2.921.910 PCR en Galicia, que constitúen 2.882 probas máis que as contabilizadas ata o día anterior, que supoñen unhas 485 menos que as feitas a xornada pasada.

En canto á taxa de positividade das probas PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test--, aumenta ao 2,91 por cento, tras ascender ao 2,42% este mércores, despois de situarse no 2,19% o martes e comezar esta semana cun 1,56%.

VÍTIMAS E CURADOS

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galicia mantéñense en 2.655, ao non notificar este mércores de novo a Consellería de Sanidade ningunha vítima.

Mentres, 180.445 persoas diagnosticadas deste coronavirus curáronse na Comunidade galega desde o inicio desta crise sanitaria, que constitúen 41 máis que as rexistradas ata o día anterior.

Varias persoas na terraza dun bar na Coruña.. M. Dylan - Europa Press
Varias persoas na terraza dun bar na Coruña.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta