O fin do traballo (I)

Imaxine unha sociedade na que o traballo como factor de produción é completamente marxinal. No que a capacidade produtiva depende case exclusivamente do capital físico e o coñecemento, que non é senón outra forma de capital, o capital humano. Isto é ciencia-ficción. Son consciente. Mais non fantasía, pois a deriva tecnolóxica podería desembocar nun mundo semellante. Tal como nun pasado recente o papel predominante da terra como factor produtivo foi substituído polo capital físico.

Por Fernando del Río | Compostela | 17/03/2014

Comparte esta noticia
Para explicarme permítame fabular. No ano 2547 a corporación transnacional do potentado da moda Adam O’Connell produce vestimentas deseñadas polo prestixioso deseñador John Gambetta para todo o planeta nas súas factorías totalmente robotizadas que funcionan grazas ao software do magnate da industria informática Ben Galor. A maioría da poboación mundial vive no limite da subsistencia cultivando a súa pequena horta ou coidando os xardíns de grandes mansións. Ao lado das grandes fortunas, gozando tamén dun excelente nivel de vida, convive tamén un grupo de traballadores supercualificados realizando tarefas moi especializadas. 
 
Tanto O’Connell como Gambeta e Galor teñen algo en común: posúen o capital, humano e físico. O resto da meirande parte da poboación posúe o traballo. O problema para eles é que o progreso tecnolóxico tornou a súa posesión en algo carente de valor. A maior parte dos traballos que facían os seus tataravós agora son feitos por máquinas. Porén, ese mesmo progreso tecnolóxico potenciou as habilidades de O’Connell, Gambeta e Galor. Teñen ideas: montar unha empresa, desenvolver un software, deseñar un vestido,... As ideas son un ben non rival- nun artigo anterior xa expliquei o concepto- e como tais só necesitan sen producidas unha vez e logo poden ser usadas tantas veces como se desexe por todos os que o desexen. Por todo o planeta! Isto posibilita aos produtores de ideas de apropiarse de enormes rendementos. Mais non só.
Ademais, a carreira na procura das ideas é un todo ou nada. O que tende a xerar polarización na distribución da renda. Se vostede mais eu producimos alfaiates –un ben rival- e vostede se esforza moito ou ten mais pericia ca min entón ao longo do día producirá 100 alfaiates mentres eu só alcanzarei os 80. Será vostede entón mais rico ca min, mais non moito mais. Agora ben, se nos dedicamos a deseñar software para xogos de ordenador e vostede deseña un xogo mellor ca o meu entón todo o mundo comprará a súa idea  e ninguén a miña. Vostede será moi rico, eu moi pobre.
 
A sociedade bipolar sería consecuencia dun progreso tecnolóxico que progresivamente despraza o traballo pouco cualificado de tarefas rutineiras, substituíndoo por máquinas, ao tempo que  require dun pequeno grupo de traballadores moi cualificados que realicen as tarefas mais creativas explotando os seus coñecementos. Isto é o que se deu en chamar na literatura económica progreso tecnolóxico orientado á cualificación e que nos Estados Unidos xa actualmente se ten traducido nun alargamento da fenda salarial entre traballadores cualificados e non cualificados. O proceso podería continuar ata o extremo. 
 
O economista Tyler Cowen – profesor na Universidade George Manson e co-autor dun popular blog económico, Marginal Revolution (marginalrevolution.com)-  predice no seu último libro de 2013 “Average is Over: Powering America Beyond the Age of the Great Stagnation” un futuro semellante ao da fábula. Segundo a súa tese, nun futuro non moi distante a humanidade dividirase en dous grupos: unha pequena maioría altamente educada – que posúe o coñecemento, as ideas, o capital humano,...ou como lle queiramos chamar- capacitada para traballar con sistemas altamente automatizados e que concentrará nas súas mans a maior parte da renda e a riqueza. A inmensa maioría da xente sobrevivirá producindo bens de baixo prezo –usando sistemas de produción altamente automatizados- destinados á minoría privilexiada. 
Agora que o penso, un recente filme de ciencia-ficción, Elysium, debuxaba un futuro parecido.  Eventual porvir que suscita algunhas cuestións. Cuestións que teñen ver coa xeo-economía, coa educación, coa organización institucional, coas políticas redistributivas,... Mais deixámolas para unha segunda entrega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).