O número de galegos que non poden pagar o alugueiro disparouse no último ano

Un estudo asegura que a débeda media dos inquilinos da comunidade subiu un 37% coincidindo coa crise da covid.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A crise económica derivada da pandemia, que agora ameaza con se unir á inflación pola escaseza de carburantes, deixa fendas visibles nos petos dos galegos. A pesar do impacto inicial dos ERTE e dese Ingreso Mínimo Vital que, en moitos casos, quedou pendente de tramitación, cada vez son máis os galegos que acumulan impagos no seu alugueiro ante a imposibilidade de facerlle fronte a uns custes que, sobre todo nas cidades, sufriron o impacto dos pisos turísticos.

Arquivo - Unha calculadora e unhas chaves sobre un contrato de arrendamento (aluguer) dunha habitación nunha vivenda compartida.. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha calculadora e unhas chaves sobre un contrato de arrendamento (aluguer) dunha habitación nunha vivenda compartida.. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

En conxunto, a débeda media por falta de pagamento no alugueiro aumenta en Galicia un 37%. Son datos do XIII Estudo de morosidade en arrendamentos urbanos, elaborado polo Ficheiro de Inquilinos Morosos. Segundo destaca a entidade, os inquilinos galegos debían, de media, aos propietarios dos seus inmobles máis de 4.620 euros en 2020.

"Na Coruña obsérvase a débeda máis alta da comunidade con máis de 5.117 euros de falta de pagamentos acumulada no mesmo período", cifran. Porén, a suba máis elevada dáse na provincia de Pontevedra, onde a variación ascende a 52,3%. As cifras refiren as inscricións de morosidade ao longo de 2020, unha circunstancia que, a ollos do Ficheiro, dá para contemplar xa os efectos da covid no pago dos alugueiros. 

Unha análise segmentada por provincias segundo a débeda media por falta de pagamento deixa claro que A Coruña é o territorio onde os inquilinos deixaron a deber máis cantidade de diñeiro, sendo a suma total de máis de 5.117 euros de media. A esta séguenlle Pontevedra, cunha débeda que rolda os 4.408 euros; Lugo, con 3.929 euros e; por último, Ourense cunha contía media por falta de pagamentos en arrendamentos urbanos de 3.757 euros.

A ÚNICA COMUNIDADE 

“En Galicia atopamos unha situación diferente en comparación con outras CC.AA. e é que é a única comunidade na que se rexistrou unha variación á alza da cantidade de débeda media por falta de pagamento en arrendamentos urbanos", explican dende a entidade. "Así, e calculando unha renda media de alugueiro de 607 euros nesta rexión, estimamos que a débeda actual nesta comunidade equivale a que os inquilinos morosos estiveron ao redor duns 8 meses sen cumprir co pago da renda polo alugueiro do inmoble", engande. 

.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Como non imos ter problemas para pagar o alugueiro, se os que deberan ocuparse do tema viven como a Marquesas de Toralla ? En Vigo levan dous anos coas grúas a todo meter construindo pisos de luxo o máis barato de 400.000 € para arriba ! Con centos de baixos comerciais pechados, de onde veñen os cartos destas construccións VIP ? O vindeiro ano cruzar os dedos, de momento levamos perdido un 6% de poder adquisitivo e os prezos medrando... ¿Onde están os alugueiros sociais? Especulación pura e dura, igual que nos mellores tempos do ladrillo do PP de Aznar ! Disque non van deixar a ninguén atrás? Exemplos: Avantespacia https://flic.kr/p/2mEgMid / https://flic.kr/p/2kMczzv Mentras SAREB leva 10 anos sen rematar esta obra en plena Gran Vía https://flic.kr/p/2kMgivS Onde os alugueiros sociais... na punta do carallo !