A escultora Soledad Penalta clausura o ciclo 'As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán'

O acto terá lugar este xoves a partir das 18,00 horas no salón de actos da Real Academia Galega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2021 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

A escultora Soledad Penalta clausurará o vindeiro xoves, 2 de decembro, o ciclo 'As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo'. Esta iniciativa foi coorganizada polo Concello da Coruña e a Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, con motivo do centenario do falecemento da escritora.

Nesta última cita, a creadora abordará o empoderamento das mulleres no mundo da arte e como inflúe a mirada de xénero para facer visibles os estereotipos neste sector. Co título 'Modelando Soños, unha vida entre o lume e o aceiro', Penalta repasará tamén a súa traxectoria vital nunha conversación coa xornalista Noela Bao.

A conversación terá lugar este xoves a partir das 18,00 horas no salón de actos da Real Academia Galega, con entrada libre ata completar aforamento. Ademais, transmitirase en directo pola canle de Youtube de Cultura da Coruña.

Neste ciclo que agora termina participaron mulleres como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a académica Marilar Aleixandre, directora da revista A Tribuna: Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán; a gaiteira Susana Seivane; a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro; a delegada especial en Galicia da Axencia Tributaria, Imelda Capote; a xornalista Rosa Martínez; e a médico Lorena Bembibre.

Real Academia Galega das Belas Artes
Real Academia Galega das Belas Artes | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta