“En España non se entende que comamos cacheira ou chourizo afumado”

Entrevistamos a Alfonso López Diéguez, director comercial de Embutidos Lalinense, unha empresa con máis de 60 anos, que ven de lanzar o lacón con grelos e o cocido galego en conserva e prepara o lanzamento de novos produtos.

Por GCAgro | Lalín | 24/03/2014 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

D.G. O directivo de Embutidos Lalinense recíbenos na súa planta de Agruchave (Lalín) con roupa de traballo, como calquera dos seus máis de 60 traballadores. Ao igual que a sinaléctica en galego da empresa, sorpréndenos o que debería ser habitual.

Conservas de Lacón con grelos e Cocido galego de Embutidos Lalinense
Conservas de Lacón con grelos e Cocido galego de Embutidos Lalinense

Estamos ante unha empresa referente en Galicia na elaboración dos produtos derivados do porco, un dos nosos animais totémicos. Plantéxanse como reto seguir medrando no mercado galego e exterior. E unha das súas estratexias é a comercialización de platos tradicionais galegos en conserva, como fixeron os asturianos coa súa fabada ou os andaluces co gazpacho. Empezaron co cocido galego e co lacón con grelos e en breve sorprenderannos cun novo produto que une o mellor da tradición culinaria galega cos hábitos de consumo da sociedade actual. 

-Cales son as cifras nas que vos movedes en Embutidos Lalinense?
Embutidos Lalinense empeza en 1949 e dende os comezos até a agora tanto en facturación como en produción imos a máis. O pasado ano procesamos 3 millóns de kilos de carne de porcino e unha facturación que roldou os 9 millóns de euros. 

A nosa materia prima é toda da comarca do Deza. A parte de fábrica temos tamén matadoiro propio. 

Cales son as previsións para 2014? 
Seguir medrando, pouquiño a pouco, e agardando que por fin comece a saída da crise.  

"A crise no sector de porcino nótase nos menores marxes, non nas vendas"

Estades tamén notando a crise no sector da alimentación?
As subas en enerxía, materias primas e custos sociais as empresas tivemos que medrar en volume porque a marxe comercial diminuíu estes anos. As cadeas de distribución non nos deixan subir os prezos, polo que a crise no sector da carne de porcino é de marxe non de vendas. Cada ano fomos vendendo máis pero a nosa marxe de beneficio foise reducindo. 
 
Sodes unha empresa que innova con novos produtos como o lacón con grelos ou o cocido en conserva. Qué tal están a funcionar?

Apostamos por eles sobre todo pola data de caducidade e porque é moi exportable cara fóra de Galicia. De momento o volume de vendas é pequeno sobre o total da empresa pero vai medrando. 
 
Cales son os vosos principais mercados? 

O noso principal mercado é Galicia e enviamos tamén á hostelería e pequenos distribuidores do resto do Estado. Exportamos tamén algo para Inglaterra e para Suíza. 

"Coas conservas estamos intentando internacionalizar os platos tradicionais galegos"

É difícil para unha mediana empresa como Embutidos Lalinenses competir coas grandes industrias de embutidos e coa gran distribución?

Nós facemos un produto moi galego como chourizo galego, cacheira, lacón e produtos salgados que as grandes fábricas non traballan. Ao centrarnos no produto máis galego temos menos competencia pero tamén un mercado máis limitado. 

Coas conservas o que estamos intentando é facer os nosos platos galegos máis internacionais. Se a fabada asturiana se vende en toda España por qué non o cocido galego. O noso obxectivo é que o cliente probe o noso produto en conserva e lle enganche. 

Agora mesmo, por exemplo, estamos exportando as nosas conservas a Suíza e a outros países onde hai galegos emigrados, e que eles mesmos actúen como embaixadores dos nosos produtos. 

Un dos impedimentos para que Galicia exporte carne de porcino a outros países é que non conta con matadoiros certificados pola Unión Europa para exportar. É tamén o voso caso?
O noso matadoiro é pequeno, matamos 800 porcos á semana, cando os grandes, que están en Catuña, matan máis de 6.000 porcos diarios. O problema de Galicia é que non temos grandes matadoiros e hainos que exportar porcos vivos o outros do Estado, como o da Bañeza. 

En Galicia o primeiro matadoiro é o de Coren-Frigolouro, en Porriño; logo está Frigodeza, que sacrifica sobre 2.000 porcos á semana, e os terceiros en Galicia somos nós. É triste que non teñamos matadoiros máis grandes en Galicia para quitarlle máis valor engadido ao noso sector primario. 

Os que puideron ter un gran matadoiro, como COREN, non o fixeron, e é algo incomprensible. 

Vides observando cambios nas pautas de consumo da sociedade?
A tendencia é a ir a pratos preparados e a racións máis pequenas. Antes vendíase un lacón ou unha cacheira enteiras porque as familias eran máis grandes; agora véndese por porcións máis pequenas. A tendencia é que sexa fácil de elaborar na cociña e cantidades pequenas. 

Lacón con grelos en conserva de Embutidos Lalinense
Lacón con grelos en conserva de Embutidos Lalinense

"En Galicia fáltanos márketing para vender os nosos produtos fóra" 

É fácil exportar os produtos tradicionais galegos do porco?
En Galicia fáltanos máis márketing para vender os nosos produtos fóra. E no caso do chourizo galego, adaptalo aos sabores do resto do Estado. En Galicia o tradicional é afumar o chourizo, pero no resto do Estado non gusta. Isto obríganos a facer un produto para o mercado galego e outro para o mercado estatal. Ou a cacheira de porco fóra de Galicia non se coñece. Galicia segue sendo moi tradicional e no resto do Estado non se comparten os nosos gustos, aínda que cando chegan aquí e proban a nosa cacheira ou o noso chourizo en xeral gústalles moito.

Sodes unha empresa que levades funcionando dende 1949, algo pouco habitual en Galicia e no Estado. Cal é a clave desta continuidade? 
A clave foi traballar paso a paso, non aventurarse en grandes investimentos, e cando os facemos realizalos cos propios recursos e sen pedir préstamos aos bancos. Somos de arriscar pouco, temos que ver as cousas seguras para dar os pasos. 

Cómo foi evolucionando o sector porcino en Galicia nestes 60 anos? 
Cada vez haberá menos explotacións de porcino e máis grandes. As empresas teñan que optimizar os recursos. As empresas competitivas que gasten menos para producir máis serán as que se manteñan.

Alfonso López Diéguez, director comercial de Embutidos Lalinense
Alfonso López Diéguez, director comercial de Embutidos Lalinense | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 eueu

É moi triste ver como moitas empresas arrastran o complexo de inferioridade tan común por aqui etiquetando os produtos galegos coa tradución ao castelán: sardinillas por xoubas, cocido gallego por cocido galego, picadillo de chorizo por zorza, etc, etc. Mentres que sen irmos mais lonxe a fabada asturiana coñécese co nome orixinal, por non falar da coca catalá, o pá de pesic, a fiduà, etc, etc, etc. Pais de ananos!

1 ternera cipaia

escomezando por a marca "ternera ghayega". De quen sería a ideia?