Aprobada a lei audiovisual que inclúe unha cota mínima do 6% dos contidos en galego para as plataformas

A lei contempla un réxime de sancións para os operadores que non cumpran esta obriga.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 30/11/2021 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, aprobou este martes o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que inclúe unha cota do 6% de contido do catálogo das plataformas en linguas cooficiais do Estado.

'O xogo da lura', nunha adaptación da páxina de Twitter @netflixengalego
'O xogo da lura', nunha adaptación da páxina de Twitter @netflixengalego

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, explicou que "España é, sen dúbida, unha potencia en toda a cadea de valor da industria audiovisual, con excelentes produtores, guionistas, actores, directores e todos os servizos auxiliares que participan nesta importante industria".

"Trátase, ademais, dun mercado en crecemento e en profunda transformación derivado dos cambios tecnolóxicos, a multiplicación das canles de distribución das formas e os dispositivos nos que se consomen os produtos audiovisuais", apostilou, quen non descarta "melloras" e "axustes" no trámite parlamentario.

A nova lei audiovisual incorporará ao dereito español a Directiva europea de Servizos de Comunicación Audiovisual (2018) que estende a regulación que ata agora existía para a radio e a televisión aos servizos e contidos audiovisuais de internet, en especial as plataformas para compartir contidos (redes sociais) e de vídeo á carta (Netflix, HBO Max, Movistar+).

Así, a proposta prevé que as plataformas fornecedoras de servizo de catálogo terán que ofrecer, como mínimo, un 6 por cento da súa oferta en catalán, eúscaro ou galego. Trátase dunha disposición incluída no texto 'in extremis' no marco das negociacións do Goberno con ERC para conseguir o apoio dos nacionalista para aprobar os orzamentos xerais para 2022.

"O proxecto de lei tamén ilustra o forte compromiso do noso Goberno co impulso do español e do resto de linguas cooficiais no ámbito audiovisual neste momento de expansión e creo sinceramente que tras moitas negociacións e integrando as posicións de todos os actores, tras dúas audiencias públicas e un conxunto de encontros e de intercambios de suxestións de propostas, con este proxecto de lei audiovisual, logramos un bo equilibrio entre o impulso á produción nacional, a emisión en linguas cooficiais e o forte apoio ao sector audiovisual e á atracción de investimentos, actividade económica e talento ao noso país", subliñou Calviño.

En concreto, do 30 por cento de obra europea que deben emitir, a metade desta porcentaxe (15%) haberá de ser contido audiovisual en linguas oficiais do Estado español e, desta parte, o 40% terá que ser en catalán, eúscaro ou galego, o que dá lugar ao mencionado 6 por cento, segundo establecerá a nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.

No entanto, as mesmas fontes indicaban que a norma "non prefixa" unha distribución concreta de contidos ofertados en cada unha destas linguas --catalán, eúscaro ou galego--. Ademais, apuntaban que a lei contempla un réxime de sancións para os operadores que non cumpran esta obriga de manter no seu catálogo a cota de produción en linguas cooficiais, cuxo custo deberán asumir ditas empresas. Aínda hai dúbidas respecto de se España pode pedir ás plataformas internacionais que cumpran con esta medida. Preguntada por esta cuestión, Calviño non aclarou esta circunstancia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta