O fin do traballo: redistribución

Como argumentei no artigo precedente o coñecemento está a gañar importancia como factor produtivo ao tempo que o traballo está a perdela. O proceso é consecuencia das mudanzas tecnolóxicas orientadas á cualificación intimamente asociadas ás novas tecnoloxías da información.

Por Fernando del Río | Compostela | 02/04/2014

Comparte esta noticia

O devir histórico podería deseñar un hipotético futuro cunha humanidade polarizada na que unha minoría –a propietaria do capital físico e humano- nade na abundancia mentres unha inmensa maioría –que só posúe o seu traballo- viva no limite da subsistencia. Os desafíos redistributivos que esta posíbel nova realidade motiva son ao meu ver evidentes.

De conformarse a polarización social, unha gran masa da poboación veríase abocada á pobreza, a cal, convivindo a carón da opulencia, ademais de ser inmoral tamén quebra a igualdade de oportunidades. A pobreza implica toda unha variedade de aflicións socioeconómicas que fan dubidar que un cativo criado nesas circunstancias reciba o capital humano axeitado para poder escoller no futuro a senda que desexe na súa vida. Consecuentemente, a mobilidade social hase resentir e, así, a cohesión social e a eficiencia.  

Os mecanismos redistributivos actuais non están pensados para confrontar o desafío dun risco masivo de pobreza, mais para sociedades cunha extensa clase media. Porén, afortunadamente, xa xigantes –sempre cabalgamos nos ombros de xigantes- pensaron en novas fórmulas distributivas que poden ser axeitadas para evitar o hipotético futuro bipolar e que, dun xeito ou outro, pretenden garantir a todos os cidadáns uns estándares de vida dignos.

Milton Friedman, premio Nobel de Economía, avogou polo imposto negativo sobre a renda no seu libro de 1962 “Capitalism and Freedom” e en algún que outro artigo. Outro Premio Nobel de Economía, James Tobin, tamén prestou atención en varios artigos ao asunto ( ver, por exemplo, o artigo escrito conxuntamente con Pechman e Mieszkowski “Is a Negative Income tax Practical?” publicado no 1967 en The Yale Law Journal). Porén, a idea pode remontarse ao economista francés Agustín Cournot quen a formula no seu libro de 1838 "Recherches sur les Principes Mathématiques de la Théorie des Richesses" e  foi vigorosamente defendida pola política liberal británica Juliet Rhys-Williams na década dos corenta do pasado século. A súa influencia traduciuse nalgunhas propostas de reforma fiscal elaboradas polo Partido Liberal británico.

Un sistema tributario cun imposto negativo sobre a renda funcionaría do seguinte xeito. Supoña que existe unha única taxa impositiva do 20% sobre a renda. O Estado débelle de entrada a cada individuo 10.000 euros anuais. Un individuo que gañase 40.000 euros ao ano tería que pagar 8.000 de impostos, mais como o Estado lle debía 10.000 entón recibirá 2.000 euros. Se un individuo gaña 80.000 euros entón tería que pagar 16.000, mais, descontando os 10.000 que lle debe o Estado, os seus pagamentos limitaríanse entón a 6.000. Por suposto, como se deduce doadamente do exemplo, o imposto negativo sobre a renda implica progresividade fiscal sen necesidade dun incremento das taxas en función da renda.

A proposta do imposto negativo sobre a renda, aínda que non idéntica, é moi semellante á hoxe mais estendida de entregar unha renda básica a todos os cidadáns. A diferenza podería estribar en que a proposta da renda básica é totalmente incondicional, mentres a do imposto negativo sobre a renda podería condicionar o resultado a realizar a declaración da renda ou a estar traballando ou procurando emprego. O economista e filósofo da Universidade Católica de Lovaina, Phillippe Van Parijs, quizás sexa hoxe un dos seus mais salientábeis avogados. No seu libro de 1995 “Real Freedom for All: What (if anything) can justify capitalism?” argumenta en prol da renda básica.

Aínda que menos coñecida, tamén convén lembrar a proposta do economista, marxista analítico e profesor de Ciencias Políticas na Universidade de Yale, John E. Roemer de dotar a cada persoa cunha carteira de activos no momento do seu nacemento co obxectivo de que ao longo da súa vida obteña os rendementos dos mesmos. No seu libro, editado en 1995 en España (1994 edición norteamericana), “Un futuro para el socialismo” pode encontrar algunhas das súas propostas. O problema xorde se o individuo se arruína por facer unha mala xestión da súa carteira. Ante esta eventualidade  poderían introducirse limitacións á compra-venda. Se isto for así, a proposta é semellante á da renda básica. De facto, os defensores da renda básica consideran a proposta de Thomas Paine –un dos Pais Fundadores dos Estados Unidos- un antecedente. Paine defendeu no seu libro “Agrarian Justice” que os cidadáns recibisen regularmente os dividendos xerados polos recursos naturais para uso privado. O Estado norteamericano de Alaska segue esta política e ten un fondo permanente que reparte dividendos aos cidadáns. Se non acredita visite esta páxina web, http://pfd.alaska.gov.

 As tres propostas non son idénticas, mais todas pretenden garantir un mínimo digno a todos os cidadáns. Non están exentas de problemas. Derivados principalmente de que poderían desincentivar o esforzo. En particular, poderían levar a algúns a non traballar ou traballar menos (a reducir a oferta de traballo, que diríamos os economistas). Porén, nun hipotético futuro no que o traballo como factor produtivo tivese unha importancia marxinal, este efecto desincentivador tería escasa importancia económica. Claro que, tamén podería desincentivar o investimento en capital humano, o cal reduciría as oportunidades de progresar dos individuos e, por tanto,  influíndo negativamente sobre a mobilidade social. Porén, debemos ter en conta que estas políticas redistributivas acoutarían a pobreza e, consecuentemente, por esta vía repercutirían positivamente sobre a mobilidade social. Intúo que nunha sociedade na que o risco de pobreza sexa masivo o segundo efecto predominará sobre o primeiro.    

A grande avantaxe destas propostas é que permitirían reducir o  intervencionismo estatal no fornecemento de bens e servizos. Substituirían as actuais de educación pública, sanidade pública, seguros públicos de desemprego e pensións,... aforrando así todos os gastos administrativos asociados, permitindo reducir o tamaño do goberno e eliminando as distorsións causadas pola intervención directa do Estado. De facto, estas ganancias son as que principalmente argúen os defensores da Renda Básica en prol da viabilidade da súa proposta. Ademais, nunha hipotética sociedade futura no que a tecnoloxía permita alcanzar niveis de produtividade moito maiores que os actuais, estas políticas redistributivas non serían moi custosas.

Dis que coñecer o pasado axuda a comprender o presente. Espero que elucubrar sobre o futuro tamén sirva para algo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).