Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 14:26
As conclusións dos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), apuntan á necesidade de incentivar o uso do galego en actividades como comedores, actividades extraescolares, viaxes educativas, ademais de reforzar os contidos de lecer.
"En contextos sociolingüísticos como o galego, a transmisión da lingua no núcleo familiar non é condición suficiente para garantir o obxectivo da continuidade xeracional. Cómpre que se empregue e se transmita tamén nos outros contextos que rodean os nenos e nenas, que son fundamentalmente o escolar e o social"
Esta é a realidade que se deduce a partir das intervencións (telemáticas e presenciais) dunha ducia de expertos que participaron no encontro que se desenvolveu no Consello da Cultura Galega os días 25 e 26 de outubro (de maneira telemática) e 4 de novembro (presencial).
A xuntanza, coordinada por Rosario Álvarez, David Cobas, Xosé Gregorio Ferreiro, Ana Iglesias, Manuel Maseda, Susana Mayo, Bernardo Penabade, Xusto A. Rodríguez, Bieito Silva, Anxos Sobriño e Marta Souto, levaba por título "Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega". Nela intercambiaron información, datos, experiencias e recursos arredor da perda da transmisión entre xeracións.
MEDIDAS PROPOSTAS
Nelas propoñen unha serie de medidas que "deberían ser tomadas en consideración de cara a fortalecer o proceso de socialización en lingua galega da infancia". A primeira está dirixida ás administracións para que convertan a rede escolar de titularidade pública nun axente activo de socialización en galego e piden que o galego sexa a lingua principal do profesorado de 0-6 anos.
Ademais, cómpre facer chegar ás familias as evidencias dispoñibles sobre as vantaxes cognitivas do plurilingüísmo, e a realidade de que o galego só estará no repertorio plurilingüe dos falantes se se parte del como substrato sobre o que engadir os demais idiomas.
Entre as conclusións destaca a necesidade de "promover a creación e a difusión de recursos e contidos para o lecer, tanto individual coma social, en galego; nomeadamente, todos os que teñen que ver có mundo audiovisual e coas redes sociais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.