O Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa vén de ser recoñecido oficialmente pola Igrexa

Logo de reunións cos alcaldes polos que discorre a ruta para asinar un convenio de colaboración, "investigouse o camiño, deseñouse o logo, fixose productos de merchandising e comezouse a andar a través de diferentes iniciativas".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/12/2021 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

A Asociación Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa comunicou que a Igrexa recoñece o Camiño de San Rosendo, unha ruta milenaria que, partindo de Braga chega a Santiago, entroncando o seu discorrer en Ourense coa Vía da Prata.

Camiño San Rosendo
Camiño San Rosendo | Fonte: Asociación San Rosendo

A asociación, nun comunicado describe que  "foi na Casa dos Poetas onde nos reunimos para recoller o testigo de moitos estudos anteriores, investigacións e traballos feitos. E a partir de aí, comezamos a camiñar. Paseniño a paseniño, pero sen descanso".

Logo de reunións cos alcaldes polos que discorre a ruta para asinar un convenio de colaboración, "investigouse o camiño, deseñouse o logo, fixose productos de merchandising e comezouse a andar a través de diferentes iniciativas".

Despois dunha reunión co responsable da Oficina Internacional do Peregrino de Santiago de Compostela, Segundo Pérez López, deu como resultado "a boa nova do recoñecemento oficial deste camiño por parte da Igrexa". A partir de agora, todos aqueles peregrinos que cheguen a Santiago seguindo este antigo roteiro de peregrinación recibirán a Compostela.

Por outra banda, e tras unha reunión mantida co conselleiro de Cultura Román Rodríguez, esta semana o Consello da Xunta aprobou a firma dun convenio de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, para que esta entidade elabore unha ferramenta metodolóxica, en base a criterios científicos, que avalíe o recoñecemento dos distintos itinerarios históricos como Camiños de Santiago.  Un traballo que comportará o estudo do Camiño de San Rosendo.

Cada vez son máis os peregrinos que, de maneira solitaria e ás veces anónima, escollen este Camiño para achegarse a Compostela. Neste mes foron varios os camiñantes de Andalucía, Portugal e mesmo da provincia de Ourense os que percorreron o noso territorio, gozando da paisaxe, do patrimonio e da nosa hospedería.

O vindeiro 12 de decembro, o colectivo MiraXurés co apoio desta Asociación organiza unha nova etapa do Camiño entre Celanova e Ourense, peregrinaxe que continuará no 2022 cara a Compostela. Vías romanas, termalismo, gastronomía, natureza en estado puro atravesando a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêres – Xurés e un amplo patrimonio no que se atopa a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, a capela mozárabe de San Miguel e, por suposto, o Mosteiro de Celanova (custodio das reliquias de San Rosendo e San Torcuato, varón apostólico de Santiago), son algún dos atractivos que nos podemos atopar ao longo do Camiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta