Carabuñas, “os do sabugueiros” convidan a celebrar a amizade este Nadal

Eva e Nelson, promotores deste proxecto de produtos gourmet derivados do sabugueiro, presentan unha orixinal iniciativa. Están a comercializar unhas cestas especiais para este Nadal que inclúen láminas de ilustradoras galegas.

Por X.M. Fernández | Ourense | 20/12/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Carabuñas, ou máis coñecida como “os do sabugueiro”, vén de poñer en marcha unha orixinal iniciativa para este Nadal coa que desexan cumprir un dos seus propósitos: a celebración da amizade. Para iso contaron coa colaboración das ilustradoras galegas Clara Cerviño, Xoana Almar, Luz Beloso e Ana Parada que se prestaron a transmitir a través das láminas a súa visión sobre a amizade.

Caixas de Nadal de Carabuñas. Foto cedida.
Caixas de Nadal de Carabuñas. Foto cedida.

As láminas incluénse nas diferentes cestas agasallo creadas especificamente para este Nadal xunto con outros produtos galegos de alimentación de gran calidade e elaborados de forma artesanal. Para a creación destes lotes a aposta segue a ser a do produto galego, ecolóxico, local e rural. As cestas, que se poden adquirir na súa tenda en liña e cuxos prezos oscilan entre os 43 e os 99 euros, son unha edición especial “coa que queremos enriquecer o alimento con produtos para a vista e para a mente”, sinalan os emprendedores Eva e Nelson, promotores do proxecto gastronómico nacido en Vilar de Santos hai nove anos.

“Gosto do Nadal galego, Gosto do rural galego” é o lema que acompañan a estas cestas baixo o paraugas de “GOSTO!”, unha imaxe que figura nos packs creados para os envíos deste Nadal. Baixo esta nova estética, con diferentes produtos gourmet e con láminas das ilustradoras devanditas, preséntanse os seguintes lotes: “Gosto das ilustradoras galegas”, “Gosto da Xoana!”, “Gosto da Cerviño!”, “Gosto da Beloso!” e “Gosto da Trave!”. 

“Con estas cestas especiais para este Nadal queremos poñer en valor o traballo das mulleres galegas que se dedican á ilustración. Son catro pero poderían ser corenta porque a calidade da ilustración galega é magnífica. E para mostra podemos ver o traballo destas catro ilustradoras que plasman o uso, a calidade e a diversidade dos seus traballos”; sinala Eva, unha das responsables de Carabuñas.

CARABUÑAS, O PROXECTO

Carabuñas naceu no ano 2012 en Vilar de Santos (Ourense) despois de dous anos de investigación sobre o sabugueiro, un arbusto que forma parte da paisaxe galega e que actualmente está esquecido tanto o seu uso como as súas propiedades. A partir da súa baga e da súa flor comezaron a elaborar diferentes produtos de xeito artesanal: cervexas, licor, marmeladas, xalea e infusións.

Produtos das caixas de Nadal de Carabuñas. Foto cedida
Produtos das caixas de Nadal de Carabuñas. Foto cedida

Ademais da elaboración de alimentos gourmet e ecolóxicos, as principais liñas de traballo de Carabuñas na actualidade son a investigación e o cultivo do sabugueiro. Eva e Nelson son os promotores deste proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta