A hostalaría alerta de cancelacións de comidas e ceas nas festas e rexeita novas restricións

O Clúster Turismo de Galicia asegura que as expectativas son "boas" no caso dos aloxamentos turísticos, con previsións similares ás do 2019.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2021 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O medo e a incerteza ante o aumento de contaxios por Covid está a provocar cancelacións de comidas e ceas na hostalaría por estas festas, segundo confirman desde o sector, que se mostran moi críticos coa posibilidade de que se apliquen novas restricións.

Así o manifestaron a Europa Press desde a Federación Galega de Hostalaría e desde a Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega. Tanto o presidente da primeira, Cheché Real, como o membro da plataforma e presidente de Hostalaria.gal, Lois Lopes, coinciden en que se están producindo cancelacións.

"Actualmente os eventos colectivos de celebración de festas foron totalmente cancelados", apunta Lois Lopes. "Saen unhas e entra algunha", resume, á súa vez, Cheché Real sobre as reservas ante unha situación que cualifica de "incerta" tanto para os clientes como para o sector.

Por outra banda, apostila que desde a hostalaría se fixo "provisión de mercadoría porque hai que ter unha previsión, pero agora hai anulacións e indecisións", admite. Neste contexto, expresa o temor do sector a posibles novas restricións, como reducir horarios ou aforamentos, que rexeita.

PIDEN QUE LLES "DEIXEN TRABALLAR"

"Queremos traballar ao 100%, levamos dous anos así", asegura sobre as consecuencias económicas e laborais da pandemia e das restricións no sector. Ás perdas pola mercadoría xa adquirida, apunta tamén á situación co persoal que se contrata nestas datas como reforzo.

"O virus hai que facelo noso e nada máis", resume ao insistir en que "non vai desaparecer". "Que pasa, que nós imos estar toda a vida traballando así", argumenta ao rexeitar máis restricións. Como exemplo, pon os sinistros na estrada nas operacións retorno. "E impídenche saír co coche?", pregúntase.

E ante o aumento de contaxios, alude á esixencia do pasaporte covid e insta a todo o sector a esixilo e "non deixar entrar a ninguén" que non o teña. "Normas e protocolos e que nos deixen traballar", recalca.

En similares termos pronúnciase Lois Lopes, que vincula as cancelacións con "un discurso tremendamente preventivo e catastrofista" por parte das autoridades. "Inxustificado dado que, afortunadamente, a situación sanitaria, desde o punto de vista de saturación hospitalaria, é radicalmente distinto a outras ondas".

"Unha vez máis, ponse o foco na hostalaría, sabendo que son múltiples as situacións nas que se pode producir o contaxio", lamenta. Mentres, reclama que "a esixencia do certificado Covid, sirva para poder traballar no sector sen ningún tipo de limitación nin horaria nin de capacidade". De non ser así, considera que a esixencia do mesmo "perde todo o sentido".

BOAS EXPECTATIVAS EN ALOXAMENTO

Pola súa banda, desde o Clúster Turismo de Galicia, consultados sobre as reservas en aloxamentos turísticos, indicaron que as previsións "son similares ás que houbo en 2019". "Hai boas expectativas de ocupación, sobre todo nos establecementos de turismo rural que permanecen abertos nesas datas e en lugares como Vigo, que ofrece o atractivo da súa decoración do Nadal".

Indican que non teñen constancia de cancelacións polo aumento de contaxios, exceptuando o caso da hostalaría, aínda que avogan por ser cautelosos dado o actual contexto. "O turismo con pernoctación de Nadal prodúcese, como practicamente todo o turismo en Galicia, en grupos moi reducidos", inciden. Respecto diso, consideran que "Galicia soubo trasladar o carácter seguro do turismo nesta Comunidade, polo que as persoas que veñen fano con ese convencemento".

Tamén apelan á tranquilidade, en base ás recomendacións dos expertos e ás medidas que os establecementos adoptan "por responsabilidade". "Nese sentido, todo o mundo pode estar tranquilo, porque soubemos configurar un turismo seguro e adaptado a esta situación", aseveran.

Grupos de comensais sentados nunha terraza dun establecemento, a 23 de outubro de 2021, en Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Grupos de comensais sentados nunha terraza dun establecemento, a 23 de outubro de 2021, en Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta