Pedro Sánchez afirma que o AVE suporá un impulso "incuestionable" para o turismo en Galicia

O presidente do Goberno inaugura a liña de alta velocidade entre Madrid e Ourense. Feijóo recorda que aínda non chegou a todas ás cidades e Pontón pide un tren de proximidade. A plataforma 'Lugo, non perdas o tren' lamenta que a provincia sexa a "Cincenta" dos servizos ferroviarios.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 20/12/2021 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu que a apertura da nova liña directa de alta velocidade entre Madrid e Ourense suporá "un impulso incuestionable" para a industria turística galega, co que beneficiará non só aos galegos, senón ao conxunto do Estado.

(E-D) O presidente do Goberno, Pedro Sánchez; a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz; e o rei Felipe VI, á súa saída de Madrid para inaugurar oficialmente a liña de AVE que conectará Madrid e Galicia
(E-D) O presidente do Goberno, Pedro Sánchez; a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz; e o rei Felipe VI, á súa saída de Madrid para inaugurar oficialmente a liña de AVE que conectará Madrid e Galicia | Fonte: Alberto Ortega - Europa Press.

Nun acto institucional celebrado na estación de Ourense tras a viaxe inaugural efectuada por un tren de alta velocidade desde Madrid a Galicia, o presidente lembrou que o orzamento para Galicia aumentará o ano que vén un 33,7%, con especial énfase nas infraestruturas.

"Traer o AVE a Galicia non só fai xustiza con esta terra, senón que beneficia o conxunto do país. España necesita este AVE porque Galicia está chamada a xogar un papel imprescindible en cuestións claves como a transición enerxética, a loita contra o cambio climático, a dixitalización ou combater o reto demográfico. Necesitamos a mellor versión de Galicia", indicou.

Previamente, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, detallou que a apertura desta infraestrutura conecta de maneira "ultrarrápida" a case o 30% do PIB español e a máis do 25% da súa poboación, xerando "riqueza e múltiples oportunidades de desenvolvemento persoal".

Antes, o rei Felipe VI inaugurou a estación da Gudiña, a primeira en territorio galego do novo AVE que discorre entre Madrid e Ourense.

O monarca descubriu unha placa conmemorativa nesta estación, que forma parte do ambicioso proxecto do AVE a Galicia, que supuxo un investimento de máis de 10.060 millóns de euros ao longo dos 16 últimos anos e que o martes recibirá aos primeiros viaxeiros.

"FEITO HISTÓRICO"

Pedro Sánchez fixo fincapé nas implicacións que ten sobre a economía a chegada da alta velocidade a Galicia: "A conectividade é clave, detrás de cada redución de viaxe hai unha formidable xanela de oportunidades que melloran a economía, abrindo novas oportunidades de negocio e destapando sinerxías por medio da colaboración das empresas".

O presidente referiuse a esta apertura como un "feito histórico", que culmina cunha etapa de 16 anos de obras e un investimento de máis de 10.000 millóns de euros, pasando pola gran crise financeira de 2008 e a crise do coronavirus.

"Desde o Goberno tivemos sempre claro que o AVE a Galicia era unha prioridade absoluta. Por iso abrimos en outubro do ano pasado o tramo desde Pedralba da Pedrería e agora outros 120 quilómetros de paisaxe espectacular e coa convicción de que o esforzo pagou a pena", engadiu.

Sánchez explicou que antes o tempo entre Madrid e Ourense era de case catro horas e media e agora será de apenas dúas horas e cuarto, unha redución de tempos que virá acompañada dun aumento de frecuencias e servizos, que nalgúns casos chegan a duplicarse.ç

FEIJÓO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou a chegada do AVE á cidade de Ourense como "un antes e un despois" para Galicia, aínda que sinalou o obxectivo "irrenunciable" de que a alta velocidade chegue ao resto de cidades galegas.

No acto institucional na estación de ferrocarril ourensá, xunto ao rei Felipe VI e o titular do Goberno central, Pedro Sánchez, Núñez Feijóo cualificou este momento como "histórico" e falou de "día grande" para Galicia.

Ao entrar o AVE en Ourense, os galegos alcanzan, segundo subliñou, "unha meta longamente esperada e intensamente demandada". Ademais, este "ansiado fito" chega "inmersos noutros dous feitos de gran transcendencia", polo 40 aniversario do estatuto de autonomía e a "oportunidade inédita do dobre Ano Santo".

Na véspera da posta en servizo, este martes, das viaxes comerciais da alta velocidade a Galicia, o presidente galego aplaudiuno "como un activo de valor incalculable para aproveitar ao máximo o potencial turístico do Xacobeo".

Lembrou, iso si, o "atraso acumulado" das obras, pero apostou por non "malgastar nin un minuto de tempo para falar do pasado".

Así, incidindo en que é "imprescindible que se cumpran os tempos de conexión" comprometidos con todas as cidades, valorou que reducir a dúas horas e 15 minutos a viaxe entre Madrid e Ourense abre un "novo e interesante camiño a Galicia que mostra" a esta cidade "como primeiro escaparate".

"Ourense convértese no gran centro nodal do turismo de Galicia", advertiu, antes de erixir o ferrocarril en "capaz de constituír", por prezos, tempos e oferta, "unha alternativa sólida ao avión".

Para Feijóo, a presenza do rei e do presidente do Goberno, "evidencian" que o de hoxe é un "gran día tamén para España", pois as liñas de alta velocidade conforman as "arterias que mellor poden comunicar un país".

Este martes "a rede amplíase", chamou a atención, e "chega por fin ata o noroeste peninsular". Deste xeito, Alberto Núñez Feijóo afirmou que España "se converte nunha nación máis cohesionada" e Galicia sitúase "máis preto da realidade á que pertence".

Tamén reivindicou avances no ferrocarril ata Ferrol e ata Lugo, e "despexar as sombras" de Vigo, e apuntou igualmente á conexión de Galicia con Portugal "a fin de finalizar o AVE atlántico-ibérico".

"Estamos mellor preparados para progresar xuntos. Debemos continuar andando", profundou, antes de falar dese "un antes e un despois" que "supón poder competir en termos de igualdade co Mediterráneo, co sur" e co resto de España en xeral.

PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, deu este luns a "benvida" ao AVE a Galicia, "aínda que sexa 30 anos despois", á vez que apuntou a necesidade de que o país conte cun "tren de proximidade" para conectar as súas vilas e cidades.

A líder nacionalista recoñeceu que é "unha boa nova" a posta en marcha deste servizo ferroviario a partir deste martes para o público xeral.

"Hai que darlle a benvida ao AVE, aínda que sexa 30 anos despois", dixo, para destacar tamén que é un fito froito da "insistencia" tras "moitas promesas incumpridas que non se merecían os galegos" por parte do Goberno central.

A pesar de que se salda así "unha débeda do Estado co país", Pontón matizou que isto "non debe tapar que o AVE chega a Galicia, pero chega a Ourense" mentres a rede ferroviaria do interior, a excepción do Eixo Atlántico, "está a desmantelarse".

Ademais, a portavoz nacional do BNG insistiu en que Galicia ten "dereito a un tren de proximidade" para conectar as súas vilas e cidades.

FORMOSO

Os socialistas galegos celebraron este luns, día 20 de decembro, a chegada do AVE á Comunidade galega ao considerar que abre "un escenario de oportunidades socioeconómicas" histórico para Galicia.

O acto inaugural reuniu en Ourense a integrantes da nova dirección do PSdeG, encabezada polo novo líder Valentín González Formoso, e ao portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero. Trátase do primeiro evento público na que ambos os socialistas coinciden tras a celebración do XIV Congreso Nacional do PSdeG.

Precisamente, nun comunicado remitido aos medios, Formoso destacou que a chegada do AVE a Galicia abre "un escenario de oportunidades socioeconómicas" a nivel histórico para esta comunidade.

Tras participar na viaxe inaugural xunto cos xefes de Estado e de Goberno e diversas autoridades políticas e institucionais, aplaudiu que o evento permita ver como "a chegada do AVE é por fin unha realidade" tras "moitos anos de traballo colectivo e máis de 10.000 millóns de euros de investimento". Nesa liña, apostou por "seguir traballando" para aproveitar o novo horizonte aberto pola mellora da conectividade ferroviaria en Galicia.

JÁCOME

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, celebrou a posta en servizo do tramo de alta velocidade ferroviaria entre a cidade e Pedralba, pero pediu "non baixar a garda" e continuar a demanda de infraestruturas.

Así as cousas, chamou a "aproveitar" a posta en servizo do novo tramo de alta velocidade nun "día histórico e cheo de alegría" no que a presenza de autoridades supuxo "unha auténtica honra", segundo trasladan fontes municipais. "Ourense segue sendo a Cincenta de Galicia e España, pero hoxe sómolo un pouco menos", aseverou. Así, chanceou ao asegurar que este personaxe "vai viaxar nun carro un pouquiño máis cómodo e mellor" desde esta xornada.

'LUGO, NON PERDAS O TREN'

A plataforma 'Lugo, non perdas o tren' lamentou este luns que a provincia siga sendo a "Cincenta" en canto a servizos ferroviarios, precisamente o día que entra en servizo a liña de Alta Velocidade entre Madrid e Galicia.

"Xa nos conformariamos con menos de que chegue aquí o AVE", recoñeceu o presidente da plataforma e da Federación de Asociacións de Veciños, Jesús Vázquez, que insistiu en que os veciños de Lugo e doutras zonas como Ferrol quedan "descolgados" deste tipo de servizos "fundamentais.

Vázquez demandou unhas conexións "sincronizadas cos horarios do AVE a Ourense" e recuperar servizos perdidos durante a pandemia, como a conexión a Barcelona, a País Vasco ou algúns trens con Madrid.

"Estamos a xogarnos o futuro e estámonos xogando o asentar poboación e ter unhas comunicacións dignas, que non é moito pedir en pleno século XXI", sinalou.

Tamén se referiu a que o transporte terrestre "está a comerse todo ese terreo" no tráfico de mercadorías, a pesar de ser "moito máis contaminante".

Así mesmo, pediu melloras en proximidades, pondo o acento na liña da capital da provincia cara A Coruña, dado que agora é unha "viaxe interminable". "Son moitas as demandas, e nós imos seguir insistindo desde esta plataforma en que Lugo non pode perder o tren", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Moine

O importante nom é a grande velocidade que conecte a Madrid com as suas colónias, como Galiza; o importante é ter um tecido de vias de comunicaçom, ferroviárias e outras, que artelhem ao País, e a este com o resto de Europa. É imprescindível que o trem de Ferrol a Irún viaje a umha boa velocidade e una a estes dous núcleos, e nom que estejas obrigado baixar até Madrid, e ali colher outro comboio para te achegar a Irun. Isto o tivem que fazer mais d’umha vez na minha vida.

1 Ferroviario

Meu , xa hai un tren que artella Coruña - Vigo en hora e vinte.. que están superartellados. De Ferrol a Irún é de vía estreita, e, xa que logo, non pode viaxar a " una boa velocidade" porque o trazado o impide. Unha vez na tua vida ( mañá mesmo,por exemplo) podes coller o tren de Ferrol a Coruña, e logo o Alvia Coruña - Barcelona, con enlace en Vitoria a Irún.

2 Ferroviario

Lembremos que xa hai, desde bastante tempo un tren que conecta Coruña - Santiago - Pontevedra e Vigo en unha hora e vinte minutos, alqo que parece que parece que a xente non sabe. Entre Coruña e Lugo a viaxe non é " interminable", son unha hora e cincuenta minutos, pero é certo que non é moi rápido, e sobre todo, hai moi poucas fecuencias. Entre Lugo e Ourense hai catro trenes por sentido. E hai moi poucos paises no mundo con alta velocidade. USA. Inglaterra, Australia, Austria ou Chequia, por exemplo, non a teñen.

1 Sentidiño