Xardíns 'que curan', protagonistas do Festival de Xardíns de Allariz 2022

O xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz reuniuse, días atrás, para seleccionar os dez xardíns que formarán parte da duodécima edición. Foron elixidos de entre 36 propostas chegadas dende diferentes lugares da xeografía mundial como Ourense, Madrid, País Vasco, Colombia, Italia, Estados Unidos, Brazil Escocia ou Montenegro, entre outros.

Por X.M. Fernández | Allariz | 30/12/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A edición do Festival de Xardíns de Allariz do vindeiro ano dedicaráselle aos xardíns terapéuticos, xardíns que curan, e estará aberta de maio a outubro.

Xardín gañador do 'Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2021'. Foto: Prensa do concello
Xardín gañador do 'Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2021'. Foto: Prensa do concello

Un xardín terapéutico é un espazo ao aire libre que está deseñado especificamente para satisfacer as necesidades físicas, psicolóxicas, sociais e espirituais das persoas que usa o xardín, así coma as dos seus coidadores, familiares e amigos.

Moitas das terapias realizadas hoxe en día en espazos de interior serían moito máis efectivas realizadas nun entorno natural, motivo polo cal estes espazos están a gañar cada vez máis protagonismo en terapias de sanación. Todas estas premisas foron as que levaron ao xurado do Festival a escoller este tema.

XURADO E SELECCIÓN

O xurado, presidido polo prestixioso paisaxista portugués, Francisco Caldeira Cabral, e composto por Elsa María Matos Severino (Paisaxista), Guillermo Cuadrado (Representante da Asociación Española de Paisajismo), Rocío Rengífo, Andres Vergara da Asociación de Graduados en Paisaxismo xunto con Ignacio Somovilla, do sector do turismo e xornalismo (Bomarzo – Garden Tours) e Ana Robles (Enxeñeira de Telecomunicacións e paisaxista); e da parte do Concello de Allariz, Celestino Feijóo, director de urbanismo, Bernardo Varela, concelleiro de medio ambiente, María López, concelleira de promoción económica e Francisco García, director do Festival de Xardíns, elixiron hai uns días os dez xardíns protagonistas da vindeira edición. Os deseños ocuparán o recinto xunto co xardín gañador da pasada edición “O camiño cara a emigración de Rosalía” e o xardín deseñado polos centros docentes de Allariz.

Foron elixidos de entre 36 propostas chegadas dende diferentes lugares da xeografía mundial como Ourense, Madrid, País Vasco, Colombia, Italia, Estados Unidos, Brazil Escocia ou Montenegro, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

Un motivo mais para visitar Allariz, e, de paso, ver as maravillas románicas xemeas de Augas Santas e Xunqueira de Ambía.