As chamadas ao 061-Galicia aumentaron un 40% o luns despois de Nadal

Sanidade pide un uso "responsable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2021 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 rexistrou durante a xornada deste luns 27 de xaneiro un incremento das chamadas nun 40 por cento. Por iso, lembra a necesidade de facer "un uso responsable dos recursos sanitarios públicos".

Este aumento da demanda sanitaria, supuxo, como sucedeu noutros momentos da pandemia, o reforzo do persoal que traballa na central, sinala nun comunicado. A Consellería de Sanidade solicitou á cidadanía o uso "responsable" do teléfono 061 como número exclusivo de atención ás emerxencias sanitarias e os casos graves provocados pola covid-19 na Comunidade galega.

Ao tempo, o departamento sanitario da Xunta lembra o teléfono de información (881 54 00 45) para consulta de información, dúbidas ou síntomas leves relacionados co coronavirus. Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria debe chamar ao 061, teléfono no que será atendido polo persoal médico e enfermeiro especialista na atención a este tipo de situacións.

No caso de ser positivo en covid, tras a realización dunha proba diagnóstico, débese marcar o 061 nos seguintes casos: se sente sensación de afogo ao respirar, sofre alteración da consciencia ou ten dor no peito.

En resto dos casos, deberá chamar ao teléfono 881 54 00 45 de información exclusiva sobre o coronavirus, onde poderá realizar consultas, resolver dúbidas e recibir indicacións sobre como actuar no caso de sufrir síntomas leves como febre, cansazo ou malestar xeral relacionado coa covid-19. O Servizo Galego de Saúde ten a disposición da cidadanía a web (https://coronavirus.sergas.gal/) na que se pode consultar información dirixida á poboación, profesionais sanitarios e outros colectivos.

Centro de chamadas do 061
Centro de chamadas do 061

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta