Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/04/2014 | Actualizada ás 18:06
"Rachar coas políticas neoliberais da UE e o seus tratados". Ese é o principal reto que se marca Lidia Senra se sae elexida eurodeputada. "O reto é moi importante e, por iso, hai que buscar a alianza da esquerda a nivel europeo", dixo.
A ex secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), candidata de Anova nunha coalición que reedita en Galicia o formato AGE das pasadas autonómicas entre Anova, Esquerda Unida e Espazo Ecosocialista --non entra desta volta Equo--, presentou este xoves as liñas que vai levar a Europa se sae elexida. Unhas liñas políticas que pasan, principalmente, por combatir o neoliberalismo. "Os nosos competidores son os neoliberais, o gran capital. Por iso a esquerda europea temos que facer unha alianza entre iguais para vivir todos dignamente do noso traballo", indicou.
Acompañada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, Lidia Senra destacou os principais problemas que existen no país e que levará a europa; principalmente, a falta de traballo e de perspecitvas para os traballadores.
Tamén loitará para que os labregos e os obreiros teñan uns ingresos e salarios "dignos". "Non pode ser que un país de fartura como é o noso haxa xente que estea pasando fame", dixo. Tamén quere combater polos que non teñen vivenda ou quedaron sen ela. E é que unha das cuestións que nas que incidirá en Europa é en loitar contra o Tratado de Libre Comercio entre a UE e EE.UU, que "non foi aprobado democráticamente" e que é, segundo Senra, "moi lesivo para as pymes, os dereitos laborais ou os produtos agrarios, permitindo os transxénicos".
Preguntada polo ministro Arias Cañete, que liderará a lista do PP, considerou que a súa designación indica a política que quere facer o PP e puxo como exemplo a oportunidade de redistribuír as axudas da PAC e amplialas a sectores que agora non as reciben. Así, lembrou que, como ministro, non aproveitou estas axudas en favor de manter o status quo o que significa que "2.600 grandes empresarios agrícolas cobren o mesmo que 500.000 produtores no Estado". "É un representante fiel dos intereses do neoliberalismo", sintetizou.
Xosé Manuel Beiras avogou pola "ruptura democrática" fronte á "restauración borbónica" en España e o "IV Reich" na Unión Europea, para abrir un "primeiro buraco" no "castelo kafkiano da troika".
"A elección de Lidia Senra é unha proba de coherencia na idea de romper fronteiras dentro da esquerda rupturista e aproveitar o motor desta dinámica, que está na cidadanía e á que AGE servirá para a súa proxección na instancia política", dixo. "Lidia Senra é a Mari Castaña do século XXI", en referencia á dirixente das clases populares contra o bispo de Lugo no medievo.
Pola súa banda, Yolanda Díaz, dixo que ten a Lidia Senra "como referencia", e expresou a facilidade con que a súa figura de Senra contribuíu ao consenso, ao tratarse "dunha loitadora pola emancipación como muller, como pobo e contra os poderosos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.