O PP de Ponte Caldelas presenta alegacións contra un parque eólico que conta co beneplácito da Xunta

Unha manifestación de protesta, ante a Xunta en Pontevedra o 29 de xaneiro, contará co apoio do alcalde socialista de Ponte Caldelas

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 10/01/2022 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

O grupo municipal do PP de Ponte Caldelas presentou alegacións contra o parque eólico dos Cotos, centrado nas liñas de evacuación e na dfensa dos intereses dos veciños afectados de lugares como Baltar, Buchabade e Mirón.

O PP de Ponte Caldelas presenta alegacións contra o parque eólico dos Coto
O PP de Ponte Caldelas presenta alegacións contra o parque eólico dos Coto | Fonte: PP - Europa Press.

Segundo informa a agrupación, o PP decidiu presentar alegacións "debido ao seu forte impacto", xa que estas zonas "se verán seriamente afectadas pola liña de media tensión de 14 quilómetros que, previsiblemente, ocasionará graves efectos sociais, ambientais e paisaxísticos".

A este respecto, mostra o seu rexeitamento a este proxecto industrial eólico por presentar unha fragmentación "artificiosa indebida, vulnerando varios preceptos legais e normativas do sector eléctrico".

Ademais, os concelleiros do PP critican que o rexedor de Ponte Caldelas "siga sen convocar a xunta de portavoces pedida polos populares" para analizar os prexuízos deste parque eólico, "mentres que o alcalde de Cerdedo-Cotobade leva xa unha decena de reunións coa oposición".

MANIFESTACIÓN

Pola súa banda, o alcalde de Ponte Caldelas, o socialista Andrés Díaz, confirmou que acudirá o 29 de xaneiro á manifestación, convocada pola plataforma Así Eólicos Non, que terá lugar en Pontevedra ante o edificio da Xunta.

Díaz sostén que ese é o lugar no que hai que manifestarse porque "a Xunta de Galicia é a única administración que pode autorizar ou rexeitar o parque". O Concello porá buses a disposición dos veciños para acudir á manifestación.

Así mesmo, censura que foi a Administración galega a que declarou este parque eólico de interese autonómico o pasado de mes de outubro, "unha declaración que se fixo de modo escuro e que a quen beneficia única e exclusivamente é á empresa que quere pór en marcha o parque".

"A Xunta foi a que sacou a exposición pública en pleno Nadal, de maneira intencionada, para que desde os concellos non tivésemos capacidade de manobra e que os veciños non tivesen tempo para presentar alegacións. E agora mesmo está a tratar de aplacar a presentación masiva de alegacións nos rexistros da Xunta, pois só permite a presentación dunha alegación con cada cita previa e non están a aceptar as autorizacións de representación", reproba o rexedor.

PODEMOS

Pola súa banda, o Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común presentou, no Congreso, unha pregunta ao Goberno central relativa ás medidas que se toman en contra da fragmentación irregular de proxectos eólicos para eludir o control ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Avisa de que "cada vez é máis común a presentación de proxectos fragmentados para a instalación de parques eólicos, de maneira o conxunto de aeroxeradores non supera os 50 megawatts". "Con esta estratexia as empresas evitan as condicións e restricións interpostas polo Goberno", advirte Podemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta