Máis dun cento de obras e 475 profesionais compiten por ser finalistas nos premios Mestre Mateo

Os membros da Academia Galega do Audiovisual votarán ata o próximo 31 de xaneiro.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/01/2022 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

Un total de 475 profesionais e 162 obras compiten por ser finalistas dos XX Premios Mestre Mateo, segundo informa a organización. Os membros da Academia Galega do Audiovisual votarán ata o próximo 31 de xaneiro para elixir as candidaturas finalistas en cada unha das 25 categorías.

XIX edición dos Premios Mestre Mateo, no Teatro Colón da Coruña
XIX edición dos Premios Mestre Mateo, no Teatro Colón da Coruña | Fonte: Concello da Coruña.

Nesta edición dos Mestre Mateo participan 162 obras estreadas en 2021, o que constitúe un 11% máis que no ano anterior. Dentro das obras presentadas atópanse 19 anuncios publicitarios, 29 curtametraxes, 28 documentais, oito longametraxes, 32 programas de televisión, cinco series de televisión, 14 series web e 27 videoclips.

Presentáronse tamén 475 candidaturas nas categorías profesionais, das que 292 (60%) corresponderon a homes e 183 (40%) a mulleres.

Unha vez rematadas as votacións anunciaranse as candidaturas finalistas dos XX Premios Mestre Mateo, unha edición que culminará o próximo 19 de marzo, na gala de entrega de premios onde se coñecerán as gañadoras e gañadores desta edición de aniversario.

A celebración terá lugar en Expocoruña, "un novo recinto para unha nova experiencia dos premios cos finalistas das distintas categorías sentados en mesas ao redor dun escenario, cun formato similar ao doutras populares entregas de premios como os Globos de Ouro ou os Premios Feroz", explica a organización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta