Ence xa ten vendido a produción das súas fábricas en 2022, 1,1 millóns de toneladas de celulosa

Os acordos de venda alcanzados teñen por destino o mercado europeo.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/01/2022 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

Ence, a principal papeleira de Galicia, xa pechou acordos de venda para 1,1 millóns de toneladas de celulosa para este ano 2022. Un acordo que, segundo apunta a fábrica, "supón cubrir o máximo de produción das biofábricas da compañía para o presente exercicio".

Operarios de ENCE trafegando madeira
Operarios de ENCE trafegando madeira | Fonte: ence.es

Principalmente, os acordos de venda alcanzados teñen por destino o mercado europeo, no que Ence ten importantes vantaxes competitivas loxísticas e de servizo ao cliente. "A través destas operacións, a compañía logra aumentar a súa cota de mercado no continente, e mellorar o seu posicionamento en segmentos crave e que se atopan en crecemento, como o tisú, as especialidades e o packaging", indica nun comunicado.

Ademais, a pasteira destaca o incremento da súa marca “Ence Advanced”, que aumentou ata superar o 20 por cento do total comprometido. Trátase de celulosa especial destinada a multitude de aplicacións que permiten a substitución de fibra longa por fibra curta; e de fibras sintéticas, como os plásticos, por fibras de orixe natural procedentes da madeira, "que permiten contribuír ao avance cara á  bioeconomía circular", destaca.

"Ence logra desta maneira unha posición de referencia nun mercado no que a demanda mundial de papel experimentou un crecemento importante durante o pasado ano, grazas á recuperación global tras a crise sanitaria de segmentos como as especialidades e os papeis gráficos", suliña a empresa que insiste en que "é un referente internacional na produción ecoeficiente de celulosa cos máis altos estándares ambientais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta