A OMS: "Pode aparecer outra variante que sexa aínda máis mortal e transmisible que as anteriores"

Avisa da necesidade de que a vacina chegue a todos os países do mundo e que se necesitarán máis vacinas que teñan un maior impacto na transmisión da Covid-19.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 14/01/2022 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

O Grupo de Asesoramento Técnico sobre a Composición da Vacina contra o Covid-19 (TAG-CO-VAC) da Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que se necesitarán máis vacinas que teñan un maior impacto na prevención da infección e a transmisión da Covid-19, segundo informou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus.

Segundo este grupo de expertos, creado pola OMS en setembro, ata que se desenvolvan tales vacinas, pode ser necesario actualizar a composición das actuais para garantir que sigan proporcionando os niveis de protección recomendados pola OMS contra a infección e a enfermidade.

Doutra banda, o TAG-CO-VAC tamén apuntou que unha estratexia de vacinación baseada en repetidas doses de reforzo da composición orixinal da vacina "é pouco probable que sexa sustentable".

Neste sentido, o grupo tamén subliña que, aínda que algúns países recomendan reforzos, a prioridade inmediata para o mundo é acelerar o acceso á vacinación primaria, especialmente para os grupos con maior risco de desenvolver enfermidades graves. "Aínda que as vacinas seguen sendo moi eficaces para previr a enfermidade grave e a morte, non evitan totalmente a transmisión", insiste Tedros.

"Máis transmisión significa máis hospitalizacións, máis mortes, máis persoas sen traballo, incluíndo mestres e traballadores da saúde, e máis interrupción dos servizos sociais e de saúde esenciais", expresou o director xeral da OMS. "Máis transmisión tamén significa máis risco de que xurda outra variante que sexa aínda máis transmisible e máis mortal que as anteriores", engade.

Así, Tedros lembrou que a magnitude e o ritmo da transmisión "tamén supoñen unha maior presión sobre o persoal sanitario e asistencial, xa sobrecargado e esgotado". Por iso, reiterou que acabar coa desigualdade na distribución de vacinas, terapias e diagnósticos segue sendo "a clave" para acabar coa pandemia. "Se acabamos coa desigualdade, acabaremos coa fase aguda da pandemia", comentou.

Neste sentido, lembrou que máis do 85 por cento da poboación de África (uns mil millóns de persoas) aínda non recibiu unha soa dose de vacina. "Non podemos pór fin á fase aguda da pandemia a menos que traballemos xuntos para pechar estas brechas", reiterou o director xeral da OMS.

"A semana pasada notificáronse á OMS máis de 15 millóns de novos casos de Covid-19 en todo o mundo, o maior número de casos notificados nunha soa semana, e sabemos que se trata dunha subestimación", afirmou Tedros, que lembrou que este aumento está impulsado pola variante Ómicron, que está a substituír "rapidamente" á Delta en case todos os países.

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, en rolda de prensa tras a Asemblea Mundial da Saúde
O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, en rolda de prensa tras a Asemblea Mundial da Saúde | Fonte: Arquivo EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta