Villarino: "Quero mostrar que hai proxecto fronte ao clientelismo da familia Baltar"

Asegura que é "o candidato de Ourense" e rexeita que as citas provinciais repitan as diferenzas do congreso galego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2022 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

O actual secretario xeral do PSOE provincial de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino (Ourense, 1965), aspira a revalidar o seu liderado á fronte da estrutura do partido na provincia co obxectivo de "culminar a tarefa" iniciada hai catro anos e acabar co "proxecto clientelar" que, segundo denuncia, leva a cabo a "familia Baltar" desde hai décadas.

Nunha entrevista concedida a Europa Press en plena campaña das primarias nas que os socialistas elixirán os seus novos líderes provinciais, o tamén portavoz dos socialistas no Concello de Ourense e na Deputación destaca que a súa tarefa á fronte do partido "levou a conseguir os mellores resultados da historia do socialismo en Ourense".

Pregunta: Por que volveu dar o paso á fronte?

Rafael Rodríguez Villarino (RRV): Para culminar unha tarefa que empezamos hai catro anos, que nos levou a conseguir os mellores resultados da historia do socialismo en Ourense. Un resultado que, despois de 28 anos, levounos a gañar ao PP na cidade de Ourense e, xunto a outros resultados na provincia, a que o PP deixase de ter a maioría absoluta á fronte da institución provincial.

P: Cales son os alicerces do seu proxecto?

RRV: Primeiro e ante todo, unha repartición xusta e equitativa dos fondos entre todos os concellos de Ourense, como ocorre noutras deputacións de Galicia. É dicir, acabar co clientelismo na repartición de fondos públicos. Tamén o reequilibrio territorial, cunha discriminación positiva que faga que Ourense sexa por fin unha provincia na que se poida asentar poboación.

No caso do partido, o máis importante é facer que ese proceso de ilusión e participación que tivemos en toda a provincia se volva materializar e lograr unha maioría ampla na cidade para tamén, desa maneira, dar o progreso a Ourense que necesitamos. Ademais, non podemos facer un cambio provincial se non conseguimos máis deputados, e conseguiremos máis deputados provinciais na medida na que obteñamos mellores resultados. Non hai outra vía para o cambio político que a de mostrar que hai un proxecto fronte ao clientelar que leva décadas poñendo en práctica a familia Baltar nesta provincia. O resultado é por todos coñecido.

P: Ve o partido preparado para chegar a estas institucións?

RRV: É que o partido xa tiña que estar a día de hoxe gobernando. O único que houbo foi un pacto perverso, no que tanto o PP como Democracia Ourensana traizoaron os seus votantes e déronlles xusto o contrario do que querían. Fixeron unha unión de conveniencia para situar a Jácome no Concello de forma que Jácome, dalgunha maneira, lle dese apoio a Baltar para que seguise á fronte da Deputación. Se non fose este pacto, este cambio xa se produciu. Agora imos tentar culminar ese proceso cos mellores resultados para que non haxa ningunha unión ou alianza perversa que volva frustrar a ilusión da xente de Ourense.

P: En todas as provincias compiten dous candidatos, cre que se están repetindo as diferenzas evidenciadas no congreso galego?

RRV: Non creo, cada provincia ten a súa propia identidade e casuística e, no caso de Ourense, é unha provincia que presenta un modelo consolidado que deu resultados. Sabemos que facer e como facer fronte a outro modelo dun candidato --en referencia ao do rexedor do Barco, Alfredo García-- que dixo que antes de retirarse quería presentarse á Secretaría Xeral provincial, algo que tamén é respectable.

P: Sorprendeulle o paso dado polo alcalde do Barco?

RRV: Si, porque a verdade é que nunca participou na vida orgánica. Pero ben, é unha ilusión que el ten. Dixo que antes de retirarse da vida política quería presentarse, e iso é respectable.

P: Vostede apoiou a Gonzalo Caballero. Considérase o seu candidato?

RRV: Non, eu considérome o candidato de Ourense. É certo que apoiei a Gonzalo Caballero pero eu son o candidato desta provincia.

P: E cre que o seu rival é o candidato de Formoso?

RRV: Iso habería que preguntarllo a Formoso e ao propio candidato. A información que eu teño e que a min me traslada a executiva galega é que é unha executiva de todos e que non toma partido neste tipo de procesos. Eu non son a persoa que o debe dicir... A executiva elixida neste caso por Valentín González Formoso non sei se ten unha posición tomada ou se o mesmo ten esa posición, pero polo que a min me transmitiu, mantéñense neutrais nun proceso provincial, como non pode ser doutro xeito.

P: Tras as citas provinciais chegarán as locais, será fácil enterrar as diferenzas en agrupacións como a da cidade de Ourense?

O Partido Socialista, a diferenza do Partido Popular e doutros, si ten procesos democráticos nos que hai diversidade de opinións e a xente exprésaas cando vota os candidatos que se presentan en cada comicios. Iso dá como resultado un proceso onde compiten compañeiros e compañeiras, despois do cal, a democracia di a cada quen o respecto que debemos ter aos resultados obtidos se somos socialistas e non cabe dúbida. E creo que tamén somos demócratas.

P: Apostará pola integración se resulta vencedor?

RRV: Sempre apostei pola integración. De feito, á candidatura que presentei hai catro anos chamabámoslle así, a candidatura da integración. Pero é certo que para que exista esa integración deben de querer ambas as partes e, no momento no que eu propuxen a integración a parte que non resultou vencedora preferiu apartarse e non formar parte desa integración. Tamén é respectable.

O actual secretario xeral do PSOE provincial de Ourense e candidato á relección, Rafael Rodríguez Villarino. CANDIDATURA RAFAEL RODRÍGUEZ VILLARINO
O actual secretario xeral do PSOE provincial de Ourense e candidato á relección, Rafael Rodríguez Villarino. CANDIDATURA RAFAEL RODRÍGUEZ VILLARINO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta