A Xunta saca peito da viaxe de Feijóo ao Vaticano ante as críticas da oposición

O director xeral de Relacións Exteriores destaca as viaxes do Goberno galego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

As visitas do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a Portugal ou ao Vaticano, onde se entrevistou co Papa Francisco para convidalo a acudir a Galicia con motivo do Ano Santo prolongado ata finais de 2022 destacan na axenda de acción exterior que desenvolveu o Gobienro galego durante 2021, un ano marcado pola pandemia que limitou as viaxes institucionais de membros do Executivo autonómico así como as recepcións a mandatarios foráneos en territorio galego.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presentou este mércores o informe anual da axenda de relacións exteriores da Xunta ante a Comisión 1ª do Parlamento autonómico, onde os grupos da oposición (BNG e PSdeG) volveron a criticar o modelo de presentación deste balance, xa que entenden que "non achega absolutamente nada" e limítase "ano tras ano" a "unha relación de notas de prensa".

Na súa exposición, Gamallo sinalou que o deste ano é un balance que comprende un "período de transición" pola aprobación e entrada en vigor desde o pasado mes de abril da Lei galega de acción exterior, aprobada polo Goberno autonómico para rexer as súas relacións con gobernos, institucións e entidades do estranxeiro.

Os efectos da pandemia sobre a mobilidade, como lembrou o responsable da Xunta, repercutiron nas viaxes de membros do Goberno galego e levou á adopción de "novos modelos de interacción exterior" como as videoconferencias ou a participación en foros e actividades por vías telemáticas.

Deste xeito, o maior número de saídas oficiais ao exterior durante 2021 estiveron protagonizadas polo propio presidente da Xunta, que, fundamentalmente, visitou Portugal en varias ocasións para cuestións de cooperación transfronteiriza, impulso de infraestruturas compartidas como a conexión ferroviaria por alta velocidade entre Vigo e O Porto e promoción do Camiño de Santiago.

Con todo, a saída máis destacada de Núñez Feijóo en 2021 produciuse a mediados do mes de xuño, cando se desprazou ao Vaticano para manter unha entrevista co papa Francisco, a quen trasladou a invitación oficial para que visite Galicia este 2022, ano no que continuará o Ano Santo tras a autorización concedida pola Santa Sé.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, os grupos da oposición volveron a criticar o modelo que emprega a Xunta "ano tras ano" para facer balance sobre a actividade da política exterior, pois entenden que as comparecencias de Gamallo "limítanse" á exposición de "un relatorio" de viaxes que, din, carece dunha valoración sobre a consecución dos obxectivos establecidos na estratexia de acción exterior.

O deputado do BNG, Luís Bará, tachou de "relatorio prescindible" unha comparecencia que cre "unha recompilación de notas de prensa que se podería substituír co envío aos grupos do informe", unhas críticas nas que coincidiu o parlamentario socialista, Pablo Arangüena, que engadiu que a presentacion da lista de viaxes "sen ningún tipo de valoración non serve para nada".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibido en audiencia polo papa Francisco. Vaticano, 14/06/21. © VATICAN MEDIA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibido en audiencia polo papa Francisco. Vaticano, 14/06/21. © VATICAN MEDIA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta