'Espontáneas': unha ventá á sexualidade das galegas pobres que declaraban embarazos ante notario

Galicia presentaba antano a taxa de fillos ilexítimos máis alta do Estado e contaba ademais cunha opción xurídica só coñecida no territorio galego: a de espontanearse. Mulleres acudían ante as autoridades para inculparse por teren quedado preñadas e relataban o sucedido. Diso hoxe fican os expedientes: documentos narrados en primeira persoa que permiten albiscar un pasado menos casto do que puideramos pensar. E, sobre todo, unha sexualidade non sempre dobregada á vontade de home.

Por Alicia Casas | Compostela | 01/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un proceso xurídico unicamente coñecido na Galicia do Antigo Réxime permite rastrexar, ademais da protección e o control ao que as autoridades sometían os corpos e vidas das mulleres, a sexualidade en primeira persoa daquelas galegas que fóra do matrimonio-- por 'actos torpes' ou 'fraxilidade humana'-- quedaban encinta.

Expedientes de mulleres 'espontaneadas' no Arquivo Notarial da Coruña.
Expedientes de mulleres 'espontaneadas' no Arquivo Notarial da Coruña. | Fonte: Ángel Arcay.

Son os procedementos de ‘espontanía’ e as ‘espontáneas’ son aquelas mulleres, na gran inmensa maioría viúvas e solteiras, que de xeito voluntario ou obrigadas se inculparon ante as autoridades por teren quedado preñadas. Facíano para lograr un salvoconduto, non ser desterradas nin insultadas nin encarceradas, e a cambio comprometíanse a responder pola saúde da crianza. E daquilo fican hoxe os expedientes, de non máis de dúas follas, onde as mulleres narran. Neles figuran promesas de casamento, homes embarcados, violacións... pero tamén sexo sen promesas nin preguntas, apetito carnal, e mesmo mulleres ‘reincidentes’.

Nos expedientes das espontáneas aparecen os datos identificativos da muller (residencia, estado civil, idade, traballo, mes de embarazo no que se atopaba) e da súa familia. Tamén os datos identificativos do home (‘danante’) e a testemuña onde se recollen os feitos. Unha declaración que podían facer ante alcaldes maiores, alcaldes rurais, autoridades militares ou notarios. E aí contaban o proceso do preñado e nomeaban un fiador, encargado do coidado da muller e a criatura, cuxa figura servía para evitar chamar a atención da veciñanza.

Os expedientes deberan estar asinados pero raras veces están. Dos 555 atopados polo historiador Ángel Arcay no Arquivo Notarial da Coruña, só 8 aparecen asinados. Raros son tamén os casos nos que a muller declara o seu traballo, conta o historiador betanceiro, sendo as poucas que o declaran criadas ou costureiras. Mulleres en cáseque todos os casos analfabetas e con oficios humildes. Ese é o patrón dominante na investigación ‘Mujeres espontáneas: fragilidad humana y cópula carnal en las comarcas del Eume y Ferrol (XVIII-XIX)’, pola que Ángel Arcay vén de gañar o Premio de Investigación Hume e que está aínda por publicar.

Ese mesmo patrón repítese no traballo ‘Entre a protección e o control. As espontaneadas da Coruña e Ferrol (1750-1800)’ realizado pola investigadora Ana María Romero Masiá. A investigación recolle un conxunto de 356 expedientes (do Arquivo Municipal da Coruña e do Arquivo do Reino de Galicia) e a ocupación das embarazadas figura só en 69. De novo, o grupo maioritario correspóndese coas criadas (73,4%), seguidas das tecedeiras (13%) e doutras profesións como costureiras, revendedoras ou lavandeiras, menos representadas.

Ana María Romero Masiá sinala ademais que das 356 mulleres analizadas, só unha sabía escribir, “o que indica claramente a condición socio- económica das declarantes”. Desta forma, indica no seu traballo, as mulleres analfabetas confirmaban a súa declaración, polo xeral, facendo o sinal da cruz na súa man dereita. Pero hai excepcións, subliña Ángel Arcay ao lembrar o caso dunha muller de clase acomodada e con varios apelidos: ela si sabía escribir e esponteneouse varias veces. “Cando se espontaneaba unha muller tiña que prometer que ía vivir casta e honestamente e non ía repetir todo aquilo. Pero aínda que o prometeran, aos dous anos volvían pasar por diante do notario”, explica.

VIOLACIÓNS, PROMESAS E ‘APETITO CARNAL’

 

As razóns que as espontáneas declaran como motivo do seus embarazos son variadas. Porén, se hai un fío condutor neses relatos, ese é o de alegar a súa ‘fraxilidade humana’. E abstraendo as particularidades de cada caso, as causas que obrigaban a estas mulleres a pasar por diante das autoridades podémolas reducir a tres: violacións explícitas, promesas de matrimonio incumpridas (90% dos casos) e relacións esporádicas por ‘apetito carnal’.

 

Por tratarse das actuais comercas de Eume e Ferrol, no traballo de Ángel Arcay hai ademais un patrón que se repite. Casos que eran case sempre os mesmos, nos que militares e mariñeiros deixaban preñadas ás mulleres antes de embarcar. Así, segundo indica o investigador, a proximidade portuaria e o tránsito cara á cidade ferrolana xustificarían moitas das historias. Incluídas tamén as violacións, como a narrada por Rosa López en Cedeira, onde explica que cierto hombre con vestuario de soldado y armado de fusil y escopeta, sin conocerle ni llegar a saber quién era, la encontró en el camino del Ferrol (...) y la sedujo a actos ilícitos en que forzosamente tuvo que caer sin poderse librar de aquel sujeto por ser el encuentro a solas y de ello le resultó su preñazgo.

"Ao mellor o das violacións si que o esperabamos un pouco nese contexto militar e demais, pero había moita variedade, mesmo mulleres que directamente non preguntaban o nome e logo quedaban preñadas", conta Ángel Arcay. É o caso de María Lorena de Villadóniga, que deixou entrar na súa casa en Meroi a un home que peregrinaba a San Andrés de Teixido e pedía pousada. Aí, movida de la fragilidad humana condescendí sin preguntarle por su vecinidad, estado y palabra de casamiento, de cuyos excesos carnales quedé y me hallo encinta próxima al parto.

E había mesmo casos nos que as mulleres confesaban ter mantido catro e ata cinco relacións sexuais co mesmo home. Tamén expedientes nos que as mulleres ocultan por distintas razóns o nome do ‘delincuente’, relacións sexuais entre parentes, ou relacións sexuais entre criadas e amos. As casuísticas son diversas pero nelas abondan as promesas de casamento incumpridas. Aínda que hai excepcións, comenta o arquiveiro, casos nos que os homes acoden ante as autoridades para cumprir a promesa e mesmo casos que van máis aló do cumprimento e declaran amor.

 

En calquera caso, a explicación de que tantas mulleres xustificaran as súas relacións sexuais coa promesa de casamento debémola buscar na celebración do Concilio de Trento, a mediados do século XVI. Dende ese momento, as autoridades eclesiásticas centráronse en perseguir todo tipo de actividade sexual que non tivera como finalidade a procreación. Algo que non estaba prohibido pola lexislación agás nos casos nos que o sexo dera como resultado fillos ou escándalo público. E alegar promesa de casamento nese contexto era, dalgunha forma, a fórmula que tiñan as mulleres para evitar a condena moral e salvagardar a súa honra.

 

A CASTIDADE, UNHA VIRTUDE BURGUESA?

 

Os procesos de espontanía, só coñecidos en Galicia, prodúcense precisamente no territorio que tiña a taxa de fillos ilexítimos máis alta do Estado-- “Aquí sempre houbo uns rangos escandalosos de fillos que tiñan os curas por aí ás agachadas!”--. Desta forma, o fenómeno das espontáneas sería, segundo sinala Ángel Arcay, algo non tan escandaloso e máis habitual e socialmente aceptado. Uns procesos nos que cabería tamén interpretar outros fenómenos tranversais como a emigración masculina, a necesidade de atopar nos fillos a asistencia para os coidados na vellez, ou a prostitución nos hábitos diarios da Galicia do Antigo Réxime.

 

“Mirar a outras épocas cos ollos actuais sempre é difícil, pero ao mellor si que é un pouco equivocada a historia que temos a día de hoxe do pasado. E vendo este tipo de expedientes e eses datos, se cadra temóslle que darlle unha volta a como o entendemos”, apunta Ángel Arcay. Para o investigador, os expedientes das espontáneas serven para analizar a sexualidade dunha época menos casta do que puideramos pensar.

 

En palabras de Miguel Ángel Fernández, autor da investigación ‘Los expedientes de las espontáneas de San Xoán de Río: Nuevas fuentes para la historia de las mujeres gallegas del siglo XIX’, xa en antano “se ben as autoridades eclesiásticas e mesmo políticas parecen mostrarse especialmente controladoras e centradas na represión de condutas non normativas, a cotidianidade evidencia a existencia de importantes marxes de liberdade, transgresión e permisividade”.

O cambio de actidude respecto das relacións sexuais chegaría, xa que logo, despois. Foi coa chegada da burguesía liberal, a mediados do século XIX, cando a moralidade imperante insistiu en ofecer a imaxe da muller como “anxo do fogar”. Con todo, o traballo realizado por Miguel Ángel Fernández (no que analiza 27 expedientes de mulleres espontaneadas en San Xoán de Río entre os anos 1847 e 1824) suxire que, en Galicia, a moralidade burguesa puido ter escasa influencia no que á sexualidade respecta, "sobre todo no marco dun territorio que continuaba sendo maioritariamente rural".

ENTRE A PROTECCIÓN E O CONTROL

Espontanearse non deixaba de ser unha medida de protección e control que exercían as autoridades sobre os corpos e vidas das mulleres e os seus fetos. Dende o punto de vista da protección, segundo moitos analistas, a medida tiña como propósito evitar expósitos e infanticidios. E dende o punto de vista do control, indica Ana María Romero Masiá que se trataba de actuar 'sobre un comportamento privado non punible baixo o argumento básico do control do feto'. Porque, sinala, ese coidado do non nato non era complementado con outros apoios económicos e sociais.

Iso eran naquel entón estes procedementos pero hoxe son algo máis. Os expedientes das espontáneas son documentos que, aínda que moi curtiños, permiten rastrexar a sexualidade das mulleres galegas daquela época. "Abren unha ventá cara ao pasado", di Ángel Arcay antes de incidir en que "non é habitual nos documentos históricos que unha muller, e ademais pobre, conte en primeira persoa o que estaba pasando".

Esa é tamén a razón para o investigador de que non se teñan atopado máis casos ata o de agora. "Eu creo que seguramente haxa máis expedientes, pero pensa que ao seren mulleres e aínda enriba pobres pois non lle deberon dar moita importancia. Cando comecemos a baleirar os arquivos aparecerán moitísimas máis historias de mulleres espontaneadas, o que pasa é que ninguén as buscou", di.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta