Abanca duplica beneficios despois de pechar 50 oficinas no rural galego

A entidade de Escotet recibiu unha subvención de tres millóns de euros da Xunta para instalar novos caixeiros nas vilas afectadas. Ao longo do ano pasado desfixéronse de máis de 100 traballadores no seu plan de "dixitalización".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

Abanca obtivo un resultado de 323,3 millóns de euros en 2021, un exercicio marcado pola "mellora da rendibilidade estrutural" e tamén fortes críticas polo peche de oficinas bancarias no rural. Deste xeito, duplica o beneficio atribuído de 160 millóns de 2020 --ano no que destinou 273 millóns a provisións, que agora se situaron en case 139 millóns--.

En rolda de prensa, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, dixo que 2021 foi "francamente bo", a pesar de que "foi un ano moi retador". "Saímos reforzados da crise, con síntomas e evidencias fortes da recuperación crediticia", sentenciou. De feito, valora que lograron "bater" marcas en determinados segmentos de negocio respecto de antes da pandemia, tales como hipotecas, créditos a autónomos e pemes, así como un incremento "considerable" de clientes, especialmente fóra de Galicia.

A entidade baseou o seu resultado no aumento dos ingresos recorrentes, cun avance do 6,2% na marxe básica. En paralelo, continuou coas medidas de control de gastos, o que permitiu mellorar a marxe recorrente un 33,1% ata alcanzar os 241 millóns. Tras a incorporación de Bankoa e o negocio de Novo Banco en España, que Escotet valora como "un éxito", mellora a súa rendibilidade estrutural, cun crecemento tanto de negocio (aumenta un 57% respecto de 2018 e un 9,7% para o sector) como de rendibilidade (os ingresos aumentan un 26,3% mentres que o sector perde un 5,4%).

Un home pasa á beira dunha sucursal de Abanca, en Madrid, (España), a 10 de setembro de 2020. Marta Fernández - Europa Press - Arquivo
Un home pasa á beira dunha sucursal de Abanca, en Madrid, (España), a 10 de setembro de 2020. Marta Fernández - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

A nova dos disparados beneficios de Abanca chega nun momento álxido de mobilizacións contra o peche de sucursais bancarias e a redución da atención in situ, que vén de ser particularmente criticada polos xubilados e pensionistas, máis afectados ante o recorte polo seu menor dominio das tecnoloxías dixitais. Precisamente, Abanca vén de anunciar que neste exercicio de 2021 a súa banca móbil superou por primeira vez o nivel do millón de usuarios a principios do exercicio, ata situarse en máis de 1.100.000 a peche de 2021. Asimesmo, destacan que as transaccións dixitais supoñen xa o 69,6% do total.

PROTESTAS DOS XUBILADOS

Neste contexto, o presidente da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Lugo, Julio Méndez, avogou o pasado martes pola creación dunha Banca Pública para resolver os "abusos" que sofre este colectivo por parte da privada. Méndez valorou de forma "positiva" a alta participación na manifestación do luns, na que participaron centos de xubilados na cidade de Lugo, ante a oficina do BBVA, para protestar "polos abusos" da banca.

Así mesmo, cuestionou "se hai algunha causa que impida que en España se cre unha banca pública", e fixo referencia "a algo que existiu hai bastantes anos e que era a Caixa Postal de Aforros"."Nesa caixa case todo o mundo tiña unha conta, onde metían os seus aforros e facían as súas operacións. Iso funcionaba en todas as oficinas de Correos de España e iso poderíase reproducir para rebaixar o monopolio que teñen agora os bancos", reflexionou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta