Temas: FRASEOLOXíA

“Cortina de ferro”, no canto da locución castelá “telón de acero”, para a fronteira entre o antigo bloque soviético e o bloque occidental capitalista

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 13/02/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Malia que hoxe en día é moi posible que á máis da xente nova pouco lle soe a secuencia lingüística telón de acero, podemos dicir que para os que xa temos unha certa idade e durante máis ou menos anos vivimos na época da guerra fría, trátase dunha locución que estaba á orde do día e que, coma quen di, case formaba parte da nosa cotiandade.

Unha imaxe de Lenin coa bandeira comunista da Unión Soviética
Unha imaxe de Lenin coa bandeira comunista da Unión Soviética

Curiosamente, esta frase substantiva telón de acero conforma unha locución basicamente circunscrita ó castelán da España, na medida en que a expresión orixinal que dá conta do concepto que está a ser obxecto do presente artigo é iron curtain, que foi cuñada para a posteridade, en lingua inglesa, por Winston Churchill (inda que previamente fora empregada, na súa forma alemá eiserner Vorhang, tanto polo ministro de Propaganda nazi Joseph Goebbels coma polo chanceler xermano Lutz Schwerin von Krosigk) durante un discurso pronunciado o 5 de marzo de 1946 nos Estados Unidos, como se pode observar no anaco que a seguir reproducimos:

«From Stettin in the Baltic, to Trieste in the Adriatic, an Iron Curtain has descended across the continent.»

Anaco que, literalmente traducido, vén a dicir:

«Desde Stettin, no Báltico, a Trieste, no Adriático, unha cortina de ferro caeu sobre o continente.»

De feito, e por abundar un pouco máis no tema, cómpre salientar que no castelán suramericano a locución cortina de hierro (ou sexa, a tradución literal tanto do inglés iron curtain coma do alemán eiserner Vorhang) ten moito predicamento.

Xa que logo, nesta mesma liña, e tal e como se fixo noutras linguas da nosa contorna, coma no portugués, no francés, no romanés ou no italiano, esa tradución literal foi a que se adoptou normativamente para o galego:

Telón de acero

{= Fronteira política, ideolóxica e militar que separou, tras a Segunda Guerra Mundial, os países do bloque e influencia soviéticos dos do bloque occidental.}

Cortina de ferro

Ex.: Una de las imágenes más icónicas relacionadas con la desaparición del telón de acero fue la caída del muro de Berlín.

Unha das imaxes máis icónicas relacionadas coa desaparición da cortina de ferro foi a caída do muro de Berlín.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta