Música desde a terra dos tanxugos

“Por aquelo da proximidade, e porque suporía un fantástico fito que o galego fose a lingua na que se sentisen identificados máis aló do Padornelo, tiña curiosidade por coñecer o tema “Terra”, presentado polo grupo galego “Tanxugueiras”.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 10/02/2022

Comparte esta noticia
Non lles son moito de festivais. De ningún tipo. Nin dos presenciais, nin destes que vemos no televisor, con grande despregadura de medios, coreografías fantásticas e xente guapa. Que va! Sonlles moito máis sinxelo. Ou aburrido, se lles vai mellor catalogalo así. Ou orixinal.
 
A cousa é que este ano, a pesar do dito no primeiro parágrafo destas liñas, fun quen de aturar o Festival de Benidorm, no que se decidiría o tema e artista que representaría a España na cita máis paradigmática, no festival de festivais. En Eurovisión. E aí estiven eu, pendente da pantalla, tratando de desfrutar da arte das diferentes propostas, aínda que non entenda moito diso. Ben, foi algo diferente. Outra forma de pasar a noite do sábado.
 
Por aquelo da proximidade, e porque suporía un fantástico fito que o galego fose a lingua na que se sentisen identificados máis aló do Padornelo, tiña curiosidade por coñecer o tema “Terra”, presentado polo grupo galego “Tanxugueiras”. Dificilmente pronunciable para mil e un cronistas, gústame moito o seu nome, que fai referencia aos tanxugos, teixugos ou porcoteixos. E, máis concretamente, ás quintas -”fincas”- nas que eles teñen presencia e deixan a súa pegada. Polo meu apelido -”finca pequena”, en castelán- e ao ter coincidido no monte con máis dun tanxugo, entenderán que me guste e ata resulte fermoso ese nome. E o grupo, por outra parte, transmite forza e valores inclusivos cos que me identifico. Así as cousas, enténdese que fosen para min as favoritas. Ouvín logo o tema e gustoume como soaba. E máis ao ler a transcrición da súa letra.
 
Por alí había algunha outra peza que tamén me gustaba. Algunha que dicía cousas tamén concordantes coa miña forma de ver o mundo, sentir e pensar. Que transmitía valores parecidos aos que eu quero contar nos meus escritos ou nas aulas. Ata aquí ben. Logo foi interpretado outro tema que me gustou moito menos, con letra indescifrable e un tanto onomatopeica, coa que me sentín moi pouco identificado. Pero xa ven, eu era alí só un “convidado de pedra”, sen moita idea dos criterios de avaliación, a oportunidade, o interese e mesmo a estética dun mundo -o da música de hoxe e os festivais tan dos medios- que me é bastante alleo. Fiquei diante da pantalla, a ver que pasaba...
 
Logo xa saben. Gañou a canción indescifrable, que hoxe se presume gozaba dos favores do ente público. Non sei se iso é así ou non. Pero o que teño claro é que a mesma transmite unha mensaxe coa que me identifico menos que o que debe de facelo un polbo cun deses tanxugos. Nada de nada. Pero ben, “serei eu o raro, que tampouco podo opinar moito”, pensei. Non fun consciente nese momento da indignación de tanta xente, fóra e dentro de Galicia, en contra do resultado dese día, froito da combinación da decisión “demoscópica”, popular e profesional. Demasiada complicación para que, visto o detalle das puntuacións de cada quen, os cinco profesionais puidesen darlle facilmente a volta á tortilla das outras dúas patas da votación. Eles bastarían -e bastaron- para decidir o que lles petou, independentemente do resultado nos outros foros.
 
Desde entón ata hoxe, mirado ao mar, segue a polémica, alimentada e reforzada polos datos que van saíndo sobre todo o acontecido. Tamén hai quen di que a canción en galego non lle tería representado. Chama iso a atención, porque o do “SloMo” con palabras a medias, inventadas ou en inglés tampouco parece que reflicta moito a realidade sociolóxica de España. Ou, por suposto, a súa mensaxe bastante pouco edificante e ata ordinaria. Pero claro, disto mellor non opino -definitivamente- porque na miña lóxica nótase ben que conecto mal cun xénero que fai cancións así a montóns, e que están todo o día na boca dos nosos nenos e nenas, e mesmo nas canles de televisión oficiais, que din que ofrecen un servizo público...
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”
 

Tanxugueiras nunha rolda de prensa tras a celebración da segunda semifinal do Benidorm Fest 2022
Tanxugueiras nunha rolda de prensa tras a celebración da segunda semifinal do Benidorm Fest 2022 | Fonte: Joaquín Reina - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.