Axentes do caso Desirée: "Non hai lugar a dúbidas de que foi unha morte violenta"

Declaran no xuízo que atoparon sangue no corpo da menor, nunha almofada, no chan da habitación, nun calcetín e nunha zapatilla, e no pixama da nai, que foi localizado debaixo da cama.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 10/02/2022 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

Os axentes que participaron na inspección ocular e no levantamento do cadáver da nena Desirée Leal advertiron a presenza de sangue no corpo da menor, así como nunha almofada, no chan da habitación, nun calcetín e nunha zapatilla, e no pixama da nai, que foi localizado debaixo da cama. "Non había lugar a dúbidas dunha morte violenta", explicou un dos axentes durante a súa declaración como testemuña no xuízo, que acolle a Audiencia Provincial de Lugo.

A presunta asasina da súa filla Desirée Leal, Ana S., no primeiro día do xuízo polo crime, na Audiencia Provincial de Lugo
A presunta asasina da súa filla Desirée Leal, Ana S., no primeiro día do xuízo polo crime, na Audiencia Provincial de Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Na primeira inspección, explicou, observaron "petequias" na cara da nena, que "non son un síntoma de envelenamento", se non "máis ben dun afogamento ou un estrangulamiento". Ademais, proseguiu, "non había lugar a dúbidas dunha morte violenta porque tiña sangue nas mans e nos brazos" e na boca, así como unha pequena ferida. O pixama da nena tamén estaba manchado de sangue.

Os axentes viron tamén sangue no chan da habitación, nun calcetín, nun zapato e nunha funda de almofada, que foi enviada a analizar. Tamén se analizou o contido de dúas botellas de auga, unha toalla coa que se limpou o vómito da nai e varios blister de trazodona, entre outros elementos.

A testemuña tamén fotografou e tomou mostras dunhas salpicaduras aparecidas preto da cama, en sentido ascendente, que serían compatibles "con alguén que tente facer beber algo á nena e a nena, dun lapote, tire a auga".

Finalmente, os axentes atoparon baixo a cama o pixama da nai, que se cambiou de roupa antes de chegar os sanitarios. Neste pixama, localizaron restos de sangue nas pernas, entre a íngua e o xeonllo, o que a testemuña considera "compatible coa posición da nai á hora de matar á nena". "Eu, a única dúbida que teño, é se a matou na cama ou a matou no chan", resolveu.

PROCURA DUN VELENO

Por outra banda, compareceu tamén un policía que analizou a tablet da nai, onde se atoparon procuras acerca dun veleno, a 'estricnina'. Na primeira sesión do xuízo, un tío da acusada dixo que el era o que buscara esa substancia, por curiosidade, por relación coa súa profesión --agricultor--, dado que se empregaba como matarratas.

O axente declarou este xoves que a palabra 'estricnina' foi buscada ata en 14 ocasións e ao mesmo tempo que outros items como 'falta de vitamina b' e problemas xenéticos, cuestións que afectaban a Desirée. Non foi localizada ningunha procura de fertilizantes ou produtos agrícolas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta