"Ovellas e cabras son o mellor contra os lumes, pero a Xunta non nos apoia"

Hai 100 anos Galicia contaba con 1,5 millóns de ovellas e cabras, máis ca vacas. Hoxe quedan pouco máis de 190.000 e decrecendo. Entrevistamos Carlos A. Rodríguez Rodríguez, técnico da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) e un dos mellores coñecedores do sector en Galicia.

Por GCAgro | Lugo | 16/05/2014 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Cóntanos en qué consiste a actividade OVICA e a cantos socios agrupa?
A “Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia” (OVICA), primeira e única asociación que agrupa a este tipo de produtores en Galicia, foi constituída por trece gandeiros de ovino e cabrún no ano 1994, como resposta a unha serie de inquedanzas tanto sectoriais como produtivas. Tratábase de xente que confiaba nas posibilidades do sector, tanto no senso económico como alternativa de desenvolvemento e valorización do medio rural.

Carlos A. Rodríguez Rodríguez, técnico de OVICA
Carlos A. Rodríguez Rodríguez, técnico de OVICA

Este foi o primeiro paso cara a unha futura organización dentro do sector. Hoxe en día, OVICA é unha figura clave no sector, dedicando todo o seu esforzo á realización de actividades de promoción, formación, profesionalización e especialización do sector gandeiro galego, co obxectivo de lograr un sector ovino e caprino competitivo e sostible e contribuíndo á mellora do nivel e da calidade de vida do gandeiros, así como das súas producións

Actualmente, OVICA conta con 152 socios que representan un volume reprodutivo de 26.350 cabezas, cunha media 175 cabezas/explotación, que dan boa conta da importancia e representatividade da asociación no sector ovino e caprino galego, minoritario en Galicia pero cun gran potencial.

Cal é a situación do gando ovino e cabrún en Galicia?
Os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente indican a existencia en Galicia de 194.722 cabezas de ovino a mes de Novembro de 2.012, mantendo a dinámica de reducción dos últimos anos, concretamente dun 5,10 % menos que con respecto ao ano 2.011. Pola súa parte, no sector cabrún o número de cabezas en Novembro de 2.012 era de 44.624 aumentando un 1,6 % en relación ao ano 2011.

Con todo, e a pesares do estancamento e incluso redución no número total de animais censados e saneados nas campañas de saneamento (por exemplo, en 2.003 Galicia contaba con 281.008 ovinos e 41.513 cabrúns), a Asociación nos últimos anos segue aglutinando ao 50 % das explotacións de toda Galicia con máis de 100 animais censados na súa explotación, é dicir ás máis profesionalizadas. Esto débese a que a maioría das explotacións no territorio galego son familiares cun número reducido de animais, inferior ás 25 cabezas (a media actual é de 11,4 ovellas/explotación).

"As razas galegas de ovella e cabra teñen un mercado moi recudido. Sobreviven grazas ás axudas"

En qué situación se atopan as razas propias de Galicia de cabras e ovellas?
A raza Ovella Galega está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de Decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. Na Asociación temos 6 socios que contan con rabaños moi importantes desta raza. A evolución no número de animais de raza Ovella Galega pasou de 369 e 25 rabaños en 2001 a 3.054 cabezas e 102 rabaños en 2011.

Pola súa parte, no referente á raza Cabra Galega, pese a que a raza aparecía recoñecida oficialmente no RD 1682/1997 os traballos de conservación da raza non empezaron ata o ano 2010 cando a Federación de razas Autóctonas de Galicia-BOAGA, en virtude dun convenio firmado coa Xunta de Galicia comezou cos traballos de conservación.

Os datos censais no ano 2010 no que se empezaron os traballos coa raza eran de 271 femias e 24 machos nun total de 43 ganderías, co cal a media de animais da raza por gandería non chegaba aos 7 exemplares. A práctica totalidade dos productores desta raza son socios de OVICA.

Ámbalas dúas razas reciben axudas por parte das administracións ao tratarse de razas autóctonas, e que permiten a súa supervivencia, debido a que teñen un nicho de mercado moi reducido e cuns prezos que en moitas ocasións non chegan a cubrir os custes de produción.

"A Consellaría de Medio Rural ten totalmente marxinado a este sector" 

Está este tipo de gando descoidado por parte das administracións fronte a outros como o vacún, que copan toda a atención e axudas?
OVICA traballa a reo para intentar lograr un sector ovino e caprino galego competitivo, abarcando todos os frontes posibles e que teñen que ver coa organización sectorial, coa mellora da sanidade dos rabaños e coa comercialización das producións.

Ovellas pacendo
Ovellas pacendo | Fonte: GC

Nos últimos anos a situación sectorial e as perspectivas son, cando menos, preocupantes. É certo que as dificultades económicas xeneralizadas que estamos a atravesar non favorecen a situación, mais a razón principal continúa a ser a falta de apoio pola administración, que aposte polo sector en Galicia e que poña en marcha medidas e políticas sectoriais realmente efectivas. As dúas únicas medidas que poderíamos denominar “sectoriais”, pola súa maior incidencia neste sector aínda que non pola súa exclusividade, e que deron os seus froitos nestes últimos anos, deixáronse de aplicar pola falta de apoio da administración, neste caso da Consellería do Medio Rural. Estamos a falar do Convenio de Mastíns e do Convenio Silvopastoril.

As posibilidades do sector vense prexudicadas non so pola ausencia de medidas de apoio especificas para o sector, senón tamén polas políticas de carácter xeral, como pode ser a ausencia de políticas efectivas de desenvolvemento rural ou medidas que favorezan unha ordenación do territorio. As consecuencias son repoboacións incontroladas de especies foráneas en terras agrarias, favorecemento do despoboamento rural, dificultade de acceso á superficies, aumento incontrolado dos depredadores e polo tanto dos danos ó gando, etc., e que á súa vez, teñen como consecuencias graves delitos medioambientais (envelenamentos, incendios...), conflitos sociais, abandono de explotacións, etc...

Neste sentido o Convenio Silvopastoril asinado entre a Consellería do Medio Rural e OVICA e que se desenrolou entre os anos 2007 e 2009 intentaba solucionar parte destas dificultades, pois os aproveitamentos silvopastoris son unha alternativa eficaz de xestión da superficie, que ten como obxectivos fundamentais:

- Valorización das actividades agrogandeiras e forestais e das súas producións, así como do territorio, e contribuíndo a fixar e manter poboación no medio rural e á compatibilidade entre gandería extensiva e fauna salvaxe.

- Ordenación do territorio a través da xestión da superficie infrautilizada, e aumentando deste modo a base territorial das explotacións.

- Control da biomasa a través do pastoreo cos rabaños de gando ovino e caprino, sendo un elemento fundamental na prevención de incendios ó mesmo tempo que revalorizan a produción gandeira e forestal.
                                                                       
En virtude deste Convenio prestábase o asesoramento técnico necesario ás Comunidades de Montes Veciñais de Lugo e Ourense interesadas. Froito deste traballo realizáronse uns 115 proxectos silvopastoris co conseguinte beneficio no sistema socioeconómico local, pois víronse beneficiadas un elevado numero de explotacións.

Podemos entender que o ovino e o cabrún son os irmáns pobres do sector vacún de leite en Galicia, pero é necesario apostar por este tipo de actividades en moitas rexións desfavorecidas nas que se poden converter na mellor opción para fixar poboación no medio rural. Isto é así porque se favorece o mantemento da paisaxe con criterios sociais, medioambientais e económicos sostibles, ao mesmo tempo que se reduce a perigosidade de incendios gracias a un aproveitamento silvopastroril programado por parte do gando, evitando a constante forestación de terras agrícolas e gandeiras.

"Hai moito potencial de crecemento na gandería de ovella e cabra: Galicia só produce o 30% da carne de ovino-caprino que consome" 

Qué potencial ten Galicia para a produción cárnica e de queixos de ovella e cabra?
Aínda que prácticamente todos os países diminúen o seu censo de reprodutoras e a produtividade por ovella ou cabra pode mellorar, a diminución da produción de  carne destas especies é evidente.

A consecuencia destes feitos é que Europa segue a importar anualmente elevadas cantidades de carne de ovino, principalmente de Nova Zelanda, país que por mor dos elevados prezos dos derivados lácteos no mercado mundial, está transformando explotacións de ovellas en granxas de produción de leite de vaca e mesmo intensificando a produción.

Galicia ten unha produción de ovino - cabrún escasa, en xeral mal manexada, estancada ou mesmo en retroceso e que cubre aproximadamente só o 30% do consumo do país, aínda sendo este moi baixo.

É neste contexto no que se pode enmarcar a conveniencia de expandir e incrementar este tipo de produción nun territorio, como o galego, con moitos recursos pastables e forraxeiros infrautilizados. Por outra banda ese baixo aproveitamento conduce ó incremento do risco e da intensidade dos incendios forestais. En síntese, trataríase de reducir o déficit de carne, xerar novas actividades gandeiras en base aos recursos existentes,  reducir riscos para a foresta e contribuír ó secuestro de carbono.

Os recursos pastables en Galicia son abondosos e variados, aínda que se pode diferenciar basicamente entre os arbustivos, os herbáceos e os que se xeran baixo arborado. Todos eles son potencialmente aproveitables, o esencial é os coñecementos, o capital e aceso ós terreos necesarios para iniciar as actividades. Na situación galega deberían ser de preferencia para unha produción a baixo custe. Eses diferentes tipos de parcelas que albergan diferentes recursos alimentarios para o gando están mesturados no espazo agrario e mesmo son complementares.

En Galicia sufriuse unha progresiva perda de importancia do papel do monte e da Superficie Agraria Util na economía das explotacións agrarias. Os aspectos relacionados coa recuperación de terreos de monte e o seu aproveitamento polo gando ovino e cabrún, en sistemas baseados no pasto, foi un dos obxectivos de especial atención en OVICA que divulgou os resultados obtidos en centros de investigación como o CIAM ou o SERIDA. Éstes puxeron de manifesto a posibilidade produtiva destas superficies e plantexaron as mellores formas de aproveitamento.

A produción de ovino e cabrún en Galicia, orientada na súa práctica totalidade cara a produción de carne, compórtase na actualidade coma unha actividade marxinal, con pouca incidencia no conxunto da economía agraria galega. Isto non é o que acontecía hai 100 anos, ónde máis de 1,5 millóns de cabezas de gando pastaban no territorio galego. Temos que tratar de reactualizar este xeito de produción e facelo sostible nos tempos de hoxe en día.

"O uso de mastíns é a mellor medida para previr o ataque de lobos...pero a Xunta deixou de apoiarnos"

Cales son os principais obstáculos aos que se enfrontan os gandeiros de OVICA? o lobo é un deles?É moi preocupante o incremento da poboación da fauna salvaxe e dos danos ocasionados ás producións agrogandeiras. Falamos principalmente do xabarín e do lobo, aínda que tamén ocasionan grandes perdas outras especies como os corvos. Neste sentido, a crítica céntrase en puntos moi concretos, pois tanto a problemática existente como as posibles solucións son fácilmente identificables:
-    A única medida “sectorial” posta en marcha nos últimos anos e de moi elevada efectividade, o Convenio de Mastíns, foi eliminada.                              

-    A liña de axudas encamiñadas á prevención son totalmente ridículas, tanto na  súa aplicación como en orzamento, en termos absolutos e relativos ao comparalo co gasto en indemnizacións.

-     As indemnizacións, aínda que absolutamente necesarias, son ineficaces e insostibles polo incremento anual das mesmas, inasumiblemente lentas (ata 2 anos sen cobrar) e case sempre inxustas (o valor do dano supera notablemente o indemnizado). Deben selo ultimo recurso, cando todas as demais medidas fallaron. Unha cousa é asumir certa inevitabilidade dos danos e outra que se converta na principal medida de compatibilizar fauna salvaxe e gandería.

A prevención é o único camiño posible para compatibilizar gandería (ou calquera actividade agrogandeira en Galicia) coa presenza e conservación da fauna salvaxe. É máis, esta fauna salvaxe depende necesariamente da existencia deste tipo de actividades agrogandeiras para a súa supervivencia, polo que é un deber da sociedade en conxunto contribuír á continuidade das explotacións. Non poden soportar soamente os danos os gandeiros e agricultores a presenza un ben que é de todos.

Neste sentido o Convenio de Mastíns acadaba os obxectivos plenamente. En todas as explotacións que recibiron mastíns os danos pasaron a ser nulos ou descenderon en tal medida que a conflitividade desapareceu. Por desgraza, igual que ocorreu co convenio silvopastoril, a Consellería do Medio Rural optou en 2010 por non continuar con esta medida de apoio tan eficaz.

O acceso á superficie de pastoreo segue sendo un impedimento en Galicia?
O acceso á superficie de pastoreo é o atranco fundamental á que se enfrontan os mozos que desexan incorporarse á actividade agrícola e gandeira en Galicia e que carecen dunha tradición familiar de vida no medio rural e de traballo no sector primario.

Para paliar este problema, fai uns anos a administración apostou por crear o Banco de Terras en Galicia, como instrumento co que se pretende regular o uso e o aproveitamento de fincas con vocación agraria, co dobre obxectivo de evitar o seu abandono e de poñelas a disposición de todas aquelas persoas que necesiten carga territorial para usos agrícolas, gandeiros, de conservación da natureza e patrimonio ou outros usos de interese social.

A función principal do Banco de Terra é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias que precisan terras, así como ofrecer garantías, confianza e seguridade na xestión e uso das fincas. Dende OVICA consideramos moi axeitada esta iniciativa levada e posta en marcha pola Consellería de Medio Rural e animamos a que se permaneza mantendo o apoio orzamentario como unha das vías para favorecer a incorporación de mozos ao rural.

Qué lles recomendaríades aos emprendedores que queiran iniciarse nesta actividade?
Despois destes 20 anos de andaina, dende OVICA asesoramos a moitos novos emprendedores, por diferentes vías (compatibilizando os medios máis tradicionais: correo postal, vía telefónica, fax), cos máis recentes (correo electrónico, perfís de redes sociais en facebook e twitter e páxina web):

Lugo: Pazo de Feiras e Congresos (Avda. da Fábrica da Luz, s/n – 27004 Lugo).

Allariz: Rúa do Portelo, 4 – 32660 Ourense
Tfno./Fax: 982 245 142
Correo Electrónico: ovica@ovica.org
Páxina web: www.ovica.org
https://www.facebook.com/ovica.criadoresdeovinoecaprino

  https://twitter.com (ovica@OVICA_)


Coa experiencia acumulada durante todos estes anos, o consello principal que lle damos a todos aqueles emprendedores que queiran iniciarse nesta actividade, e en especial a aqueles sen vínculos previos con este tipo de actividades agro-gandeiras, é que deben estar seguros de dar o paso: trátase de unha experiencia en gran medida vocacional e non todo o mundo está capacitado. Se realmente existe unha motivación afectiva, o que recomendamos é realizar inversións pequenas, e dar pequenos pasos pero firmes, xa que os primeiros anos son os peores para iniciar este longo camiño, pero ao final a recompensa é moi gratificante.

Aconsellamos encarecidamente que se fagan socios de Asociacións como a nosa que lles permiten estar en contacto con persoas que como eles pasaron polas súas mesmas inquedanzas, aventuras, problemas, ilusións e esperanzas. Polo que sempre poderán recibir consello en base a experiencias pasadas similares para evitar repetir problemas xa vividos por outra xente na súa mesma situación. Apostamos tamén pola formación como piar básico no que apoiarnos para que todos aqueles socios que o desexen poidan asistir ás xornadas de formación que organizamos periódicamente, así como cursos, congresos, e demais feiras ás que asistimos.

Qué demandas lles plantexades ás Administracións?
O presente ano é un ano de transición na aplicación da PAC (política agraria común) á espera da publicación da nova normativa neste 2014 que regule a actividade agrícola e gandeira en España e Galicia nos vindeiros 5 anos (2015-2020). Existen axudas como a dos Servizos de Aconsellamento e Xestión e do Contrato de Explotación Sustentable (CES), destinadas ás entidades e ás explotacións que sufriron moitos recortes na contía, con redución ou eliminación dos importes nalgunhas liñas e coa imposibilidade de solicitar o CES desde o 2011 ou de ampliar compromisos.
   
Este cúmulo de recortes limita a capacidade para autofinanciarse dunha Asociación como é OVICA que subsiste gracias ás cuotas que aportan os socios que a constitúen, os cales tamén lles toca sufrir estes recortes nas axudas e subvencións que agardemos sexa con carácter temporal ata a entrada en vigor da nova lexislación. Senón a supervivencia será cada vez máis compricada.

A eliminación de antigos convenios que repercutían no beneficio do gandeiro e da administración, xa que con pequenas inversións se lograban evitar pagar indemnizacións a posteriori moito máis elevadas, ou se destinan máis recursos á sofocar os incendios que a evitar as causas que os orixinan; conleva que se reduzan as condicións laborais e salariais de empregados, que desempeñan o seu traballo día a día coa ilusión de mellorar o sector e a vida dos gandeiros aos que representan e que en moitas ocasións aforran un custe a administración porque evitan destinar horas de traballo a un funcionario público. 

Algún punto máis que queiras comentar?
A mediados do mes de Xuño, organizaremos un curso de esquileo desde a Asociación para aglutinar a todos aqueles interesados que desexen aprender a rapar unha ovella, moi interesante para xente da terra que ten animais na súa explotación e non quere externalizar o servizo e para xente desempregada que pode atopar neste traballo unha forma de vida laboral futura na actual situación de crise económica que vivimos. Poden consultar horarios e condicións do mesmo no teléfono 982 245 142.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 A culpa é do lobo

Isto do gando como defensa contra os incendios é a chorrada máis grande que escoitei na miña vida, de feito, as zonas de Galicia que máis sufren os incendios coinciden, en moitas ocasións, con altas concentracións de gando como pasa coa Groba ou co Barbanza. Ao mellor, se lle poñen alas ás vacas e ovellas para que podan comer as copas dos eucaliptos e pinos (especies sumamente inflamables), poderían frear un pouco o avance do lume que, co vento, pasa de copa en copa con facilidade. Pero o de que miles de cabezas de gando escarallen o mato para intentar evitar que arda, non vale para nada. Iso por non falar do altísimo valor ecolóxico do mato, algo que os gandeiros sempre pasan por alto. Bueno, e despois dicir que o principal problema que teñen os gandeiros son "os lobos, os xabaríns e os corvos" xa roza o esperpento. Nada, a poñer o cazo e seguir cobrando subvencións que supoño que é do que vai o tema este.

1 gandeiro

Home o amigo barbanzán, xa tardabas en saír home. Cubríndote de gloria como sempre, e amosando unha vez máis a túa supina ignorancia sobre o mundo rural e a natureza. Eche o que ten ser urbanita, que confundes o mato e a terra a monte co natural. A máis variedade ecolóxica, máis vida, nas aldeas e comarcas con actividade agrogandeira, que neses páramos cubertos de toxo e xestas que tanto che gustan.

2 A culpa é do lobo

Si, si, "urbanita", seguramente piso eu máis monte nunha semana que ti en todo o ano. Xa sei que para ti o mato é un "páramo de toxo e xestas", eres moi ecoloxista ti. Por certo, díraslle aos teus amigos que, polo menos, lle dean de comer ao gando: http://www.lavozdegalicia.es/notici...