Temas: FRASEOLOXíA

“Meu dito, meu feito” ou “dito e feito”, equivalentes ao castelán “dicho y hecho”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 20/02/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Consultando diversas obras lexicográficas e fraseolóxicas en castelán, observamos que se adoita definir/explicar a secuencia fraseolóxica dicho y hecho facendo fincapé en que se trata dunha fórmula que dá conta de que aquilo de que se está a falar acontece ou se realiza con prontitude (coma tal, o Diccionario de la Real Academia Española: “Ú. Para explicar la prontitud con que se hace o hizo algo”).

Unha muller compra un décimo de lotaría a unha vendedora ambulante. Eduardo Parra - Europa Press
Unha muller compra un décimo de lotaría a unha vendedora ambulante. Eduardo Parra - Europa Press

Na nosa modesta opinión, e sen prexuízo de que, efectivamente, na súa orixe a dita fórmula se empregase do xeito referido, cremos que hoxe en día o seu uso fai máis ben referencia a que aquilo do que se está a falar pasou a suceder, a se realizar, a se cumprir ou a se levar a efecto (cumprindo sempre, iso si, o requisito de que entre a acción ou situación exposta e a súa materialización efectiva ten que haber inmediatez ou non interrupción da continuidade no discurso do emisor, malia que na realidade extralingüística poida pasar un tempo máis ou menos longo entre ambas), como podemos observar, por exemplo, nos seguintes enunciados:

En su primera temporada en la élite quedó anímicamente tocado porque su máximo rival había quedado pichichi con casi cuarenta goles, así que se propuso superar esa cifra. Y dicho y hecho: aunque tuvieron que pasar ni más ni menos que siete temporadas, finalmente, en la 2007-2008, consiguió meter la friolera de cincuenta y cuatro goles.

Cuando se conocieron en el año 2010, el cantautor brasileño le comentó a la diva española que sería bonito grabar un disco juntos. Pues dicho y hecho: en este 2019 acaba de salir a la luz un álbum conjunto de ambos.

Para galego, e malia que no DRAG se diferencia entre dito e feito (á cal se lle asigna o primeiro dos “significados” aquí expostos) e meu dito, meu feito (á cal se lle asigna o segundo destes “significados”), a nosa experiencia dinos que se trata de secuencias expresivas sinónimas: de feito –e sen prexuízo de que, se cadra, si o poida haber–, a verdade é que inda non demos cun contexto en que en castelán se empregue a fórmula dicho y hecho no cal en galego non poidamos botar man de xeito natural de meu dito, meu feito.

Dicho y hecho

{= 1. Fórmula que dá conta de que aquilo de que se está a falar acontece ou se realiza con prontitude ou sen case solución de continuidade. 2. Fórmula que dá conta de que aquilo do que se está a falar pasou a suceder, a se realizar, a se cumprir ou a se levar a efecto (cumprindo o requisito de que entre a acción ou situación exposta e a súa materialización efectiva ten que haber inmediatez ou non interrupción da continuidade no discurso do emisor, malia que na realidade extralingüística poida pasar un tempo máis ou menos longo entre ambas).}

Meu dito, meu feito

Dito e feito

Ex. (acepc. 1): El día de su elección prometió cambios radicales, y dicho y hecho: todavía non han transcurrido cuarenta y ocho horas y ya tenemos dos fichajes de campanillas.

O día da súa elección prometeu cambios radicais, e meu dito, meu feito e dito e feito: inda non transcorreron corenta e oito horas e xa temos dúas fichaxes de sete estalos.

Ex. (acepc. 2): Cuando se conocieron en el año 2010, el cantautor brasileño le comentó a la diva española que sería bonito grabar un disco juntos. Pues dicho y hecho: en este 2019 acaba de ver la luz un álbum conjunto de ambos.

Cando se coñeceron no ano 2010, o compositor brasileiro comentoulle á diva  española que sería bonito gravaren un disco xuntos. Pois meu dito, meu feito dito e feito: neste 2019 acaba de ver a luz un álbum conxunto de ambos.

● E mesmo tamén, probablemente como deturpación de “meu dito, meu feito”:

Ben dito, ben feito

NOTA:

As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 3”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 199-210. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Leiras Pulpeiro, Manuel: Vocabulario elaborado por Manuel Leiras Pulpeiro, datado en 1906. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta