Loita contra as cabichas en Noia

O obxectivo é concienciar sobre o impacto que ten este tipo de residuo sobre o medio ambiente.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/02/2022 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista ADEGA, xunto co voluntariado de "Noia Limpa", realizará este sábado, 26 de febreiro, unha recollida de cabichas e restos de tabaco na vila de Noia. O obxectivo será concienciar sobre o impacto que este tipo de residuo ten sobre o medio ambiente, xa que hoxe en día, son uns dos refugallos máis abundantes e contaminantes da nosa contorna.

Descenden nun 85% as cabichas depositadas nos areais das illas Cíes tras as campañas de concienciación. XUNTA
Descenden nun 85% as cabichas depositadas nos areais das illas Cíes tras as campañas de concienciación. XUNTA

As cabichas teñen un impacto significativo sobre a auga por conter elementos químicos e metais pesados. A súa incidencia contaminante é maior ou menor dependendo de se é auga doce ou salgada, do tipo de ecosistema no que fosen depositadas ou de se as augas son estancas ou están en movementos.

Hai estudos que estiman que nun charco onde non hai renovación hídrica, os compoñentes químicos dunha única cabicha poden chegar a contaminar 10 litros de auga, ademais de que os restos plásticos do filtro da cabicha perdurarán milleiros de anos na auga, podendo mesmo ser inxeridos por aves ou animais acuáticos.

Desde ADEGA, observamos que a prohibición de fumar en terrazas por mor da Covid-19 favoreceu que este tipo de residuo acadase maior presenza en chans e lugares afastados das zonas de ocio ou habitualmente concorridas polas persoas. Ante a falta de cinceiros, algunhas persoas optan por tirar os restos dos cigarros ao chan, un acto totalmente incívico e antiecolóxico.

RECOLLIDA

O punto de encontro das persoas voluntarias para realizar a limpeza de cabichas será a Praza do Concello de Noia e comezará as 11:00 horas. Alí, formaranse equipos de limpeza que se dividirán en diferentes zonas da vila.

Ademais da recollida, ADEGA e a organización LimpOcean impartirán para os asistentes á Praza do Concello dúas charlas sobre esta problemática ambiental. A organización LimpOcean, moi preocupada pola problemática das cabichas e o seu impacto na contaminación mariña, entregarán uns cinceiros portátiles feitos de materiais reciclables.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta